cabecera_camelia
Buscador

Pazo de Lourizán, onde as camelias son de récord

A máis alta e as máis lonxevas

No seu pasado foi granxa; no seu presente, un importantísimo espazo botánico. O pazo de Lourizán, entre Pontevedra e Marín, viviu unha época de grande actividade ao ser adquirido no século XIX polo político Montero Ríos. En mans da Deputación de Pontevedra desde os anos 40 do último século, na actualidade acolle o Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Enmarcado na Ruta da Camelia, que permite coñecer As Rías Baixas e a provincia de Pontevedra de norte a sur, no seu xardín son compañeiras especies autóctonas e exóticas. Ademais de dar acubillo ao exemplar de camelia máis alto de Europa, neste espazo conviven espécimes realmente lonxevos; considérase que os máis antigos pertencen ao Establecemento Hortícola portugués de José Marques Loureiro, do século XIX.

Xunto ás camelias, no exterior deste pazo –cunha extensión de 54 hectáreas– crecen variedades coma o olmo holandés, as palmeiras raíñas, as magnolias, o cedro do Líbano ou Metasequoia glyptostroboides. Distintas fontes históricas, unha escaleira de pedra de corte imperial e grandes ventás son outros puntos destacados desta edificación, de estilo modernista.

Nesta contorna habitan máis de 600 exemplares de Camellia japonica de distintos cultivares: ‘Alba Plena', ‘Alba Simplex', ‘Angelina Vieira', ‘Antonio Bernardo Ferreira', ‘Bella Romana', ‘Cidade de Vigo', ‘Coralina', ‘Covina', ‘Doa Herzilia de Freitas Magallaes', ‘Incarnata', ‘Pedro V, Rei de Portugal´ e ‘Pompone'. Este espazo acolle o exemplar de maior altura coñecido no mundo (20,5 metros), que ten unha idade estimada de 130 anos e se atopa no Xardín Botánico de Lourizán, no Parque das Rías, concretamente nunha zona denominada Ría das Rosas.