A Film Commission de Turismo Rías Baixas, finalista dos Premios Anillos de Oro do Círculo de Profesionais das Series Españolas
A Deputación de Pontevedra acaba de ser seleccionada como finalista dos Premios Anillos de Ouro do Círculo de Profesionais das Series Españolas polo labor desenvolvido a través da Rías Baixas Film Commission. A directora de Turismo Rías Baixas, Romina Fernández, acaba de recibir a noticia no Lírico Rooftop Calderón de Madrid, onde se leron as candidaturas aos premios e se desvelou que o organismo provincial é un dos tres finalistas na categoría de “Mellor Film Commission”, xunto con Madrid e Andalucía. A entrega de premios terá lugar o 20 de xuño en Santa Cruz de Tenerife, onde se desvelará se finalmente a Deputación consegue o galardón.
Para o organismo provincial, o feito de ter conseguido chegar á final dos Premios Anillos de Ouro supón un recoñecemento ao traballo desenvolvido polo servizo de turismo, á súa capacidade de xestión e á profesionalidade da Rías Baixas Film Commission, que demostrou ser unha peza clave para o desenvolvemento de rodaxes e producións audiovisuais na provincia. De feito, o pasado ano foi un ano clave para a articulación territorial e a proxección estratéxica da provincia. A Rías Baixas Film Commission fortaleceu as súas alianzas con concellos e entidades públicas, avanzando na sensibilización institucional sobre o valor do audiovisual, e teceu redes internacionais participando en festivais e mercados sectoriais que permitiron ampliar a visibilidade das Rías Baixas como un destino versátil, preparado e altamente competitivo.
O pasado ano, a Rías Baixas Film Commission provincial xestionou un total de 62 rodaxes, o que supuxo un incremento da actividade do 5 % e está a converter a provincia nun destino audiovisual competitivo para o mercado nacional e internacional. A actividade impulsada polo organismo deixou unha fonda pegada na provincia, despregando rodaxes de forma descentralizada e eficiente, chegando a un total de 20 concellos e a 450 días de rodaxe en máis de 200 localizacións, con máis de 2.000 profesionais e cun impacto económico que se traduce en 9 millóns de euros de gasto directo na provincia, o que supón máis de 25 millóns de euros mobilizados e máis de 16 millóns de euros de impacto económico total.
Ademais, o audiovisual demostrou ser un dos grandes motores da desestacionalización turística na provincia, xa que a maior parte das rodaxes rexistradas o pasado ano se concentra en temporadas medias e baixas. Deste xeito, estase a xerar movemento económico fóra dos períodos de maior afluencia, activando servizos como o aloxamento, a restauración, o transporte e provedores locais, favorecendo unha distribución equilibrada do impacto turístico ao longo do ano.