Mitos e Lendas
As Rías Baixas están repletas de historias e lendas que inspiran crenzas, medo ou misterio.
A mitoloxía forma parte da nosa cultura. Está presente en expresións que foron secularizadas ou en crenzas de carácter imaxinario, ou pode basearse na tradición e nos costumes para explicar algunha forza natural ou fenómenos inexplicables.
Na provincia de Pontevedra existen lendas de amor, históricas, de conto e ata as máis macabras, que parecen saídas dunha película de terror, das que cada persoa saca a súa propia ensinanza ou conclusión.
Existen miles de mitos e lendas ao redor de festas relixiosas, coma as súplicas á Virxe dos Milagres de Amil en Moraña, as loitas entre mouros e cristiáns na romaría da Nosa Señora da Franqueira na Cañiza, a cura do mal de ollo grazas á Virxe do Corpiño de Lalín, a devoción cara a outros santos milagreiros para curar enfermidades, coma San Benitiño de Lérez en Pontevedra ou Santa Paderna na Estrada, entre outros.
Para máis información, escríbenos a info.riasbaixas@depo.es
Coñece algunhas que nos acompañaron durante séculos:
O mosteiro cisterciense da Armenteira atópase na parroquia do mesmo nome, no municipio de Meis. Foi fundado no ano 1149 por Ero, un abade do antigo mosteiro.
Unha tarde Ero atopábase paseando pola Armenteira, chegou a unha fonte de auga clara sobre a que cantaba un paxariño e, como o seu canto era tan grato e melodioso, Ero quedou alí sentado observándoo ata que durmiu. Cando espertou, pasaran 300 anos; volveu ao seu mosteiro, pero atopouno irrecoñecible, cun gran pórtico, e non coñecía os monxes que alí había, que, sorprendidos, escoitaron o seu relato e aclamaron:
"¡Nunca tan gran maravilla
como Deus por este fez
polo rogo de sa madre
Virgen santa de gran prez!"
O 23 de outubro de 1702 tivo lugar na ría de Vigo unha batalla entre a frotas española e a inglesa. A primeira tiña o obxectivo de descargar as súas mercadorías de ouro, prata e produtos exóticos procedentes da India, pero, decimada polos seus constantes enfrontamentos con holandeses e ingleses, fixo escala na ría de Vigo para descansar dunha longa viaxe. As tropas inglesas decatáronse de que o tesouro maior gardado permanecía escondido nos galeóns españois que sucaban estas augas e atacáronos.
A pesar do esforzo dos españois, a vitoria foi do almirante Rooke e da súa frota, que levou parte do botín, pero moitos galeóns afundiron na ría e, polo tanto, o tesouro perdeuse.
Este tesouro, de incalculable valor, dorme baixo as augas da ría de Vigo, preto da illa de San Simón.

En Galicia existe a crenza de que as ánimas se manifestan e vagan despois da morte.
Unha moi arraigada na nosa terra é a relacionada coas visitas das almas para anunciar a morte dalgunha veciña, veciño ou parente. A Santa Compaña ou Estadea, pantasmas, almas en pena, aparéceselle a quen se aventura por sendas e camiños extraviados, á hora na que elas saen dos seus antros, para anunciar a morte de alguén, en cuxa casa entran ou en cuxo tellado arroxan unha pedra. Esta crenza está tan xeneralizada que non hai recuncho de Galicia no que non se crea na Santa Compaña e nas súas sinistras aparicións.
A Santa Compaña está formada por ánimas que camiñan formando dúas ringleiras e envoltas en sudarios, coas mans frías e os pés descalzos. Cada unha delas leva unha luz, pero é invisible; só un cheiro a cera e un lixeiro vento son os sinais de que está a pasar a lexión de espectros. Á fronte camiña o de maior tamaño, a Estadea. Algunhas veces quen presencia o paso pode ver un familiar no cadaleito, o cal non tarda en morrer.
Podería suceder que quen atopa o paso a altas horas da noite se vexa obrigado a seguir o cortexo portando unha cruz e un caldeiro. Esta persoa podería quedar libre se lle pasa o testemuño a outra que presencie a comitiva; así, entregaríalle a cruz e o caldeiro, e esta pasaría a acompañar os espectros.
É unha das lendas máis antigas do municipio de Sanxenxo. Está relacionada con ritos ou cultos á fecundidade e ten por escenario a ermida e a praia da Lanzada. O topónimo vincúlase ao feito de lanzar o feitizo ou meigallo, e invoca na súa orixe unha deusa pagá que, co paso do tempo, se cristianizou en devoción á Virxe.
O culto á fecundidade tivo e aínda ten moito arraigamento na nosa cultura. Foi un dos problemas máis preocupantes na sociedade preindustrial, debido á alta mortalidade infantil e aos problemas para concibir fillas e fillos sans. A crenza popular di que a muller desexosa de vencer a esterilidade terá que acudir á praia da Nosa Señora de Area ou da Lanzada o último sábado do mes de agosto ás doce da noite á luz da lúa e ser golpeada por nove ondas para poder curarse da súa esterilidade e implorarlle á nai de Deus que a libere do meigallo, do mal de ollo, do feitizo e de todos os maleficios, sortilexios e bruxerías das persoas que lle queren mal.
Ao amencer, despois do baño, as e os devotos entran na capela, pasan polo retablo e pola ábsida varrendo cunha escoba, e terminan a visita facendo as ofrendas de petición e acción de grazas, que consisten en diñeiro, cereais, velas ou figuras de cera e sandías. Os favores que adoitan pedirse ou agradecerse son o amparo para a xente de mar, protección para todo tipo de enfermidades nerviosas e a fecundidade.
A crenza indica que, posteriormente, as e os devotos deben tomar o sol na roca coñecida como “a cama da Virxe”, situada na rompente do mar ao pé da ermida.
Coincidindo con estas datas, a última fin de semana de agosto celébrase a festividade da Virxe da Lanzada.
A cidade de Pontevedra é a capital da provincia do mesmo nome e conta a lenda que foi fundada por Teucro, un dos heroes da guerra de Troia.
Teucro, tras ser rexeitado polo seu pai, o rei de Salamina, vagou polo mundo ata chegar a estas terras, onde decidiu establecer un asentamento co nome de Helenes. Fundou unha vila ao que os seus veciños chaman a vila dos helenos ou helenes.
Conta a lenda que, tras a chegada de Teucro, se alcanzou a paz porque os seus seguidores interceptaban toda embarcación que se achegase para evitar así os ataques aos que, desgraciadamente, estaban afeitos.
En Redondela celébrase cada ano, como en moitos municipios da provincia, o día do Corpus Christi, pero neste municipio da ría de Vigo conmemórase tamén unha fazaña dos mozos que derrotaron a Coca.
A Coca é un animal con corpo de dragón, cola de serpe, ás enormes e patas con afiadas garras que vive en mares e ríos.
Esta especie de dragón apareceu un día en Redondela e comezou a levar as nenas máis bonitas do lugar. As veciñas e veciños de Redondela idearon a maneira de vencer a Coca; organizaron un grupo de vinte e catro homes, que se bateron en duelo con ela e lograron matala coas súas espadas. Inmediatamente, formouse unha gran procesión na que os loitadores danzaban ao redor do dragón e as mulleres seguían o baile collendo as nenas en brazos.
Velaquí a orixe da danza das espadas e do baile das penlas, cos que anualmente se celebra a morte da Coca. Este dragón leva na súa barriga dúas nenas e percorre as rúas abrindo e pechando a boca e movendo a cabeza. Como di a copla:
“Outra vez temos a Coca
de ruada en Redondela,
non abrirá moito a boca
para que non fuxan dela”

En Ponte Arnelas, lugar limítrofe entre o municipio de Vilanova de Arousa e Ribadumia, atópase a coñecida como ponte dos Padriños, construída na Idade Media e restaurada no século xvi. Recibe este nome porque se considera que neste lugar se practicaban antigamente un rito de fertilidade e un bautizo prenatal.
Conta a lenda que unha muller que non conseguía finalizar os seus períodos de xestación decidiu achegarse acompañada a esta ponte para impedir o paso de calquera animal ou persoa que tentase cruzala a partir de medianoite. Ao finalizar a noite, a muller pediulle ao primeiro home que cruzou a ponte que vertese auga do río Umia sobre o seu ventre, unha especie de “bautismo de barriga” para levar a cabo este rito de fertilidade.
Ao terminar, esa muller convidou o home que levou a cabo o rito de fertilidade, e futuro padriño, a comer e, a continuación, ela, o futuro padriño e todas as persoas que os acompañaban arroxaron, desde a ponte e por encima das súas cabezas, a vaixela utilizada.
Nove meses despois, naceu a criatura e este home converteuse oficialmente no seu padriño. O neno recibiu o nome de Alberto, na honra á estatua de pedra coa imaxe de san Alberto situada no cruceiro que preside a ponte.
Visto o resultado, foron moitas as mulleres as que se achegaron a Ponte Arnelas para realizar este rito de fertilidade, e as nenas e nenos que nacían recibían o nome de Alberta ou Alberte.
Segundo a lenda, unha noite fría e chuviosa de inverno, tras subir a ladeira do monte Landín, en Mondariz, un peregrino chegou exhausto aos pés do castelo de Sobroso. O señor do castelo, don Fiz Sarmiento, abriulle as súas portas e deulle de comer, e, tendo en conta o seu estado, pediulle que quedase uns días para descansar antes de proseguir o seu camiño. Don Fiz Sarmiento tivo que ausentarse durante a súa estadía porque os Reis Católicos lle pediran axuda para expulsar os musulmáns de Granada e, mentres el non estaba, atendeuno a súa esposa, Floralba.
En ausencia do señor, o peregrino namorou de Floralba e ela del, polo que decidiron fuxir.
Cando don Fiz Sarmiento regresou ao castelo de Sobroso e se decatou do acontecido, reaccionou con rabia, pediu que retirasen todas as pertenzas de Floralba e que as queimasen, e prohibiu que se pronunciase o seu nome. Despois encerrouse na torre da homenaxe do castelo para chorar a súa perda.
Unha tarde, chamaron ao portón da entrada do castelo e anunciaron a chegada de Floralba para suplicarlle perdón a don Fiz e pedirlle acubillo porque o peregrino fora atacado por unha besta e morrera ao caer a un pozo, pero este negouse e non lle permitiu entrar. Aquela noite clara de lúa chea, Floralba caeu morta ás portas do castelo. Cando avisaron a don Fiz do seu falecemento, recolleu o seu corpo, subiu ao alto da torre da homenaxe, tirouno pola ladeira do monte e ordenou que ninguén a tocase.
Durante a Noite de San Xoán a auga ten efectos milagreiros: cura e concede todo. Así, recóllense a "auga do paxaro" e "a pel da auga" e póñense nun recipiente.
En Cambados bañan as persoas con mal de ollo na fonte de Bexán.
As persoas con enfermidades da pel cúranse ao introducirse nove veces no río Miño e deixar a roupa vella nunha árbore.
No Rosal acéndese unha fogueira sobre a ponte do río Tamuxe. Ás doce da noite, as persoas enfermas mergúllanse nove veces no río mentres desde arriba lles tiran piñas ardendo para purificar as augas. Ao Miño van as meigas a coller demiños, ou “demachiños”, que despois gardan en caixas ou en alfineteiros de prata.
As fogueiras, tamén coñecidas coma lumieiras, lumeiradas ou cacharelas, son o máis típico desta noite. Celébranse en toda Galicia e constitúen o chamado “lume novo”, que axuda a darlles forza ao sol e á vida. Saltar sobre o lume trae sorte e asegura a boa fortuna.
En Silleda saltan o lume as mozas en idade de casar para conseguilo ese mesmo ano.
En Marín curan o enganido (a falta de enerxía) queimando nunha fogueira herbas recollidas na Noite de San Xoán. E en toda a provincia de Pontevedra sáltase o lume dicindo:
“Salto por riba
do lume de San Xoán
pra que non me trabe
nin cobra nin can”
