cabecera_camelia
Buscador
Máis de 600 exemplares e unha reticulata que supera os dous séculos

Din del que os seus dous estanques representan a virtude e a vaidade. Tamén que o seu paseo de tileiros –entre estes estanques e o bosque de Guillufe– acubilla o camiñante do frío e do sol. Que o pazo de Oca –monumento da Casa Ducal de Medinaceli na Estrada– non se entendería sen a súa relación coa auga. Din, ademais, que Versalles galego é un sobrenome que non podería estar máis acertado. E nesta comparación cos campos franceses, os xardíns do pazo estradense decláranse culpables. Porque, unha vez os pés traspasan os muros pétreos deste pazo ao redor do que creceu a parroquia de Oca, a vista ten que facer verdadeiros esforzos para mirar nunha única dirección.

Grandes cadros de sebes, duns 30 metros, delimitan os xardíns do pazo de Oca. Exemplares de criptomeria, teixo, magnolias perennifolias, lagerstroemias, sequoia vermella, pradairo e laurocerasos delimitan o paso. Non obstante, súmase a todos eles o máis excepcional: Camellia reticulata ‘Captain Rawes', que se une a un conxunto de antigas camelias. Para nada son preguizosas: entre todas regalan as súas flores desde xaneiro a abril –hai anos que mesmo antes– de modo que, cando marchan, deixan xa en mans da primavera a tarefa de realzar a beleza dun pazo barroco no que algunhas camelias superan os oito metros. E cóntanse por centos: ata os 600 exemplares. Os máis antigos do lugar crecen nel desde o século XVIII. Presumen de ser dos máis lonxevos da provincia –lembremos que o xénero se introduciu despois do século XVI en Occidente–. Tons rosas e brancos predominan. E xogan a mesturarse entre si nun pazo no que tamén hai espazo para un xardín hortícola e froiteiro. Así, a presenza de kiwis ou maceiras lembra que Oca, coma todo pazo, se concibía como unha unidade autosuficiente. No caso das camelias, exemplares dos cultivares ‘Alfredo Allen', ‘Anemona Alba', ‘Luiz Van-Zeller', ‘Mont Blanc', ‘Pompone', ‘Pomponia Estriata Portuensis' e ‘Pomponia Portuensis', de Camellia  japonica, e do cultivar ‘Uraku', de Camellia wabisuke, reciben os visitantes.

Respecto da súa historia, os primeiros vestixios datan do século XV. Álvaro de Oca e o seu fillo Suero serían os primeiros señores da primitiva fortaleza medieval, que asistiu a diversas remodelacións. Intervencións que non só afectaron á arquitectura do pazo senón aos propios xardíns, considerados os máis fermosos de toda a provincia de Pontevedra e As Rías Baixas.