Ir o contido principal
10 de Abril de 2026

As Food Truck "O Sabor das Rías Baixas" continúan o seu percorrido pola provincia.

Food truc

A campaña gastronómica itinerante da provincia de Pontevedra continúa a súa exitosa andaina cunha excelente acollida por parte da cidadanía. Ata o momento, as food trucks xa percorreron un total de 27 concellos, seguindo as rutas establecidas e achegando unha variada oferta culinaria baseada nas festas gastronómicas máis representativas do territorio.

Na actualidade, ademais de en Baiona, a veciñanza e visitantes poden degustar as tapas nos concellos de Pazos de Borbén, na Praza do Concello, e en Vilanova de Arousa, na rúa González Besadas, onde permanecerán ata sábado 11 de abril.

As seguintes paradas desta iniciativa terán lugar os días 12, 15 e 16 de abril nos concellos de Nigrán (Praza do Concello), Fornelos de Montes (Praza da Igrexa) e A Illa de Arousa.

Segundo os últimos datos dispoñibles, actualizados a 7 de abril, xa se repartiron 34.460 tapas en toda a provincia, un dato que evidencia o elevado interese e a gran participación da cidadanía nesta proposta gastronómica itinerante.

A oferta culinaria inclúe unha ampla variedade de elaboracións inspiradas na tradición gastronómica local, entre as que destacan o roliño de lacón recheo de grelos, a empanada de millo de mexillóns, as boliñas de requeixo e mel, as croquetas de choco e de cocido, o tartar de salmón con tomate ecolóxico, os buñuelos de galo celta, o pinchiño de vieira á prancha con viño albariño, ou as navallas á prancha, entre outras propostas.

A campaña continúa así consolidándose como unha ferramenta de promoción do produto local, da identidade gastronómica e do territorio, contribuíndo a dinamizar a economía local e a achegar ao público a riqueza culinaria da provincia de Pontevedra.

Volver a noticias