cabecera_camelia
Buscador

O castelo de Sobroso

Construído no século XII, a súa impresionante figura coroa o monte Landín para ofrecer unha incrible panorámica sobre as terras de Mondariz e de Ponteareas
Castillo de Sobroso

 

Escenario de grandes batallas e dotado dunha contorna paisaxística singular, o castelo de Sobroso é, xunto ao castelo de Soutomaior, un dos máximos expoñentes do patrimonio fortificado da provincia de Pontevedra. Xestionado pola Deputación de Pontevedra desde 2013 grazas á cesión do Concello de Ponteareas, o seu obxectivo é conservar e promover o patrimonio urbano, etnográfico e natural da zona, converténdose, sen lugar a dúbida, nun lugar máxico para vivir historias que se poderán lembrar de xeración en xeración.

 

 

Túneles secretos e loitas de poder

Situado a 344 metros sobre o nivel do mar, na ladeira do monte Landín, a historia do castelo de Sobroso documéntase grazas á “Historia compostelá” a partir do século XII, cando en 1117 dona Urraca é cercada na fortaleza pola súa irmá dona Teresa e os partidarios do seu fillo Alfonso, o futuro primeiro rei de Portugal. Conta a lenda que dona Urraca logrou fuxir dos calabozos a través duns pasadizos subterráneos que levaban á ribeira do Tea, e poder así reunirse en Compostela co arcebispo Xelmírez e volver con forzas para reconquistar a fortaleza.

A súa privilexiada situación permitía o control das comunicacións entre o interior e o mar do bispado de Tui, feito que xustifica que en 1190 a documentación sitúe a Pelayo Muniz como ocupante do castelo en nome do Rei. Coa chegada dos Reis Católicos a fortificación perdeu o seu carácter bélico para converterse en residencia de diversos nobres. De mans dos Sobroso pasará a Pedro Ruiz de Sarmiento e os seus descendentes en 1379, e no século XV, despois de ocupalo Álvaro Pérez de Sotomayor, será parcialmente destruído pola revolta Irmandiña (1467-1469).

Castillo de Sobroso
Castillo de Sobroso

Pedro Álvarez de Sotomayor, coñecido popularmente como Pedro Madruga, será quen o reconstrúa, aínda que o seu cativerio en Benavente lle permitiu a un descendente dos Sarmiento, Diego García Sarmiento, recuperar a propiedade do castelo a pesar dos numerosos intentos para impedilo de Pedro Madruga, que mesmo chegou a erixir unha fortificación no monte próximo da Picaraña para reconquistalo. E será pois Don Diego quen remate a súa reconstrución e defina gran parte da súa actual estrutura.

Tras pasar por diversas mans e ser pasto do abandono, a finais do século XIX cómprao o conde de Torrecedeira, quen á súa vez llo vende en 1923 a Afasto Carreira Muñoz. Tras novas épocas de deixamento, en 1981 adquiriuno o Concello de Ponteareas, que emprende traballos de restauración. Na actualidade, tras a súa cesión á Deputación de Pontevedra no ano 2013, o castelo de Sobroso é un magnífico conxunto histórico cun legado etnográfico e unha contorna paisaxística de gran valor.

Unha gran fortificación cunha paisaxe única

Coñecido como castelo de Sobroso, antigamente “Soberoso”, polo abundante número de sobreiras (‘alcornoques’) que existían na zona, componse dunha cerca exterior do século XV,  cunha extensión 140 metros e que se adapta á irregular orografía do terreo; un corpo residencial con dúas plantas para os gardas e os señores, e a torre da homenaxe, de 13 metros de altura e planta rectangular, creada con fins defensivos na zona do terreo con maior altura.

Castillo de Sobroso
Castillo de Sobroso

Rodea este grande armazón fortificado un gran parque forestal de 30 hectáreas de monte arborado con 84 especies diferentes que embelecen a contorna, as ximnospermas e anxiospermas, árbores, arbustos e palmeiras. Ademais, existe unha ruta botánica con diferentes paneis interpretativos que axudarán ás persoas visitantes a coñeceren en detalle a riqueza paisaxística desta privilexiada paraxe natural e completar a visita a un lugar sen dúbida irrepetible e digno de ser parte da nosa historia.

Contido web Contido web

Castelo de Sobroso

Histórico

Imagen folleto
Nun outeiro rochoso, a 334 metros sobre o nivel do mar, álzase o Castelo de Sobroso, unha impresionante fortaleza medieval que impacta pola súa beleza e o seu perfecto estado de conservación
es-fr es-en Outros idiomas: Icono idiomas