Castelo de Sobroso
Escenario de grandes batallas e rodeado dunha contorna paisaxística singular, o castelo de Sobroso é un dos máximos expoñentes do patrimonio fortificado da provincia de Pontevedra. Situado no alto dun outeiro en Vilasobroso (Mondariz), a máis de 300 metros sobre o nivel do mar, esta impresionante fortaleza medieval impacta tanto pola súa beleza como polo seu perfecto estado de conservación.
O castelo de Sobroso está custodiado por un gran parque forestal no que conviven árbores autóctonas con outros exemplares, e ofrécelles ás persoas que visitan o lugar unha fermosa senda botánica para gozar dun paseo, contemplar a súa extraordinaria beleza natural e unha fantástica panorámica.
Construída no século xii, a fortaleza está formada por un muro exterior de 140 metros, unha torre de planta rectangular e un corpo residencial a dúas alturas, cuxa parte alta estaba reservada para a nobreza e a inferior, para o corpo de garda. A Deputación de Pontevedra, encargada da xestión e do mantemento do castelo, realizou unha musealización innovadora no seu interior para poñelo en valor e reforzalo como atractivo patrimonial e turístico. As e os visitantes poden coñecer a súa historia, a importancia que este tivo no territorio durante o medievo e as personaxes relacionadas a través de audiovisuais, caixas máxicas, videomapping, xogos de luz e son nas distintas salas. As entradas para visitar o castelo e o seu museo están dispoñibles na páxina web da fortaleza.
Personaxes de gran relevancia para a historia da provincia de Pontevedra protagonizaron diversas loitas de poder. En 1117, dona Urraca foi asediada na fortaleza pola súa irmá dona Teresa e os partidarios do seu fillo Alfonso, o futuro primeiro rei de Portugal; aínda que, segundo conta a lenda, dona Urraca lograría escapar por uns pasadizos subterráneos. Máis tarde, en nome do rei, Pelayo Muniz habitaría o castelo e, tras a chegada dos Reis Católicos, converteríase na residencia de grandes familias nobiliarias como os Sobroso, os Sarmiento e os Sotomayor, estas dúas últimas enfrontadas pola propiedade da fortaleza.

A súa localización privilexiada próxima ao río Miño, límite natural co país luso, permitía o control das comunicacións entre o interior e o mar do bispado de Tui, nun enclave no que natureza e patrimonio conviven en perfecta harmonía.