Ir o contido principal

PREGUNTAS FRECUENTES

Tes dúbidas? Estamos aquí para axudarche

Existen aloxamentos accesibles?

A accesibilidade pasou a converterse nun factor fundamental de calidade e competitividade turística da nosa provincia, polo que se traballa para contribuír e garantir un turismo sen barreiras para todas as persoas. 

Constitúe un dos alicerces para obter a marca Q de Calidade Turística, xa que as normas que regulan cada sector incorporan criterios para alcanzar un alto nivel de inclusividade. Aloxarte nun establecemento distinguido coa marca Q é unha garantía de accesibilidade.

Cal é o horario de atención ao público dos servizos de información turística?

A provincia de Pontevedra conta cunha rede de oficinas de turismo, Info Rías Baixas, cuxo obxectivo é transmitir unha única imaxe corporativa, un servizo de calidade e facilitarlles ás e aos visitantes unha ampla oferta turística do destino

CENTROS DE INFORMACIÓN TURÍSTICA

Existe algunha visita guiada imprescindible nas Rías Baixas?

As fortalezas de Soutomaior e Sobroso, situadas en fantásticas paisaxes naturais, foron testemuñas de múltiples batallas ao longo da súa historia e posúen unha gran beleza e riqueza botánica. 

Soutomaior, no municipio do mesmo nome, e Sobroso, en Mondariz, recuperan o seu esplendor tras as ambiciosas restauracións da Deputación de Pontevedra e convértense en grandes atractivos turísticos da provincia e lugares de visita obrigada.

 

Como podo desprazarme ás diferentes localidades do destino Rías Baixas?

Podes utilizar diferentes medios de transporte para chegar e moverte polo noso destino. Para que poidas planificar a túa visita, facilitámosche todas as opcións dispoñibles.

CÓMO MOVERSE

Como é a gastronomía nas Rías Baixas?

A gastronomía da provincia de Pontevedra é rica e variada, xa que conta cunha ampla gama de produtos con certificación, a cal garante a súa procedencia e calidade. Os seus peixes, mariscos e viños teñen unha gran fama internacional, e as súas carnes, produtos do campo, queixos ou mel sobresaen pola súa calidade e todos eles levan a marca Rías Baixas.

RÍAS BAIXAS A PEDIR DE BOCA

Pódense facer excursións pola ría?

Si. É posible descubrir e gozar da riqueza das súas rías con diferentes navieiras, e tamén coñecer a súa gastronomía degustando a bordo os seus principais produtos. Así, por exemplo, poderás coñecer a historia da illa de San Simón, situada na ría de Vigo e testemuña da batalla de Rande, ou a illa de Tambo, na ría de Pontevedra, que foi habitada por monxes, saqueada por piratas e territorio militar ata 2022

TRANSPORTE TURÍSTICO

Onde me podo aloxar?

A provincia de Pontevedra é unha importante zona turística e conta cunha ampla variedade de aloxamentos singulares e con encanto.

A forte aposta polo compromiso e polo bo facer de todo o tecido empresarial fixo que a provincia sexa recoñecida como mellor destino SICTED de toda España nos Premios de Calidade Turística en Destino, outorgados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. 

As empresas adheridas ao destino SICTED Rías Baixas-provincia de Pontevedra poden consultarse en: Calidad SICTED

Na seguinte ligazón atoparás unha lista dos aloxamentos da provincia de Pontevedra: https://aei.turismo.gal/es/rexistro-de-empresas-e-actividades-turisticas

Como podo visitar as illas que forman parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas?

A visita ás illas require duns requisitos previos, e o número diario de visitantes está limitado e varía en función da época do ano.

Para visitar as illas Cíes e A Illa de Ons en tempada alta (Semana Santa e do 15 de maio ao 15 de setembro) as e os visitantes deben obter a autorización previa da Xunta de Galicia a través da súa páxina web e despois adquirir o billete da navieira. 

A autorización da Xunta de Galicia debe solicitarse en https://autorizacionillasatlanticas.xunta.gal

En tempada baixa pódense visitar as illas Cíes ou A Illa de Ons en grupo cunha ou cun guía, do mesmo xeito que sucede coas illas de Sálvora ou Cortegada.

Que é Turismo Rías Baixas?

Turismo Rías Baixas é a marca “paraugas” do destino Rías Baixas, enmarcado na provincia de Pontevedra. O seu obxectivo é promocionar os recursos e as infraestruturas a través de múltiples accións promocionais encamiñadas a atraer o turismo e a realizar as xestións necesarias para reforzar e mellorar a imaxe deste destino.

A súa sede atópase no palacete das Mendoza, en Pontevedra.

 

Que son As Rías Baixas?

As Rías Baixas están localizadas no sur de Galicia e son o resultado da erosión costeira, unha formación de cantís e esteiros que deron lugar a unha das zonas máis impresionantes de Galicia.

Ocupan todo o litoral da provincia de Pontevedra e parte da costa atlántica da provincia da Coruña, e son as máis extensas. Na provincia de Pontevedra atópanse as rías de Vigo, Aldán, Pontevedra e Arousa.

RÍAS BAIXAS AO NATURAL