Rutas en moto por As Rías Baixas
Buscador

Ruta Baiona-Pontevedra

62,5 km aprox.

InicioInicio: Baiona  

Unha ruta breve pero intensa que te leva de centros urbanos a praias de soño. O percorrido comeza en Baiona, cidade medieval e mariñeira cun encanto moi especial. Aparca a moto e percorre as súas pequenas rúas a pé, goza de bo marisco e, como non, dun bo viño Rías Baixas. Se viaxas durante a primeira fin de semana de marzo non perdas a Arribada, a gran festa da cidade, catalogada de Interese Turístico Internacional. A festa conmemora a chegada de Martín Alonso Pinzón á vila, tras o descubrimento de América. 

Baiona
Baiona

Punto de interésPunto de interese: praias de Panxón, Patos e Prado  

O primeiro gran punto de interese nesta ruta son tres espectaculares praias, Panxón, Patos e Prado, ás que chegarás pola PO-552. Esta parada é perfecta para os que queiran probar sorte cos deportes acuáticos. Os areais de Patos e Prado están especialmente concorridos polas persoas amantes do surf, o windsurf e outros deportes náuticos. Anímate e non temas as ondas, goza delas! 

Playas de Panxón, Patos y Prado
Playas de Panxón, Patos y Prado

InicioParada: Vigo 

A cidade olívica convídate a descubrir o seu patrimonio urbano e a gozar das súas preciosas vistas á ría. Aquí podes visitar, entre outros puntos de interese, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), un dos espazos artísticos máis importantes de Galicia, construído nun edificio que albergou un cárcere no século pasado. Tampouco deixes de visitar o monte do Castro, onde poderás tomar espectaculares fotos da ría, ou a zona vella, cos seus innumerables restaurantes e pubs. Para chegar a Vigo desde as praias, colle outra vez a PO-552. 

Vigo
Vigo

InicioParada: Moaña  

Deixamos atrás a cidade máis grande de Galicia e poñemos rumbo a Moaña, primeiro pola AP9 para, máis tarde, bordear a costa pola PO-551. Este pequeno municipio mariñeiro, ao que se chega atravesando a ponte de Rande, é coñecido polo seu bo tempo e por ser o punto de inicio dunha ampla zona de praias. Se queres descansar, recomendámosche que visites a praia da Xunqueira ou a do Con. Tamén podes gozar da famosa Ruta do Río da Fraga, unha das máis aclamadas polos sendeiristas pola súa beleza e conservación. Prepárate para ver todo tipo de especies arbóreas durante o camiño (desde castiñeiros ata carballos, loureiros, amieiros e mesmo salgueiros choróns) e para mergullarte nalgunha das súas fervenzas. 

Moaña
Moaña

InicioParada: Cangas 

Partimos cara a Cangas, primeiro polo corredor do Morrazo, despois pola PO-313 e, por último, pola PO-551. É este un municipio mariñeiro moi famoso polas súas praias, entre as que destaca Barra, unha praia nudista moi concorrida, con augas cristalinas. 

Cangas
Cangas

InicioParada: Cabo Home  

Na seguinte parada internámonos por unhas serpeantes rutas que nos levan ata Cabo Home, cunha das vistas máis espectaculares das illas Cíes. Aparca a túa moto e goza do mar, a paisaxe, o aire e, se tes a oportunidade, do mellor atardecer do mundo. Para chegar desde Cangas, colle primeiro a PO-551, despois a PO-315 durante 2,6 quilómetros ata desviarte pola EP-1008 e reenganchar coa EP-1006. 

Cabo Home
Cabo Home

InicioParada: Aldán 

Aldán é unha pequena localidade que esconde unha liña de praias e calas paradisíacas. Desde Cabo Home chegarás ata aquí pola EP-1006 e a PO-315, ata atoparte cun porto mariñeiro de grandísimo encanto. As praias de Areabrava e Areacova son simplemente perfectas. Non as podes perder! 

Aldán
Aldán

Ademais! Na ría de Aldán tamén se atopa cabo Udra (pertencente xa a Bueu), con fermosos tramos costeiros que se estenden sobre cantís pedregosos e praias coma a de Mourisca ou as calas de Ancoradoiro e Lagoa. Na Aula da Natureza do cabo Udra, centro galardoado con bandeira azul, descubrirás a importancia desta contorna e o seu valor natural. 

InicioParada: Bueu  

A seguinte parada é Bueu, á que nos diriximos pola PO-315. Esta localidade, situada na enseada da ría de Pontevedra, combina unha gran riqueza natural coa historia que narran pazos e igrexas. Hai dous puntos importantes para visitar:

Museo Massó: instalado nunha antiga fábrica conserveira, percorre a historia da navegación a través de diferentes coleccións e posúe materiais etnográficos do mundo mariñeiro.

Arquipélago de Ons: composto por Ons, Onza e o illote das Freitosas, compite en beleza coas illas Cíes e está cheo de vida submarina debido ao afloramento de augas profundas ricas en nutrientes. Ons, poboada aínda hoxe, ofrece a posibilidade de coñecer as características dun pequeno núcleo rural costeiro. Non o perdas!  

Bueu
Bueu - Ons

InicioParada: Marín  

Marín é a penúltima parada desta ruta. Para chegar desde Bueu toma primeiro a PO-551 bordeando a costa en dirección Marín. Cando chegues, sorprenderache o encanto dunha localidade que ofrece praias resgardadas de auga cristalina coa vexetación como pano de fondo. Goza dun paseo pola cidade, dunha boa mariscada e, se che apetece un baño, da praia de Portocelo, unha das máis aclamadas da zona. 

Marín
Marín

InicioÚltima parada: Pontevedra  

Chegamos ao final. Desde Marín non se tarda máis de 15 minutos en chegar a Pontevedra pola estrada costeira PO-11. Unha vez na capital da provincia, goza da súa historia a través das súas canellas, o seu centro histórico, a súa particular arquitectura e os seus innumerables museos, coma o Museo de Pontevedra, composto por un total de seis edificios e un amplo patrimonio etnográfico.

Pontevedra
Pontevedra