Ir o contido principal

Turismo accesible significa poder gozar de contornas, infraestruturas, equipamentos e servizos en igualdade de condicións, con autonomía e seguridade para todas as persoas.

É necesario que todas as persoas que visiten o destino Rías Baixas poidan gozar dunha experiencia turística, independentemente das súas características e/ou necesidades persoais.

Unha oferta turística que no seu deseño tivo en conta aos clientes con maiores dificultades, resultará un produto mellor para todos os turistas e residentes porque a Accesibilidade é sinónimo de Calidade.

Desde o Servizo de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra entendemos que unha xestión accesible é unha aposta a longo prazo do destino e afecta a toda a cadea da experiencia turística.

A primeira toma de contacto dun usuario cun destino turístico é mediante o servizo de información e acollida, tanto de forma online como presencial, por iso o noso portal web cumpre coas pautas de accesibilidade sobre os contidos para reducir as barreiras de acceso á información.

O destino Rías Baixas conta cunha Rede de oficinas de información INFO RIASBAIXAS que son o punto de referencia dos turistas e visitantes á hora de coñecer o noso destino. Toda oficina e/ou punto de información turística que desexe adherirse á Rede INFO RIAS BAIXAS debe cumprir cunha serie de servizos e características mínimas, entre os que se inclúe o cumprimento con:

  • Real Decreto Lexislativo 1/2013 do 29 de novembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidades e da súa inclusión social

  • Lei 10/2014 do 3 de decembro de Accesibilidade de Galicia

  • Real Decreto 505/2007 do 20 de abril, polo que se aproban as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación das persoas con discapacidade para o acceso e utilización de espazos públicos urbanizados e edificacións

  • Orde VIV/561/2010 do 1 de febreiro, pola que se desenvolve o documento técnico de condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e uso de espazos públicos urbanizados.

Así mesmo, o servizo de atención é determinante para valorar o nivel de satisfacción dos visitantes e residentes, e por iso a Rede INFO RIASBAIXAS contan con ferramentas tecnolóxicas que facilitan a información turística desde o punto de vista físico, cognitivo e sensorial, como impresoras braille, bucles magnéticos, audioguías, videoguías con lingua de signos, etc.

Os establecementos do destino Rías Baixas aposta pola calidade e excelencia no servizo, sen ningún tipo de discriminación, e por iso apóianse en distintivos de calidade como o SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino) e pola Marca Q de Calidade Turística para cumprir coas características de accesibilidade que deben ter presentes para todos os usuarios conten coa súa propia autonomía, comodidade e seguridade.

Desde o Servizo de Turismo Rías baixas da Deputación de Pontevedra colaboramos con outras administracións públicas locais para velar, coidar e promocionar a nosa provincia, e para que residentes e visitantes poidan vivir unha experiencia Rías Baixas sen ningún tipo de limitación nin barreira.

CompartirCompartir