A prestixiosa marca española Q de Calidade Turística, outorgada polo Instituto de Calidade Turística de España (ICTE), está dirixida á certificación voluntaria de servizos turísticos. Un establecemento turístico obtén este distintivo cando cumpre os requisitos técnicos que se esixen na súa norma correspondente, que lle achega prestixio, diferenciación, fiabilidade e rigor. Actualmente, máis de 160 empresas da provincia de Pontevedra están certificadas con esta marca, como resultado do seu compromiso, organización e competencia turística.
O proceso de adhesión ao sistema de calidade iníciase mediante o alto en www.calidadturistica.es, pertencente ao ICTE; despois de realizar a autoavaliación do establecemento, pódese coñecer o estado de cumprimento da norma.
Unha vez implantados os procedementos, as ferramentas e os plans de mellora, poderase solicitar a certificación.
A auditoría de calidade realizarana auditoras e auditores homologados polo ICTE, e o seu resultado elevarase ao Comité de Certificación e Seguimento de Calidade.
Existen 29 oficios avalados por este distintivo, ademais de por a marca S de Sustentabilidade Turística para cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Esta rede está regulada por unha ordenanza de funcionamento e composta polos puntos de información de xestión propios do Servizo de Turismo da Deputación de Pontevedra, así como por todos aqueles servizos municipais de información que soliciten a adhesión e cumpran cos requisitos mínimos regulados na ordenanza.
A oficina de turismo Rías Baixas figura como sede central da rede INFO RIASBAIXAS e está certificada coa marca Q conforme a norma UNE-ISO 14785. Os puntos de información adheridos a esta rede poderán beneficiarse e obter a certificación, a condición de que cumpran co establecido.