cabecera_camelia
Buscador
Unha camelia de 200 anos, a vixía da contorna

O pazo Museo Quiñones de León de Vigo, a maior cidade das Rías Baixas e a provincia de Pontevedra, continúa este itinerario. De hortos a xardíns, os exteriores dos pazos galegos preséntanse como verdadeiros monumentos vexetais. O do pazo Quiñones de León, doado para uso público coa condición cumprida de convertelo en museo, non é a excepción á regra. Habitualmente, destacan nestes pazos elementos que se observan como configuradores destes de portas cara a fóra. Así, un peche actúa a modo de fronteira entre a propiedade e o exterior mentres os xardíns se presentan fragmentados en espazos máis pequenos. Parecen estar dotados de vida propia e, en moitos casos, preséntanse en distintos niveis, adaptados á contorna. Do mesmo xeito, como sinal característica, nos pazos preséntase a inspiración inglesa e francesa. Ocorre deste xeito no pazo Museo Quiñones de León.

O pazo da Lavandeira é o seu predecesor. Era o século XVII. Dous séculos máis tarde a edificación sometíase a un completo proceso de reforma. En 1924 a propiedade era doada á cidade, e o parque, antes privado, convertíase en público. Este xardín fragméntase no xardín de acceso, o roseiral, o xardín francés, o xardín inglés (tamén coñecido como "pradería do té"), a solaina e o bosque. Parterres, un roseiral, sebes, un estanque e gran variedade de plantas exóticas e ornamentais visten este enclave. Pero queda aínda o toque que realza toda esta vestimenta vexetal: unha camelia duns 200 anos, vixía que goza da contorna xunto a tulipeiros ou magnolios.

Entre os exemplares de camelia deste terreo destaca o exemplar de Camellia japonica coñecido como "Matusalén das camelias" e a impresionante sebe formada por cultivares de 'Alba Plena', 'Bella Romana', 'Federici', 'Hagoromo', 'Herzilia II', 'Incarnata', 'Kellingtonia' e 'Pomponia Portuensis', de Camellia japonica.