Rías Baixas Somos Historias
Buscador

As Rías Baixas, paraíso literario

As Rías Baixas achegaron ao longo da historia grandes figuras á literatura, e serven como fonte de inspiración para escritoras e escritores nados noutros lugares pero vinculados dalgún modo á provincia de Pontevedra. Non podedes imaxinar nada máis admirable que esta baía de Vigo, lago inmenso rodeado de montañas, reflectiu nunha carta a un amigo Jules Vernes en 1878, durante a primeira das súas dúas visitas á cidade olívica, oito anos despois de que o Capitán Nemo entrase na Ría co Nautilus para lle mostrar ao profesor Aronnax os tesouros de Rande na obra 20.000 leguas de viaje submarino

Verne imbuíuse da maxia das Rías Baixas. Lía a prensa no Café Suízo de Vigo, asistiu á procesión do Cristo da Vitoria e navegou ata o escenario da batalla de Rande. E non foi o único literato universal a quen namoraron estas terras.

Julio Cortázar visitou Galicia tamén en dúas ocasións e reflectiu en papel fermosas palabras sobre a súa paisaxe, a súa cultura e o seu modo de vida. Prometinme, se algunha vez teño unha Deux chevaux, levar a Aurora a Galicia, instalar cuarteis de primavera en Redondela, e dedicarme aos paseos, á pesca e a herborizar coma Rousseau", evocaba o autor de Rayuela nunha misiva escrita ao seu amigo e pintor Eduardo Jonquiéres. Por certo, unha década despois desa visita a planta de PSA-Vigo empezaría a fabricar o Citroën Deux chevaux, co que Cortázar evocaba levar a súa esposa Aurora Bernárdez.

Ría de Vigo

Verne, gran creador de mundos fantásticos, non podía imaxinar "nada máis admirable que esta baía de Vigo, lago inmenso rodeado de montañas"

Cortázar eloxiou os "viñedos infinitos" das Rías Baixas, "coas cepas apontoadas por sosténs de granitos, coma pequenos dolmens que brillan no verde". Ao seu regreso en tren cara a León quedou impresionado co río Miño. Pegado aos portelos non podía crer que iso fose verdade. Comprendín de golpe toda a poesía galaico portuguesa, recolle unha das súas cartas. Nunha segunda estancia aloxouse en Nigrán, e deuse "baños coma Poseidón" en Praia América, ademais de divertirse observando hórreos, piñeirais e cruceiros.

Emilia Pardo Bazán tamén estableceu un gran vínculo coas Rías Baixas, especialmente co balneario de Mondariz. Alí escribiu obras, participou en publicacións do recinto termal e deixou recollido no seu Álbum de Honra: Quen é capaz de saber cantas bágoas petrificadas, cantos pensamentos enquistados, cantas noites de insomnio e cantas horas de lectura disolve a acción destas augas nas vísceras da xente activa e loitadora que acode a bebelas?".

Cortázar, que se daba "baños coma Poseidón" en Nigrán, soñaba con instalarse coa súa esposa, pescar e dar paseos nas Rías Baixas

Dona Emilia viviría entre as paredes do balneario algúns episodios do seu romance por outro grande escritor da literatura española, Benito Pérez Galdós. E o seu ligazón coas Rías Baixas esténdese a outros lugares. Na Casa de Quiroga (lugar de Quintela, Catasós, comarca de Deza) escribiu a Condesa de Pardo Bazán capítulos da súa soada obra Os Pazos de Ulloa, e hai nas súas creacións literarias abundantes referencias ao Deza, como ocorre en Propatria (1913), na que fala sobre o pazo de Liñares.

Emilia Pardo Bazán
Mondariz-Balneario

Outra gran literata, a ferrolá Concepción Arenal, mantivo un vínculo especial coa provincia. Residiu un ano na capital, onde mesmo se organizou un faladoiro ao redor da súa figura, e pasou os seus últimos anos en Vigo, cidade na que permanecen os seus restos mortais, concretamente no cemiterio de Pereiró. Outro ilustre ferrolán, Gonzalo Torrente Ballester, está ligado así mesmo a esta provincia, particularmente á cidade olívica e a Pontevedra. Nesta última urbe rodaríase ademais Los gozos y  las sombras, baseada na súa triloxía e emitida con grande éxito en TVE.

Pontevedresa de nacemento é María Vinyals. A escritora, cun forte compromiso en defensa da muller ao longo da súa vida, era unha namorada da provincia, á que dedicou belas palabras nas súas obras, coma este fragmento: […] despois de vivir noutros climas e admirar outras paisaxes comprendemos que nada existe no mundo comparable á provincia de Pontevedra, xardín de España, verxel de Galicia.

Estremeña de nacemento, pontevedresa por elección

A escritora María Vitoria Moreno, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas, é estremeña de nacemento e pontevedresa de adopción. Na capital de provincia exerceu a docencia nos institutos Valle-Inclán e Torrente Ballester, legando a este último a súa biblioteca con 4.500 obras. A autora da Festa no Faiado foi unha muller apaixonada por Galicia, pola súa cultura e polo seu idioma.

Galicia seduciu a María Vitoria Moreno, intimamente ligada a Pontevedra e a quen lle se dedica este ano o Día das Letras Galegas

O creador do esperpento, Ramón María del Valle-Inclán, naceu en Vilanova de Arousa, onde hoxe podemos visitar a súa Casa-Museo. Este entorno inspirou a súa obra La lámpara maravillosa, e o escritor está ligado tamén a outras localidades da provincia, coma Pontevedra ou Cambados, municipio este último ao que se trasladaría en busca de descanso. Durante a súa estancia na cidade do Lérez, onde participaba en faladoiros intelectuais, publica o seu primeiro libro (Femeninas).

Vigo viu alumar a obra que marcaría o Rexurdimento da lingua: Rosalía de Castro publicou nesta cidade a súa obra Cantares Gallegos

As Rías Baixas, en concreto Vigo, viron alumar a primeira obra do Rexurdimento tras os Séculos Escuros que sufriu a lingua galega. A imprenta de Juan Compañel, en Vigo, imprimiu varias obras de Rosalía de Castro, entre elas Cantares Gallegos en 1863, que marcaría o renacemento da lingua.

Vigo
Pontevedra

A lista de escritores nados ou vinculados á provincia é enorme: Gonzalo Torrente Ballester, Ramón Cabanillas, Bernardino Graña, Eduardo Blanco Amor, Francisco e Julio Camba, Álvaro Cunqueiro, Fina Casalderrey, José Filgueira Valverde, Francisco Fernández del Riego, Luis Amado Carballo, Celso Emilio Ferreiro, Fermín Bouza Brey ou Fina Casalderrey son algúns dos nomes ilustres estreitamente ligados ás Rías Baixas.