A sostibilidade e a dixitalización serán os eixos centrais da IV edición da xornada TurisTIC da Deputación
"O turismo está xa centrado na dixitalización e coa mirada posta na sostibilidade". Precisamente ambos eixos temáticos aos que se referiu Carmela Silva, a dixitalización e a sostibilidade, serán os protagonistas da IV edición da xornada "Turistic" que terá lugar o xoves 2 de decembro no Edificio Castelao do Museo Provincial.
"Será a xornada máis potente que fixemos estes anos", afirmou a presidenta, e contará con persoas especialistas a nivel nacional e internacional que afondarán na "economía circular, na xestión sostible dun negocio, na preservación da contorna natural, na importancia do dato, no sentimento ou reputación do destino, ou na dixitalización da oferta turística". O evento, en formato presencial e telemático e para o que xa é posible formalizar a inscrición a través de www.depo.gal, servirá tamén para divulgar a "Carta de Dereitos Dixitais" promovida polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.
Esta IV edición de Turistic, que a Deputación promove ao abeiro do programa SmartPeme será presentada por Yolanda Vázquez e contará coa participación "estrela" de Esther Rodríguez, de MyStreetBook, nominada ao "Innovators Under 35 del Massachusetts Institute of Technology" e seleccionada na lista "Business Insider 2019" como "unha das 29 españolas menores de 35 anos chamadas a revolucionar a tecnoloxía, finanzas e política". Na conferencia, falará sobre "Hiperpersoalización para un territorio intelixente e sostible". Esther Rodríguez afondará así en como as e os xestores turísticos -públicos e privados- poden atraer a novos perfís de persoas viaxeiras dixitais a través do uso dos datos, a intelixencia artificial e a recomendación de rutas personalizadas.
Javier Olleros, Nani Arenas, Piragüilla,...
Amais, a xornada contará con dúas mesas redondas. Na primeira delas, centrada no "Turismo responsable na nova normalidade" e moderada pola xornalista Nani Arenas, participarán a consultora Maite Vence (do Observer® Science Tourism), a empresaria de turismo cultural Beatriz Pérez (CEO de Máis que Románico), o estrela Michelín Javier Olleros (do restaurante Culler de Pau, con Estrela Michelín e Estrela Verde), e a empresaria arousana de turismo activo Marta Iglesias (da empresa Piragüilla Ocio y Aventura). A segunda mesa redonda, centrada en "O protagonista do dato no novo ecosistema turístico", será moderada pola deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, e contará coa participación de Iván Leanizbarrutia (CEO da empresa internacional NETHODOLOGY), da emprendedora galega Lorena Rosende (CEO de ITERA) e dunha persoas representante da Fundación CTIC que esta a desenvolver interesantes proxectos de intelixencia artificial no turismo no medio rural.
Tamén se divulgará a "Carta de Dereitos Dixitais" elaborada por un grupo de persoas expertas convocadas polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Trátase, tal e como explicou a presidenta, do "marco de referencia para a acción das administracións públicas, das empresas e da sociedade para aproveitar as potencialidades e oportunidades que ofrece o entorno dixital controlando os riscos". Trala súa divulgación en Turistic, a "Carta de Dereitos Dixitais" estará a disposición das entidades e persoas interesadas na web da Deputación.