Descubre Pontevedra desde las alturas
Buscador

O Seixo (Forcarei, Cerdedo, A Lama)

A provincia de Pontevedra tamén esconde importantes riquezas no seu interior. Boa mostra diso é o  miradoiro do Seixo, desde onde se poden observar as terras de Forcarei, Cerdedo e A Lama. Sitúase en plena serra do Cando, unha paraxe dunha riqueza paisaxística notable cuxo ritmo vén marcado polo movemento dos aeroxeradores que se distribúen por toda a zona.

A maxia da contorna galega acentúase neste territorio repleto de túmulos funerarios, menhires e pedras con formas caprichosas. Destaca a Porta do Alén ou Portalén, a porta ao mundo das e dos mortos, un conxunto de rocas graníticas fracturadas sobre unha gran roca plana que conforman algo similar a un lintel, cuxa orixe non está clara se é humana ou non.

O Seixo
O Seixo

No Seixo podemos atopar a Porta do Alén, un monumento megalítico que algúns sinalan como a porta ao inframundo

A lenda sitúa neste enclave, que moitos consideran templo de culto á natureza ou aos astros, unha xanela ao inframundo, un lugar onde poder comunicarse cos mortos e preguntarlles aquilo que se desexe saber. Só se entramos desde o norte cara ao sur por a Porta do Alén o vento daranos a resposta. Iso si, non hai que esquecerse nunca de saír pola porta, pois senón quedaremos atrapados nos dominios de Hades.

Para completar este conxunto máxico, atópase na zona un monumental menhir de seis metros de altura, coñecido como Marco do Vento, o punto no que, segundo a tradición, se reúnen as forzas do universo. Do mesmo xeito que no caso de a Porta do Alén, á que moitos sinalan como antigo templo celta, a súa orixe é descoñecida.