Cruzando camiños
Buscador

Contido web Contido web

18,7 km

O percorrido parte da ponte internacional de Tui, municipio cunha rica historia e un espléndido centro monumental. A localidade foi unha das sete capitais do antigo Reino de Galicia, e durante o Medievo e a Idade Moderna mantívose como o núcleo relixioso, administrativo, militar e comercial do sur de Galicia.

Merece a pena gozar da súa zona histórica, na que sobresae a catedral de Santa María, construída no século XII, de planta románica e con fachada principal de estilo gótico. Á beira atópase o albergue para os camiñantes. Outros monumentos relixiosos destacados son as capelas de San Telmo e a Misericordia, as igrexas de San Francisco e San Bartolomeu, e os conventos das Clarisas e Santo Domingo.

Tui
Tui

A cidade conserva os restos de dous recintos amurallados, un datado entre os séculos XII e XIII, do que se mantén a porta da Pía, con varios postigos, a base da torre e varios lenzos. Entre os séculos XVII e XVIII construíuse outra muralla para a defensa durante as guerras con Portugal, da que seguen en pé diferentes vestixios.

Parte da historia de Tui está ligada ao Camiño de Santiago. A cidade contaba cun hospital para peregrinas e peregrinos (agora Museo Diocesano, con estupendas coleccións de arte sacra e arqueoloxía), a capela da Virxe do Camiño e a ponte das Febres .

A ponte internacional sobre o Miño foi construída en 1886 con influencia de Gustave Eiffel. O río, fronteira natural entre Galicia e Portugal, é un espazo de enorme valor natural.

En Tui, se se dispón de tempo, convén subir ao monte Aloia, declarado Parque Natural en 1978, o primeiro de Galicia con esta distinción. Está situado a 700 metros de altura e conta cunha variada flora na que destacan bosques autóctonos e árbores exóticas centenarias. Cinco miradoiros ofrecen unhas magníficas vistas panorámicas do río Miño. Seis rutas enlazan estes puntos e conectan varias áreas recreativas e sete muíños de auga. O lugar máis concorrido é a ermida do alto de San Xián .

O Camiño pasa pola ponte da Veiga sobre o río Louro, de orixe medieval, e atopamos máis adiante a citada capela da Virxe do Camiño. Tras pasar polas dúas vías de alta capacidade, a AP-9 e a A-55, chegamos ata a ponte das Febres, onde caeu enfermo de morte San Telmo, patrón dos mariñeiros e de Tui, en 1251.

Gandaras
Ayuntamiento de O Porriño

Na parroquia de Santa Comba de Ribadelouro avanzamos e atopamos un calvario con cinco cruceiros. Pronto atravesamos o municipio do Porriño. O Camiño pasa xunto ao polígono industrial das Gándaras, pero existe un itinerario alternativo a través da parroquia de San Xurxo de Mosende. No antigo Camiño Real a Vigo achamos outro espléndido cruceiro, e o itinerario continúa pola capela de San Carpio e a Quinta do Adro.

Do Porriño cómpre resaltar a ermida de San Sebastián, a capela de San Benito, a igrexa de Santa María e o consistorio, obra do recoñecido arquitecto Antonio Palacios. Xunto ao río Louro chegamos ao albergue e culminamos a nosa etapa.