Ir o contido principal
DESCUBRIR

Cemiterios históricos

Arte funeraria nas Rías Baixas

Percorre as necrópoles máis singulares da provincia de Pontevedra

O cemiterio Pére-Lachaise de París, o de Chacarita de Bos Aires, o de Poblenou de Barcelona… Son moitas as grandes cidades do mundo que teñen nos seus cemiterios grandes polos de atracción turística. Algúns camposantos gardan, ademais de información histórica, un interesante patrimonio cultural; por iso non é de estrañar que o Consello de Europa recoñecese en 2010 a Ruta Europea dos Cemiterios como itinerario cultural.

Na provincia de Pontevedra tamén contamos con algúns cemiterios de interese histórico e artístico nos que podemos atopar pezas asinadas por escultores de renome, memoriais de grandes personalidades e conmemoracións de feitos históricos. Propoñémoste un paseo pola arte funeraria das Rías Baixas a través dos seus camposantos máis significativos: o cemiterio de Santa Mariña de Cambados, o de Pereiró de Vigo, o de San Mauro de Pontevedra, o dos ingleses de Vilagarcía de Arousa, o dos Eidos de Redondela e o de Arcos de Furcos en Cuntis.

 

Desplegable
Título
Cemiterio de Santa Mariña Dozo, Cambados
Descripción

En Cambados, na ladeira do monte da Pastora, atópase un dos camposantos máis pintorescos e bonitos de Galicia, declarado monumento histórico-artístico en 1943 e incluído na Asociación de Cemiterios Singulares de Europa. Trátase do cemiterio de Santa Mariña Dozo, cualificado polo escritor Álvaro Cunqueiro como «o máis melancólico do mundo». O camposanto acolle no seu interior as ruínas dun antigo templo do século XV, unha mostra do chamado gótico mariñeiro. A nave carece de teito e pódese visitar o seu interior para admirar os seus arcos, tallados con bólas e adornados con esculturas que representan escenas bíblicas. Destaca, pola súa singularidade, a iconografía dos sete pecados capitais, que conta con curiosas representacións, como a da preguiza, que mostra a un home comendo as súas propias feces.

 

Cementerio de Cambados Iglesia Santa Maria Dozo

 

Arredor do templo, amontóanse as lápidas do cemiterio parroquial, no que están enterrados membros da familia propietaria do pazo de Bazán e a esposa e un fillo de Valle-Inclán, que faleceron cando a familia residía en Cambados. Tamén hai algunhas tumbas repartidas polo interior do templo.

En Santa Mariña Dozo só se celebra unha misa ao ano, o Día de Defuntos, e ademais é un lugar habitual de paso das persoas que visitan Cambados.

 

Título
Cemiterio de Pereiró, Vigo
Descripción

Deseñado polo arquitecto Jenaro de la Fuente, é o camposanto máis grande e monumental de Vigo, e destaca pola riqueza e calidade das súas esculturas. Na entrada, recíbenos un coche fúnebre dos anos trinta, o chamado Dodge «Carneiro», un encargo do concello que está en perfecto estado de conservación.

Os panteóns e monumentos funerarios de Pereiró forman un conxunto artístico interesante e ecléctico, financiado polas familias podentes da cidade e, nalgúns casos, sufragado por iniciativa popular. Entre os principais monumentos destaca a peza dedicada á xurista e escritora Concepción Arenal, unha obra esencial do modernismo galego. Trátase dun monólito asinado polo arquitecto Manuel Gómez Román, que foi levantado polo concello. Tamén sobresae o mausoleo dedicado aos soldados que faleceron en Vigo tras ser repatriados de Cuba e Filipinas, que mostra a figura dun soldado moribundo. Neste caso, Cruz Vermella encargoulle a obra ao escultor Julio González Pola ante a conmoción que supuxo para a cidade recibir aos homes feridos e falecidos na guerra.

 

Cementerio Pereiró Vigo

 

As persoas visitantes tamén quedarán impactadas coa expresividade dunha das esculturas máis interesantes desde un punto de vista artístico, labrada polo escultor Francisco Asorey por encargo da familia viguesa Gil e Sarabia. Esta obra representa o momento en que a morte se leva a unha das súas tres fillas, rodeándoa cos brazos por detrás.

Estes son só algúns dos numerosos puntos de interese do cemiterio, no que están enterradas grandes personalidades vinculadas á historia da cidade, como o heroe da Reconquista, Cachamuíña; os industriais conserveiros Alfageme, Massó e Albo; políticos como José Elduayen Gorriti, o ministro que aboliu a escravitude en España; ou Heraclio Botana, líder obreiro asasinado en 1936.

Título
Cemiterio de San Mauro, Pontevedra
Descripción

O cemiterio de San Mauro, o máis grande do Concello de Pontevedra, é unha construción neoclásica, deseñada a finais do século XIX polo arquitecto municipal Alejandro Rodríguez-Sesmero, figura clave da expansión extra muros da cidade.

Dado que o antigo cemiterio da Eiriña quedaba pequeno, proxectouse a construción dun novo camposanto que abriu ao público en 1882. Desde entón, o cemiterio sufriu diferentes transformacións; a máis importante foi a ampliación dos anos sesenta, que incluíu o traslado da igrexa románica de San Mamede de Moldes ao seu interior.

 

Cementerio San Mauro

 

Título
Cemiterio inglés de Vilagarcia de Arousa
Descripción

O cemiterio inglés de Vilagarcía aparece nesta relación non tanto polo seu valor artístico, senón polo seu interese histórico, xa que reflicte a pegada que a Armada británica deixou no porto arousán a principios do século XX. Debido a aquelas visitas dos mariñeiros ingleses, aos habitantes de Vilagarcía de Arousa quedoulles o sobrenome de «ingleses», unha denominación que segue vixente entre os pobos veciños da comarca. O de Vilagarcía é tamén o único cemiterio inglés da provincia de Pontevedra; xunto co de Camariñas, son os únicos de Galicia.

 

Cementerio Ingles Vilagarcia de Arousa

 

O Cemiterio Naval Británico —tal e como se denomina oficialmente— foi construído en 1911, preto do cemiterio municipal, para albergar aos mariñeiros ingleses falecidos que non podían ser enterrados no camposanto católico, xa que eran protestantes. Trátase dun pequeno recinto que alberga unha ducia de sepulturas e que permanece pechado a maior parte do ano. Os últimos enterramentos producíronse nos anos setenta: o cónsul británico en Vigo, Alexander Linsay, e a súa esposa, que preferiron repousar en Galicia.

Aínda que o camposanto pertence á Armada británica, o Concello de Vilagarcía actúa de ligazón entre esta e algún posible visitante. O camposanto recibe apenas unha media de tres visitas anuais de turistas ingleses atraídos pola historia dos cemiterios británicos. Para coñecelo é necesario contactar co municipio e solicitar visita previa.

Título
Cemiterio dos Eidos, Redondela
Descripción

Sito no centro de Redondela, o cemiterio dos Eidos construíuse nos anos trinta do século XIX e atesoura tallas e panteóns de gran valor artístico, a maioría de estilo ecléctico. Destaca o panteón monumental do alcalde Ramón Pardo Ferro, no que se alza unha escultura da fe cos ollos vendados. Tamén é destacable, pola estrañeza da súa simboloxía, o mausoleo dedicado ao procurador Francisco Crespo Rivas, colaborador da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, que inclúe unha columna coroada cunha pirámide e cuxo deseño chegou de Arxentina. Outro enterramento de interese artístico é o da familia San Román.

 

Cementerio de Os Eidos en Redondela

 

O cemiterio dos Eidos garda, ademais, o testemuño de feitos históricos. Aquí xacen enterrados nunha fosa común 42 republicanos represaliados durante a Guerra Civil, cuxo recordo permanece en forma de placa homenaxe. Cabe destacar tamén que neste cemiterio foi enterrado John O'Dogherty, un dos heroes da batalla de Ponte Sampaio, que enfrontou o exército local contra as tropas de Napoleón para tratar de recuperar Vigo e Pontevedra.

O camposanto dos Eidos, que xa non se usa na actualidade, é propiedade municipal e pódese visitar libremente.

Título
Arcos de Furcos, Cuntis
Descripción

O cemiterio de Arcos de Furcos gañouse o apelativo de singular por ser o único cemiterio subterráneo que existe en Galicia, a cinco metros de profundidade. Sito nunha preciosa paraxe arredor da igrexa de San Breixo, foi construído baixo terra nos anos corenta por razóns prácticas pola falta dunha parcela adecuada para ampliar o antigo camposanto. Na súa edificación participaron con grande esforzo as e os veciños da aldea, que, ademais de sufragar a obra, colaboraron nos labores de construción retirando terra e picando e trasladando granito dunha canteira próxima.

 

Arcos de Furcos

 

 Ás catacumbas de Arcos de Furcos accédese a través dunha escaleira que conduce a un armazón de galerías divididas en dúas alturas, cun total de 60 panteóns e 245 nichos. Os corredores están iluminados con luz eléctrica.

Este camposanto pontevedrés recibe cada vez máis visitantes, atraídos pola curiosidade. A instalación é de titularidade veciñal e habitualmente está aberta.