A partir do Plan estratéxico de turismo do ano 2017 creouse a rede de oficinas de turismo INFO RIASBAIXAS co obxectivo de prestar un servizo de información e de acollida de calidade no destino de forma homoxénea e global. Así, en maio de 2018 aprobouse a Ordenanza reguladora da creación da rede de oficinas de turismo INFO RIASBAIXAS.
Máis tarde, co fin de actualizar e satisfacer novas necesidades, aprobouse a Ordenanza reguladora do funcionamento da rede provincial de oficinas de turismo INFO RIASBAIXAS, publicada no BOPPO núm. 72, de 13 de abril de 2022.
Nesta ordenanza regúlanse as necesidades e os obxectivos perseguidos polo Servizo de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra; entre eles, crear unha imaxe e cultura corporativa comúns de benvida no destino Rías Baixas, darlles cobertura ás actuais demandas de información e facilitarlles melloras aos puntos de información adheridos mediante a certificación coa marca Q, e tamén poder ser beneficiarios ou incluídos en proxectos de innovación ou promoción do destino Rías Baixas.