cabecera-patrimonio-literario
Buscador

PortAmérica: talento culinario a ritmo de rock en Caldas de Reis

5, 6 e 7 de xullo 2018

Unha combinación perfecta de música, gastronomía e natureza é a proposta de PortAmérica para os Rías Baixas Fest deste verán. Máis de 30 artistas de primeira fila do panorama nacional e internacional como Imelda May, Vetusta Morla, Izal ou Xoel López, xunto con máis de 30 chefs de recoñecido prestixio como Pepe Solla, Andoni Luis Aduriz, Javier Oleiros, Maca de Castro, Diego Guerrero e Lucía Freitas, cociñarán un menú digno dos mellores padais no contorno único da carballeira de Caldas de Reis.

O festival ten lugar á beira do río Umia, un espazo óptimo para quen se apunte á acampada, a un baño ou a gozar da natureza, pois esconde nas súas proximidades un incrible xardín botánico. E é que esta fermosa paraxe, declarada Ben de Interese Cultural, acolle multitude de especies arbóreas, moitas delas exóticas, e unha gran diversidade de camelias, a raíña das flores pontevedresas. Sen dúbida este será o contorno ideal para a desconexión e o relax despois das duras xornadas de festa.

A proposta musical arrincará o xoves 5 de xullo con grupos de recoñecido prestixio como La Pegatina, Pussy Riot ou Jenny and the Mexicats, e o rock and roll xenuíno da irlandesa Imelda May como prato forte. O pop nacional apropiarase do escenario principal ao día seguinte grazas ao bo facer de Vetusta Morla, La Habitación Roja ou Viva Suecia. A sobremesa final servirana, o sábado 8, veteranos dos escenarios galegos como Izal, Xoel López ou El Columpio Asesino, co seu son innovador.

Caldas de Reis
Festival Portamerica en Caldas de Reis

Alta cociña e defensa do medio ambiente

Unha das grandes protagonistas de PortAmérica 2018 será, como xa vén sendo habitual, a gastronomía. E é que o festival é unha experiencia única na que á música e a un contorno natural de incrible beleza se une unha proposta culinaria elaborada por máis de 30 chefs internacionais comisionados polo pontevedrés Pepe Solla, entre os que destacan nomes como Diego Guerrero, Pablo González, Paco Morales ou Yayo Daporta. Estes magos dos fogóns servirán para a ocasión, grazas á colaboración de estudantes de escolas de hostalería galegas, petiscos únicos dignos das mellores mesas.

A sustentabilidade converterase noutro dos eixes do festival ao apostar, tras a devastadora onda de incendios do pasado mes de outubro en Galicia, pola necesaria concienciación ambiental. Para iso, as e os asistentes ao festival poderán participar na iniciativa “1 entrada, 1 árbore”, unha xornada de reforestación con especies autóctonas nun monte do municipio ao finalizar o festival na que cada persoa participante poderá plantar o seu propio exemplar.

Ademais o festival contará co Mercado de Talentos, un espazo para que as e os deseñadores e creadores dean a coñecer os seus produtos, que completa unha oferta pluridisciplinar na que todas e todos poderán atopar o mellor plan para gozar dunha fin de semana de verán memorable.

QUE VER EN CALDAS DE REIS 

Situada nunha localización estratéxica, na confluencia das principais vías de comunicación da provincia de Pontevedra, a oferta turística de Caldas de Reis combina riqueza natural, un clima bondadoso, boas ofertas de termalismo, historia e cultura. Ás incribles paisaxes debuxadas polo río Umia ao seu paso únense contornos únicos como a fervenza de Segade, unha das máis espectaculares e fermosas das Rías Baixas.

As orixes da localidade datan da prehistoria, tal e como demostra o incrible Tesouro de Caldas de Reis, con pezas de ouro da Idade de Bronce, datadas en torno ao 1550 a. C., que hoxe en día se poden ver no Museo de Pontevedra. Pero o seu nome actual débello a un feito posterior: o nacemento de Alfonso Raimúndez, da Casa de Borgoña, que foi coroado emperador como Afonso VII de León no século XII.

Os romanos tamén tiveron unha presenza destacada, como demostra a calzada romana que cruza a vila e que forma parte do itinerario que cada ano seguen as e os peregrinos que emprenden o Camiño Portugués a Santiago de Compostela. E desde hai dous mil anos gózase tamén da súa rica oferta termal, que conta na actualidade con dous balnearios históricos, Acuña e Dávila, e unha fonte termal, a da Burga, que alivia e reconforta a quen decide unir o seu destino ao deste fermoso municipio.

Fuente termal da Burga, Caldas de Reis
Río Umia, Caldas de Reis

PORTAMÉRICA