Castros: o antigo fogar dos galaicos
As casas circulares dos castros das Rías Baixas enmárcanse en paisaxes de lenda. Santa Trega, O Facho, Castrolandín, A Lanzada... O antigo pobo galaico deixou a súa pegada en lugares estratéxicos da costa e do interior. Visitar estes poboados trasladaravos a outro tempo.
A pedra aférrase á paisaxe desde fai miles de anos en paraxes de extraordinaria beleza para converterse en testemuña da historia da provincia de Pontevedra. Os castros, poboados autóctonos construídos na Idade de Ferro, perduraron habitados varios séculos ata o seu ocaso tras a ocupación romana. Co tempo, caeron no esquecemento e acabaron ocultos baixo terra, pero agora emerxen de novo tras exhaustivas escavacións para recuperar estes tesouros.
Sito nun impresionante enclave no alto dun monte na vila mariñeira da Guarda, na confluencia do estuario do río Miño e do Atlántico, atópase o impresionante castro de Santa Trega, cuxo período de ocupación comprende desde o século IV a. C. ata o I.
O lugar tiña un forte compoñente estratéxico e simbólico, pois nas súas ladeiras existe un bo número de gravados rupestres da Idade de Bronce. Tras sucesivas escavacións sábese que a súa extensión excede as 20 hectáreas, aínda que actualmente só son visibles catro sectores: o barrio norte ou Calvo, o central ou Mergelina, a porta sur e varias cabanas na cima.
As primeiras referencias escritas sobre este xacemento aparecen na segunda metade do século XIX e nelas recóllense toda unha serie de achados casuais de pezas arqueolóxicas dispersas por todo o monte, desde a cima ata a beira do río Miño. Destaca unha figura de bronce atopada en 1860 que representa a Hércules.
O xacemento arqueolóxico da Lanzada, en Sanxenxo, sito xunto ao mar nun lugar de extraordinaria beleza, tivo un período de ocupación moi extenso durante o que se lle deron diversos usos. As fases máis significativas son as do poboado galaico (s. V-II a. C.), a factoría de salgaduras (s. III-II a. C.), a ocupación romana e necrópole (s. I-III), a pequena igrexa e necrópole (s. IV-V) e a fortaleza medieval (s. XI-XV).
Como outros asentamentos antigos da Idade de Bronce Final na costa, o da Lanzada estivo habitado na Idade de Ferro, pero cunha peculiaridade: non existen evidencias de fortificación, o que lle confire unha singularidade única no noroeste peninsular. A súa extensión é considerable e representaba un emporio comercial de longa duración que continuou crecendo co paso dos séculos e a introdución do noroeste peninsular nos circuítos comerciais do mundo antigo.
Dos elementos documentados, o máis coñecido é a extensa necrópole, excepcional polo bo estado de conservación dos ósos. Na Idade Media, a ocupación do espazo desprazouse cara á punta do cabo, onde se construíu construirase unha fortaleza para defender a costa de incursións sarracenas e normandas no século XI.
Como o castro de Santa Trega, o período de ocupación do Facho foi moi extenso, xa que a súa vida abarca dende o século VIII a.C ata o século IV ou V. Este sitio coroa a parte superior da montaña do mesmo nome en Cangas, un lugar con vistas espléndidas ás Illas Cíes e á Costa da Vela.
O xacemento do Facho é único, coñecido internacionalmente por albergar un santuario de época romana no que se documentaron máis dun centenar de aras. Nel atópanse estruturas de diversos períodos históricos e as súas particularidades son tales que se valorou a posibilidade de que o universo relixioso reflectido nas aras de época romana puidese recrear cultos de épocas precedentes.
Así, é posible que o xacemento da Idade de Ferro se corresponda cun santuario no que se desenvolvían actividades de carácter ritual.
Este xacemento do municipio de Oia sitúase tamén nunha contorna paisaxística privilexiada e axúdanos a comprender a transición entre a Idade de Bronce Final e a Idade de Ferro. A súa etapa de ocupación abarca o período entre os séculos X e VIII a. C.
Aquí levantouse un recinto fortificado cunha gran muralla. No espazo extra muros sitúase unha estación de arte rupestre na que destacan os gravados de combinacións circulares incompletas engarzadas unhas con outras.
Estes motivos decorativos, excepcionais en Galicia, son idénticos aos documentados na fase final do megalitismo en lugares como o dolmen de Gavrinis, na Bretaña francesa. A Cabeciña intégrase nunha rede de castros fundamental para intercambiar ideas e obxectos a comezos do primeiro milenio a. C.
O castro atópase nas inmediacións da actual zona do porto de Vilagarcía de Arousa, nun emprazamento de importantes dimensións que no seu día estaba bañado polo mar. En Alobre poderemos comprender como a proximidade dun medio era a base da economía dese grupo humano. Neste caso, a pesca sería unha parte importantísima da economía do castro. Trátase dun excelente exemplo para comprender como funcionaban a maior parte dos castros costeiros da provincia de Pontevedra.
Este asentamento estudárono no século XIX numerosos expertos que datan a súa ocupación entre o século I a. C. e o século III. Os materiais documentados durante as campañas de escavación evidencian fortes lazos co mundo mediterráneo, en especial co sur da península ibérica, coa península itálica e coas illas Baleares, o que o converte nun xacemento de excepcional interese patrimonial e científico.
Os restos metálicos son especialmente relevantes, sobre todo os de bronce, con máis de 400 exemplares.
O poboado fortificado de Castrolandín, moi próximo ao centro da localidade termal de Cuntis, que data de finais da Idade de Ferro, estivo habitado entre o século IV a. C. e o século I. As escavacións realizadas en 2004 documentaron a existencia de 18 estruturas de diversa cronoloxía, funcionalidade e número de plantas, das que poden visitarse dez.
Este poboado contaba cunha entrada graduada e monumental defendida por dous torreóns. No interior da croa ou acrópole distribuíanse diferentes estruturas, que configuraban unidades familiares con pequenos patios, escaleiras, almacéns e casas. Na época romana, o xacemento abandónase case na súa totalidade e mantense só unha vivenda en pé.
Na comarca do Salnés, inmerso na natureza, aparece o monte do Castro, en Ribadumia. O período de ocupación deste poboado fortificado sitúase entre o século VI a. C. e o século I. Os tres sectores abertos nas campañas desde 2011 permitiron atopar restos construtivos castrexos coa peculiaridade de que eran totalmente diferentes.
No sector norte documentouse unha área residencial composta por varias cabanas circulares e ovaladas; a central pode considerarse a zona artesanal, con vestixios de catro estruturas, unha delas relacionada co traballo metalúrxico; e no sector sur identificouse unha edificación de planta rectangular interpretada como zona de almacenaxe pola aparición de ánforas romanas. Nas catro campañas de escavación levadas a cabo interveuse unha área de 4 800 m², e documentáronse 2.039 unidades estratigráficas e máis de cen mil pezas arqueolóxicas. O material máis abundante é a cerámica.
Adxacente á praia do Carreiro, no Grove, atópase este importante xacemento arqueolóxico que goza dunha vista privilexiada da ría de Arousa. Os datos obtidos durante as intervencións falan da presenza dunha fábrica de salgadura, quizais relacionada cunha vila romana ou anterior.
Sobre os restos do asentamento romano levantáronse un edificio eclesiástico e unha necrópole funeraria. Finalmente instalouse unha torre e monumentalizáronse as estruturas, quizais en relación á vixilancia da ría de Arousa pola ameaza viquinga.
O interior da provincia de Pontevedra resgarda un auténtico tesouro arqueolóxico en Campo Lameiro. Alí atópase o castro de Penalba, nunha área cunha gran concentración de gravados de arte rupestre. Foi en orixe un asentamento estable da Idade de Bronce Final cunha economía agrícola e recolectora. Na cima consérvase a Pedra da Serpe, un petróglifo asociado a rituais de fecundidade. Nunha segunda fase levantouse o sistema defensivo do poboado.
O castro de Troña é un poboado situado no municipio de Ponteareas. Como moitos dos castros de Galicia, tivo o seu esplendor entre os séculos I a. C. e o II. A muralla, o foso e os parapetos conforman o sistema defensivo deste poboado. O xacemento alberga 30 construcións de variada tipoloxía: pódense observar construcións de planta circular, elíptica, cadrada e rectangular. No recinto destaca un importante petróglifo en posición heráldica coñecido como a Serpe de Troña, un gravado na cara vertical da roca.
O asentamento romanizado da Subidá, ou castro da Porteliña, localízase temporalmente entre os séculos I e IV d. C. Son máis de tres hectáreas de superficie delimitadas por un dobre amurallamento. Atópase entre as parroquias de San Xurxo de Mogor e San Xián, e por este xacemento discorre a ruta de sendeirismo do Coto das Penizas, que parte do lavadoiro do río Lameira e ascende un quilómetro cara ao poboado.
Esta ladeira foi sondada nos anos oitenta e descubríronse varias casas circulares. En 2011 traballouse de novo sobre o terreo para restaurar varias estruturas de habitación.
Son moitos os materiais documentados no castro da Subidá, pero os máis salientables son os relacionados coa metalurxia. Colgantes, crisois e demais materiais permítennos achegarnos a unha das actividades máis importantes da Idade de Ferro, non só no noroeste, senón en toda a península ibérica. O Museo de Pontevedra custodia gran parte dos bronces localizados.
A musealización de Toiriz por parte da Deputación de Pontevedra converteu o castro de Silleda nun referente cultural e turístico dentro do patrimonio da provincia de Pontevedra. É un dos arredor de 20 asentamentos da época castrexa dos que se ten constancia neste municipio da comarca de Deza.
O castro de Toiriz, da Idade de Ferro, fórmano dous recintos amurallados: un case circular situado na parte superior do cerro, na coroa (Eira dos Mouros), e outro que se estende a unha cota inferior pegado ao anterior pola parte sur e leste. Cara ao exterior deste último recinto aparece en paralelo un sistema defensivo composto de foso e parapeto.
Desde 2004, realízanse actuacións para a súa restauración e posta en valor. En 2006, creouse o Colectivo pola Recuperación dos Castros de Toiriz, que traballa na súa recuperación. Polos restos de cerámicas que se atoparon, os arqueólogos calculan que a aldea fortificada puido levantarse cara ao século IV a. C. Ademais do seu valor patrimonial, hai numerosas lendas populares sobre os castros de Toiriz.