Ir o contido principal
13 de Novembro de 2026

A Deputación de Pontevedra, a través do Rías Baixas Convention Bureau, promove a identificación e difusión de espazos singulares e establecementos preparados para acoller reunións profesionais, congresos e eventos corporativos.

Turismo Rías Baixas – Deputación de Pontevedra, tras a súa recente incorporación ao Spain Convention Bureau, avanza na posta en marcha do Rías Baixas Convention Bureau coa elaboración dunha nova Guía dixital de espazos MICE, unha ferramenta destinada a reforzar o posicionamento da provincia de Pontevedra como destino para o turismo de reunións, incentivos, congresos e eventos.

Esta iniciativa permitirá identificar, organizar e promocionar a oferta de instalacións e establecementos da provincia con capacidade para acoller encontros profesionais, facilitando a súa difusión entre empresas, axencias especializadas e entidades organizadoras de eventos de ámbito nacional e internacional.

Unha guía para dar visibilidade á diversidade de espazos das Rías Baixas

A publicación incluirá unha selección de espazos públicos e privados, entre os que poderán figurar hoteis, restaurantes, adegas, pazos, museos, auditorios, centros culturais, clubs náuticos, campos de golf e outros emprazamentos singulares que dispoñan de instalacións e servizos adecuados para a organización de eventos profesionais.

A guía ofrecerá información estruturada sobre as características, capacidades, equipamentos e servizos dos establecementos seleccionados, facilitando a consulta e identificación dos espazos máis adecuados para cada tipo de evento.

Que achega esta guía ao destino Rías Baixas?

A elaboración desta guía representa un avance na consolidación das Rías Baixas como destino competitivo no mercado do turismo MICE, ao reunir nun único catálogo especializado unha oferta diversa e representativa dos recursos e infraestruturas dispoñibles na provincia.

Ademais de facilitar a promoción e comercialización do destino, esta ferramenta contribuirá a diversificar a actividade turística, favorecer a desestacionalización e xerar novas oportunidades económicas para os establecementos e servizos vinculados ao sector.

Así mesmo, permitirá reforzar a colaboración entre os axentes públicos e privados, favorecer unha distribución territorial máis equilibrada da actividade turística e poñer en valor a singularidade das Rías Baixas como escenario para a celebración de encontros profesionais.

Participación dos establecementos e criterios de selección

Na selección dos espazos valoraranse aspectos como a súa adecuación para a celebración de eventos profesionais, a capacidade e versatilidade das instalacións, os equipamentos e servizos dispoñibles, a calidade, a singularidade e a información facilitada.

Tamén se procurará unha representación equilibrada das diferentes tipoloxías de espazos e dos municipios da provincia.

Os establecementos interesados en participar nesta iniciativa deberán solicitar a ficha técnica de inscrición a través do Servizo de Turismo da Deputación de Pontevedra.

Volver a noticias