Casa das Artes
Pontevedra
Policarpo Sanz,15
36201 Vigo Pontevedra
España
Edificio racionalista do ano 1939, proxectado por Romualdo de Madariaga. Foi concibido como Banco de España ata que, a mediados da década dos oitenta do século pasado, o Ministerio de Economía e Facenda decidiu eliminar todas as sucursais que non estivesen en capitais de provincia, polo que pasou a formar parte do patrimonio municipal. A Casa das Artes, que comezou a súa andaina en 1990, constitúe desde entón o principal espazo destinado a albergar exposicións temporais municipais. Desta forma, as súas salas acolleron mostras de artes plásticas, de arquitectura e de fotografía, entre outras disciplinas artísticas, tanto de arte galega contemporánea coma das vangardas artísticas máis internacionais do século xx. Este amplo abano de exposicións pon de manifesto un dos seus obxectivos primordiais: a difusión xeral da cultura en todas as súas formas e manifestacións. Doutra banda, este centro acolle diversas coleccións municipais. É a sede da Fundación Laxeiro, do Arquivo Fotográfico Pacheco e da Colección Torras, a cal nace en 1998 froito da doazón realizada polo artista vigués Luis Torras á cidade e representa a mellor selección da obra desenvolvida por este artista ao longo da súa traxectoria. Considerada unha das figuras máis destacadas da plástica galega contemporánea, Luis Torras manifesta na súa colección, integrada por 67 cadros, unha predilección polas paisaxes e polos retratos, seguindo unha técnica meticulosa e un estilo que desemboca nun singular fauvismo, desde un postimpresionismo de raíces cubistas.
O tempo nesta zona