Ir o contido principal
24 de Febreiro de 2026

A nova tempada foi rodada en distintas localizacións de Galicia, con especial presenza de Cambados e da Ría de Arousa.

Clanes Rías Baixas

A segunda tempada de Clanes chegará a Netflix o vindeiro 3 de abril e volverá situar Galicia, e especialmente as Rías Baixas, no centro dunha das producións españolas con maior proxección internacional dos últimos anos.

A serie, producida por Vaca Films, regresa con Clara Lago e Tamar Novas á fronte do elenco e incorpora nesta nova etapa ao actor galego Luis Zahera.

Tras o éxito da súa primeira entrega —que se posicionou como a serie de fala non inglesa máis vista do mundo na súa semana de estrea, acadando o número un en 28 países— a ficción continúa apostando polo territorio galego como un dos seus grandes protagonistas visuais e narrativos.

Rías Baixas: paisaxe, identidade e produción

A nova tempada foi rodada en distintas localizacións de Galicia, con especial presenza de Cambados e da Ría de Arousa, escenarios que volven achegar autenticidade, carácter e forza visual á historia.

Portos, bateas, cascos históricos e paisaxes costeiras das Rías Baixas forman parte esencial do relato, reforzando a conexión entre ficción e territorio. A contorna non funciona unicamente como fondo escénico, senón como elemento estrutural da trama.

Esta nova rodaxe consolida ademais a capacidade de Galicia para acoller producións audiovisuais de grande formato, xerando actividade económica directa e indirecta no sector servizos, na industria técnica, nos aloxamentos e nas empresas auxiliares.

 

 

Volver a noticias