cabecera_camelia
Buscador
Salvaterra de Miño, Baiona ou A Guarda son algúns dos lugares máis emblemáticos do patrimonio fortificado da provincia de Pontevedra

Se algunha vez soñaches con vivir unha aventura como a dos relatos de cabalería ou as series televisivas con temática medieval, na provincia de Pontevedra atoparás un escenario ideal para gozar dunha experiencia única que se converterá en parte da túa historia. Testemuñas de numerosos acontecementos que van marcar o devir do país ao longo dos séculos as fortificacións pontevedresas eríxense como estandartes dunha cultura ancestral que aínda nos asombra e intriga hoxe en día.

Fortaleza de Monterreal (Baiona)

Fortaleza de Monterreal (Baiona)

Sometida a constantes ataques de portugueses, piratas normandos e corsarios ingleses pola súa privilexiada situación, en 1201 o rei Alfonso XI decidiu que Baiona tería unha torre e murallas defensivas. Neste recinto amurallado coñecido como Monte Boi atraca, o 10 de marzo de 1493, unha das tres carabelas da expedición de Colón, a Pinta, coa nova do descubrimento de América, despois do cal os Reis Católicos ordenan construír unha vila, que pasa a denominarse Monte Real.

Cunha extensión de 180.000 metros cadrados de superficie e 3 quilómetros de murallas con ameas, a fortaleza de Monterreal conta ademais con tres coñecidas torres defensivas: a torre da Rolda, a do Reloxo e a do Príncipe, onde, segundo a lenda, un príncipe enmascarado da casa de Austria estivo prisioneiro. Na actualidade a fortificación coñécese como Parador do Conde de Gondomar, un nobre do século XVI que defendeu dos constantes ataques piratas esta cobizada vila que ofrece hoxe en día múltiples opcións para deleite turístico e gastronómico.

Castelo de Salvaterra de Miño

Castillo de Salvaterra de Miño

Nunha situación estratéxica á beira do río Miño que o converte nunha privilexiada atalaia onde gozar de incribles vistas, o recinto amurallado de Salvaterra de Miño, unha fortaleza do século XVII, de planta rectangular e uns impresionantes 9.700 metros cadrados de superficie, conta cunha capela central sobre a porta principal da Virxe da Oliveira, vestixio da ocupación portuguesa no século XVII, e unha muralla do século XII, erixida para se defender dos daquela constantes ataques portugueses.

Declarado en 1949 ben de Interese Cultural sobresae tamén no recinto a Casa do Conde, na que se atopaban as coñecidas covas de Dona Urraca e as súas grandes estancias abovedadas, deseño do enxeñeiro francés Carlos de Lessar. Neste escenario Dona Urraca urdiu conspiracións contra a súa media irmá Teresa de Portugal e contra Pedro Álvarez de Sotomayor, Pedro Madruga, refuxiándose das súas disputas co poderoso arcebispo Fonseca. Ademais, esta fortaleza tamén xogou un importante papel en 1640 durante a sublevación de Portugal.

Castelo de Santa Cruz (A Guarda)

Castillo de Santa Cruz (A Guarda)

A 81 metros de altura sitúase o castelo de Santa Cruz , na Guarda, que debe o seu nome, do mesmo xeito que a fortaleza homónima de Oleiros (A Coruña), a Álvaro de Bazán, marqués de Santa Cruz, capitán xeral da Armada en tempos de Carlos V e Felipe II. Construída en 1663 tras a toma de Goián polas tropas lusas con fins defensivos, empregouse con diversos usos ao longo da súa historia, desde fábrica de embutidos a casa de cerámica para converterse actualmente nun fantástico enclave público desde onde contemplar o río Miño.

A esta fortificación caracterízaa a súa forma de polígono irregular, cun foso ao redor e catro baluartes, o baluarte da Guía, o de San Sebastián, o da Cruz e o de Santa Trega. Declarada Ben de Interese Cultural en 1995, ademais atópase moi próxima a dous enclaves patrimoniais de gran valor, o castro de Santa Trega ou o excepcional miradoiro do monte do mesmo nome, que completan unha posible visita a este enclave mariñeiro de incrible riqueza paisaxística e patrimonial.

Fortaleza de San Lourenzo (Goián)

Fortaleza de San Lourenzo (Goián)

Próxima tamén á fronteira lusa atópase a fortaleza de San Lourenzo, construída no século XVII á beira do Miño debido aos continuos enfrontamentos con Portugal. A ocupación lusa dun antigo recinto chamado Fortín da Barca en 1663, coincidindo coa invasión portuguesa de Goián, e o seu posterior abandono en 1668 tras o Tratado de Paz de Lisboa, propiciaron a construción con carácter defensivo da fortaleza en 1671, por orde de Mariana de Austria.

Cunha planta rectangular e catro baluartes nas súas esquinas, a fortaleza de San Lourenzo estaba rodeada por un gran foso e contaba con numerosas dependencias, hoxe en día desaparecidas: a casa dos oficiais, os almacéns e as cortes, unha capela, a casa do capelán, unha panadería e unha cantina. Do que si podemos gozar na actualidade é da impresionante panorámica que ofrece sobre a fronteira natural do río Miño, unha paisaxe embriagadora que fará as delicias de toda a familia.

Fortaleza de Castrizán (Soutomaior)

Fortaleza de Castrizán (Soutomaior)

En pleno val do río Verdugo e cunhas vistas privilexiadas das vías de comunicación e a contorna atópase a fortaleza de Castrizán, unha construción defensiva que no seu momento contaba cunha rexa muralla, ameas, unha barraca para protexer o acceso principal e unha torre da homenaxe con tres plantas no centro do recinto. Hoxe en día consérvase na cima unha ermida do século XV ou XVI, Nosa Señora das Neves da Peneda, debaixo da que aínda son visibles os vestixios da antiga fortaleza.

Mandouna construír en 1477 con pedra do monte Viso o arcebispo de Santiago Alonso de Fonseca para vixiar o castelo de Soutomaior e ao seu dono, Pedro Madruga, inimigo declarado polo seu apoio a Dona Urraca e aos portugueses. Con todo, Madruga conseguiu conquistar e destruír o castelo aos dous anos de ser erixido tras obrigar os aliados do arcebispo compostelán a abandonalo. Ademais dos restos da fortificación quen se aventure na actualidade a coñecer esta zona poderá gozar dun patrimonio paisaxístico de gran valor, destacando unha sobreira centenaria, de máis de 400 anos, debaixo da que, segundo a lenda, os mouros esconderon un valioso tesouro.

Fortaleza do Castro e castelo de San Sebastián (Vigo)

Fortaleza de O Castro y castillo de San Sebastián (Vigo)

Tras diversos proxectos para fortificar Vigo no século XVI a fin de protexer a cidade dos frecuentes ataques ingleses a obra non se afrontou ata un século despois, en 1665, en plena guerra con Portugal. Debido á agreste orografía construíuse unha muralla irregular con tres baluartes rodeando a cidade. Ese plan de fortificación contemplaba a unión das fortalezas do Castro e de San Sebastián, entre as que, segundo a lenda, existían varios túneles subterráneos que ademais comunicaban con outros puntos estratéxicos da cidade.

Na actualidade no alto da antiga fortificación podemos gozar das privilexiadas vistas da ría de Vigo e as illas Cíes do miradoiro monte do Castro e dos espectaculares xardíns do parque do Castro, con especies exóticas de gran valor ornamental. Ademais, aínda é posible visitar os restos do castelo de San Sebastián, situado a escasos metros da casa do concello da “fiel, leal e valorosa” cidade que defendeu durante a Reconquista a súa fortaleza cun valor encomiable que aínda se lembra hoxe en día na súa festa maior

Outras fortalezas preto de Vigo, Silleda e Nigrán

A provincia de Pontevedra conta con máis exemplos do seu cuantioso patrimonio fortificado. Así, no monte Galiñeiro, moi próximo á cidade de Vigo, podemos atopar os restos dunha antiga fortificación con fins de vixilancia, situada no norte da serra e hoxe reconvertida en atalaia. Tamén próxima a Vigo se situaría a fortaleza de Rande, desde a que se defendeu a ría dos ataques anglo-holandeses e que contaba cunha torre cadrada cuxos restos se atopan baixo a ponte do mesmo nome.

En Silleda consérvanse tamén restos dunha fortaleza medieval, a da Férveda, incluídos nunha espectacular ruta pola beleza paisaxística da comarca de Deza  e próxima á súa coñecida fervenza e a outra construción fortificada, o pazo de Cascaxide, de planta rectangular e con torre de catro plantas. Por último, un repaso polas espectaculares fortificacións da provincia levaranos a Nigrán e ao seu pazo da Touza, do século XVI, e rodeado de fermosos xardíns.

Pazo Cascaxide, Silleda
Pazo da Touza, Nigrán

Todas estas fortificacións son unha pegada viva da historia e un marco incomparable para vivir en familia lembranzas para toda unha vida. Unha oportunidade única de reencontrarse co pasado máis novelesco para construír un futuro máxico repleto de aventuras.