Cruzando camiños
Buscador

Etapa 2. O Porriño-Redondela

15 km

Partimos desde O Porriño e diriximos os nosos pasos cara á parroquia de Sanguiñeda. Xunto á N-550 ou a través da aldea de Veigadaña (onde hai un albergue) entramos na zona urbana de Mos, onde sobresaen a igrexa barroca de Santa Eulalia e o pazo do século XVII.

Unha empinada costa lévanos ao cruceiro dos Cabaleiros, erixido no século XVIII, tamén denominado da Vitoria en conmemoración da expulsión dos franceses a principios do século XIX. A ruta endurécese en dirección a Infesta, coa capela de Santiaguiño de Anta no punto máis elevado, adornada con motivos xacobeos. Neste punto podemos ver o cruceiro de Santiaguiño do Monte e o miliario de Guizán , que forma parte da calzada romana XIX.

Mos
Mos

Entramos no municipio de Redondela, a vila dos viadutos, a través da N-550. Se dispoñemos de tempo é recomendable visitar Vigo, a maior cidade de Galicia, cun barrio histórico en pleno proceso de recuperación, un puxante porto e fermosas praias. Desde o monte do Castro, a principal atalaia de Vigo, podemos divisar as illas Cíes á entrada da ría, xoia do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

De novo no Camiño, avanzando por Redondela, entramos de cheo ao interior da ría a través do estreito de Rande, escenario dunha épica batalla naval en 1702 entre a frota hispanofrancesa e a armada angloholandesa, esta última vencedora da contenda. A ponte que une as dúas beiras da ría, aberta ao tráfico en 1981, converteuse nunha icona imprescindible na paisaxe do sur de Galicia.

Vigo
Vigo

A illa de San Simón, na enseada do mesmo nome, xa no interior de Rande, foi, ao longo da súa historia, desde centro monástico a campo de concentración e lazareto. Tras un intenso labor de recuperación agora conta con auditorio, unha biblioteca e unha escola de mar. No verán celébrase alí o Festival Sinsal, no que se dan cita grandes artistas de música electrónica e de vangarda. O evento forma parte do circuíto de Festivais Rías Baixas e ten a singularidade de que, ademais de ter lugar nunha contorna paradisíaca, o público non coñece o cartel ata que as e os artistas soben ao escenario.

Redondela
Redondela

Redondela posúe un rico patrimonio arqueolóxico, con petróglifos, complexos funerarios e gravados rupestres. A romanización propiciou o crecemento da localidade, e o Camiño de Santiago intensificou a súa relevancia no Medievo. Os viadutos do ferrocarril compoñen un dos seus selos de identidade, e conta cun fermoso centro histórico. Entre os puntos de interese destacan o convento de Vilavella, do século XVI, e a igrexa de Santiago, de orixe románica, cunha soa nave e unha torre e presidida por unha imaxe ecuestre do apóstolo Santiago.