Concurso de Voos Rías Baixas Fests
Bases do Concurso de Voos Rías Baixas Fests
I. Introdución
A Deputación de Pontevedra aprobou o pasado ano 2017 un Plan estratéxico de turismo, no que se contempla a promoción do destino Rías Baixas e da provincia de Pontevedra entre distintos tipos de público obxectivo, dos que un dos prioritarios é aquel que ten motivacións culturais.
Dentro das accións de promoción está tamén a do aeroporto de Vigo como punto de entrada ás Rias Baixas e á provincia de Pontevedra. Na Mesa de Turismo deste organismo provincial acordouse a necesidade de divulgar e promover tanto os destinos interesantes para as e os pontevedreses como tamén que estes destinos atraian viaxeiras e viaxeiros ao noso aeroporto e á nosa provincia.
A institución provincial quere dar a coñecer unha serie de eventos musicais de importante atractivo turístico, os Festivais Rías Baixas. Queremos promover o destino a través do público que consume festivais para achegarnos ás súas preferencias culturais e de lecer e, sobre todo, para que nos coñezan e nos visiten.
Para difundir esta realidade, potenciar o uso do aeroporto de Vigo e dar a coñecer as múltiples opcións coas que a cidadanía da provincia conta para viaxar directamente desde ese aeroporto e atraer persoas visitantes doutros destinos, a Deputación de Pontevedra organiza un concurso cuxo premio serán 6 voos para dúas persoas a tres destinos nacionais cos que Peinador ten conexión directa. Establécense dúas modalidades: 3 billetes dobres de ida e volta para persoas residentes na provincia de Pontevedra que queiran viaxar a Ibiza, Mallorca ou Valencia, e 3 billetes dobres de ida e volta para persoas residentes en Ibiza, Mallorca ou Valencia.
Este concurso está enmarcado no convenio que a Deputación de Pontevedra asinou co Concello de Vigo en setembro de 2016 e que aínda está en vigor, para potenciar a posta en valor dos recursos turísticos con medidas de apoio ás actividades de divulgación da oferta turística e a mellora da promoción dos valores turísticos de Vigo, As Rías Baixas e a provincia de Pontevedra.
II. Mecánica de participación
O concurso realizarase nas redes sociais da Deputación de Pontevedra, concretamente no perfil de Facebook de Turismo Rías Baixas, desde o día 22 de xuño ás 13 horas ata o 3 de xullo ás 12 horas (ambos incluídos). No perfil de Facebook subiranse dúas publicacións, unha para o público da provincia de Pontevedra e outra para as persoas visitantes residentes en Ibiza, Mallorca ou Valencia, nas que as e os participantes deberán contestar a unha pregunta formulada nelas.
A mecánica será a seguinte:
1. Seguir en Facebook a Turismo Rías Baixas
2. Contestar cun comentario as cuestións formuladas nas publicacións do concurso
3. Cada participante só poderá realizar un comentario
III. Requisitos de participación
Este concurso será válido para as provincias de Pontevedra, Ibiza, Mallorca e Valencia. Poderán participar nel, na modalidade correspondente, desde o día 22 de xuño ata o 3 de xullo, de xeito voluntario, todas aquelas persoas físicas maiores de idade que sigan o perfil da rede social indicada.
1. As persoas gañadoras, para poder adquirir o premio, deberán acreditar a súa identidade ante a Deputación de Pontevedra a través da presentación do correspondente documento de identidade en vigor
2. Só os comentarios coa temática indicada entrarán no concurso. O uso do hashtag #VoaRíasBaixasFests ou #VuelaRíasBaixasFests implica a súa participación e é obrigatorio para participar
3. Os contidos non poderán reproducir estereotipos sexistas, homófobos ou racistas
4. A Deputación de Pontevedra resérvase o dereito de modificar as bases do concurso, parcial ou totalmente, en calquera momento. Así mesmo, resérvase tamén o dereito de anulalo ou deixar o premio deserto no caso de detectar algunha irregularidade
5. As persoas gañadoras eximen a Deputación de Pontevedra da responsabilidade derivada de calquera prexuízo que puidesen sufrir no gozo do premio obxecto do concurso
IV. Selección da persoa gañadora
Os comentarios das persoas participantes terán asignado un número de entrada; cando finalice o concurso este número entrará nun sorteo que se realizará por medios telemáticos e do que sairán as e os gañadores e unha lista de agarda.
V. Descrición do premio
O premio consiste en billetes de ida e volta para dúas persoas en clase turista para a ruta de Vigo ao destino seleccionado. No caso das e dos participantes da provincia de Pontevedra, billetes de ida e volta para dúas persoas en clase turista para as rutas Ibiza, Mallorca, Valencia-Vigo. As datas de saída e regreso, en todos os casos, determinaraas a persoa gañadora entre os meses de xullo e setembro de 2018.
O período de gozo estará suxeito á dispoñibilidade e ao calendario da compañía aérea que opera estes destinos. O premio consiste unicamente nun billete dobre de ida e volta ao destino seleccionado, sen incluír traslados nin servizos adicionais (só voos directos). No caso das e dos visitantes procedentes de Ibiza, Mallorca ou Valencia terán opción a solicitar un bono para asistir a un dos Rías Baixas Fests que coincida coa data en que viaxan. O premio é nominal e intransferible para a persoa gañadora e a acompañante.
VI. Sorteo
Tanto a persoa gañadora como a finalista do sorteo serán anunciadas o día 4 de xullo de 2018 nas diferentes redes sociais de Turismo Rías Baixas e contactarase con elas directamente a través da conta coa que participen. De forma simultánea, os seus datos persoais (nome e apelidos) poderán ser publicados na páxina web, nas redes sociais e nos demais medios promocionais que articule a Deputación de Pontevedra para dar a coñecer a identidade da persoa gañadora que, como aceptación do premio, deberá responder a esa notificación antes das 14 horas do día seguinte ao do sorteo. De non ser así, o premio pasará á persoa finalista.
O sorteo realizarase o 3 de xullo ás 13 horas a través dunha ferramenta telemática de xestión de sorteos, cuxo resultado será certificado polo secretario da institución provincial.
VII. Descualificacións e penalizacións
Calquera participante que incumpra co esixido nestas bases, proporcione datos non válidos ou realice comentarios ou opinións persoais cuxo contido se considere inadecuado, ofensivo ou inxurioso será excluída ou excluído automaticamente do concurso e perderá calquera dereito sobre o premio.
VIII. Aceptación das bases
Esta iniciativa está promovida pola Deputación de Pontevedra. A participación no concurso implica a aceptación íntegra das súas bases e a autorización expresa da persoa participante para ser incluída nas accións de comunicación que se realicen con motivo deste sorteo.
As promocións de Facebook deben incluír:
- Unha exoneración completa de Facebook de toda responsabilidade por parte de cada concursante ou participante
Un recoñecemento de que a promoción non está patrocinada, apoiada nin administrada por Facebook, nin asociada de ningún xeito a Facebook
IX. Protección de datos persoais
En virtude do disposto na Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, de 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, os datos persoais proporcionados quedarán incorporados e serán tratados nos ficheiros propiedade da Deputación de Pontevedra, co único fin de poder xestionar a participación no concurso.
As persoas interesadas poden exercer, en calquera momento, os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos de carácter persoal mediante un correo electrónico ordinario dirixido a comunicacion@depo.es.