Ir o contido principal
30 de Abril de 2026

Turismo Rías Baixas imparte dúas xornadas informativas sobre o eclipse do 12 de agosto

Jornada astroturismo Palacete
Jornada astroturismo Palacete
Jornada astroturismo Palacete

No marco do novo produto turístico “Baixo o Ceo das Rías Baixas”, organizáronse dúas xornadas de divulgación do astroturismo, dirixidas a empresas do sector turístico e a técnicos de turismo dos concellos da provincia de Pontevedra.

A primeira xornada, celebrada o 20 de abril no Palacete das Mendoza, tivo como obxectivo principal ofrecer ás empresas turísticas información esencial sobre a eclipse solar, capacitándoas para organizar actividades seguras e educativas. É fundamental destacar o papel das empresas na planificación de observacións da eclipse nos seus propios establecementos, evitando concentracións masivas de persoas en puntos turísticos e mellorando a experiencia tanto das persoas visitantes como da comunidade local, garantindo un fluxo turístico sostible e equilibrado.

Desde Turismo Rías Baixas entregouse tamén un díptico informativo cos aspectos máis relevantes da eclipse, que servirá como ferramenta práctica para que as empresas poidan ofrecer á clientela información clara e enriquecedora durante o evento.

A segunda xornada, realizada o 30 de abril en Forcarei, centrouse nos técnicos de turismo dos concellos da provincia. Esta sesión abordou a importancia das certificacións Starlight, a loita contra a contaminación luminosa e o fomento do turismo astronómico, aproveitando a ocasión que ofrece a eclipse para sensibilizar sobre a conservación do ceo nocturno.

Durante esta formación, os profesionais recibiron ferramentas para ofrecer experiencias seguras e educativas ás persoas visitantes, fomentando un turismo sostible e de calidade. Ademais, abordouse o inicio do proceso para certificar os castelos de Soutomaior e Sobroso como “Centros Culturais Starlight”, recoñecendo a súa importancia histórica e cultural, ao tempo que se converten en puntos estratéxicos para a observación astronómica e a divulgación científica.

Ambas xornadas contan coa participación da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, entidade de prestixio no ámbito da astronomía que combina rigor científico e divulgación.

Volver a noticias