Ir o contido principal
DESCUBRIR

Castelo Soutomaior

Impoñentes fortalezas eríxense en fermosos outeiros da provincia de Pontevedra e lémbrannos a grandeza doutras épocas. A súa situación estratéxica serviu de protección e defensa contra os ataques inimigos. Símbolos de poder na Idade Media, hoxe os castelos das Rías Baixas convértense no pasaporte perfecto para iniciar unha viaxe ao pasado e descubrir en primeira persoa a historia deste destino e das familias da alta nobreza que viviron entre os seus muros.

O castelo de Soutomaior é a perla do patrimonio fortificado das Rías Baixas. Testemuña de batallas, intrigas, loitas de poder entre familias nobres, disputas familiares e visitas de personalidades, ao longo da súa historia viviu épocas de grandeza e tamén de ruína. Hoxe, este maxestoso recinto sito ao fondo da ría de Vigo, no municipio de Soutomaior, brilla en todo o seu esplendor e podería converterse nun referente turístico internacional.

E se o castelo é monumental e extraordinario, non o é menos o xardín de excelencia internacional de camelia, de gran beleza e prestixio, no que unha colección de camelias enormemente valiosa, cuxa floración se produce nos meses de inverno, convive con árbores centenarias. Varias sendas permiten coñecer a fondo a súa gran riqueza botánica a través da flor por excelencia das Rías Baixas; un frondoso bosque no que unha capela, un pequeno arroio, extensos viñedos e fermosas vistas acompañan aquelas persoas que o visitan.

Vista aérea del castillo de Soutomaior
Vista aérea del castillo de Soutomaior

Metade fortaleza medieval do século xii, metade palacio neogótico do século xix, este conxunto arquitectónico que na actualidade vive unha nova época dourada está formado por dúas torres unidas por un edificio habitable e un patio de armas, rodeados por unha dobre muralla.

A musealización do interior —con tecnoloxías para expoñer de forma amena e creativa as súas características, figuras vinculadas e importancia no territorio— supón un salto cualitativo no atractivo dun recinto xa impoñente de seu. Internarse no museo é a opción ideal para descubrir a súa historia. (Fai clic aquí para coñecer o museo).

Tras os seus muros habitaron personaxes como Pedro Madruga, clave na Galicia do século xv, que algúns estudos sitúan como o verdadeiro Cristovo Colón; ou María Vinyals, escritora e pioneira da defensa das mulleres nun tempo —finais do século xix e principios do xx— no que estaban condenadas a un papel de submisión.

Oculta ao fondo da ría para evitar outrora as invasións por mar, e sita nun enclave estratéxico para controlar as comunicacións entre Galicia e o norte de Portugal, emerxe esta fortaleza, propiedade da Deputación de Pontevedra, que harmoniza patrimonio histórico e beleza paisaxística. Convidámosvos a percorrela e a internarvos na historia da provincia.

Máis información aquí.

Soutomaior galería
Soutomaior estanque
Soutomaior
Soutomaior museo
Soutomaior
Desplegable