Ir o contido principal
DESCUBRIR

Xacementos

A pegada do pobo galego

Lugares fermosos gardan un rico legado milenario

Gravados rupestres, mámoas, dolmens, castros… As pegadas das persoas que habitaban As Rías Baixas antes da nosa era esténdense pola costa e polo interior da provincia de Pontevedra enmarcadas en fermosas paisaxes, e trazan unha viaxe milenaria que combina historia, lenda e maxia.

Os poboados fortificados en lugares impoñentes como Santa Trega, co océano Atlántico e co estuario do río Miño aos pés, transportan as persoas visitantes á época prerromana. Na Lanzada, tamén nun lugar privilexiado, emerxen os vestixios dun antigo emporio de intercambio comercial co Mediterráneo. O Facho, co seu castro da Idade de Ferro e co seu antigo santuario, desprega ante nós a grandiosidade das illas Cíes e das Ons.

Monte do castro
Monte do Castro en Ribadumia

O poboado fortificado de Castrolandín, moi próximo ao centro da vila termal de Cuntis, data de finais da Idade de Ferro e estivo habitado entre o século iv a. C. e o i d. C. Vinculado ao xacemento está o Centro de Interpretación da sede da Fundación Terra Termarum, que mostra a forma de vida castrexa e no que se imparte un obradoiro de cerámica tradicional.

Enigmáticos petróglifos como o de Mogor en Marín, á beira dunha praia idílica, ou os de Campo Lameiro, a maior concentración de arte rupestre ao aire libre de Europa, suscitan preguntas sobre o significado destes gravados. Marcas territoriais? Ritos de fertilidade? Representacións astrais? A dúbida persiste. Estes gravados evocadores forman parte xa da identidade deste destino e da paisaxe das Rías Baixas.

Laberinto lameiro

Misteriosos labirintos

Quen os gravou? Cal é o significado destes enigmas? Como foron descubertos? Campo Lameiro esconde un tesouro de transcendencia internacional, datado na Idade de Bronce. No Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre (PAAR) atopamos a maior concentración de figuras de arte rupestre ao aire libre de Europa.

Mámoas e dolmens, monumentos funerarios, trasládannos aínda máis lonxe, ao Neolítico. Foron levantados polas e polos antigos poboadores nos montes da provincia hai máis de cinco mil anos e conservan intacta a súa aura de misterio e monumentalidade, como os de Chan de Arquiña, Chan de Armada ou Chan de Castiñeiras, ideais para realizar fantásticas rutas de sendeirismo.

Os museos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra dannos claves sobre estes monumentos e trasládannos ao pasado, a través das valiosas pezas recuperadas nos xacementos. O Museo de Pontevedra custodia tesouros en pedra, bronce, ferro e cerámica rescatados do esquecemento tras permanecer enterrados durante séculos. O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro ou o Museo Arqueolóxico de Santa Trega (MASAT) da Guarda ábrenlles tamén unha xanela á cultura, á sociedade e aos hábitos do pobo galaico.

 

Askós, castro de Alobre
Plato con representación del sacrificio de Isaac
Depósito de Saiáns
Caldero do Monte do Castro
Desplegable