Descubre Pontevedra desde las alturas
Buscador

Coñecer o interior da ría de Vigo será unha experiencia singular se visitamos o miradoiro da Peneda, no límite entre os concellos de Redondela e Soutomaior. Próximo á desembocadura do río Verdugo atopamos este montículo piramidal de 329 metros de altura que nos permite gozar dunha ampla panorámica marítima coa ría, Rande, Redondela, Arcade e a contorna da illa de San Simón como protagonistas.

Quen decida visitar esta paraxe poderá ademais gozar de impresionantes vistas do interior da provincia, co val do Verdugo introducíndose na serra do Suído e o castelo de Soutomaior, a só dous quilómetros do miradoiro. Completar o día visitando os impresionantes xardíns da fortificación é unha maneira magnífica de achegarse a unha das máis fermosas e mellor conservadas fortalezas da provincia.

A Peneda
A Peneda

Ademais, podemos alimentar a nosa afección pola arqueoloxía achegándonos ao castro da Peneda, que aínda conserva restos da muralla, de máis de dous metros de grosor e tres edificacións, así como o que puido ser a entrada a unha mina romana. Os numerosos restos atopados nos arredores (cerámicas, ourivaría etc.) poderémolos atopar no Museo de Pontevedra.

Un túnel subterráneo unía, segundo a lenda, o monte da Peneda co castelo de Soutomaior

Son numerosas as lendas que xiran ao redor desta paraxe máxica. As xentes do lugar defendían a existencia dun paso subterráneo que partía da cima do monte da Peneda e comunicaba co castelo de Soutomaior. Dita ruta secreta sería a empregada durante a Guerra de Independencia para enviar reforzos na loita contra os franceses.

Tamén son coñecidas as historias que falan dun tesouro, oculto polos mouros no interior da atalaia, que faría as delicias de calquera afeccionado ao luxo. Ademais, comentábase a existencia dunha cova secreta que recibía os seus visitantes con labazadas, aínda que o misterio resolveuse cando un veciño do lugar descubriu que simplemente se trataba de morcegos espantados pola presenza humana que golpeaban a quen se asomaba á cova no seu voo de fuxida.