10

10.SABOREA A COMARCA DE CALDAS

ENTRE RÍOS E MANANCIAIS

ENTRE RÍOS E MANANCIAIS

Propoñémosche unha ruta a medida para que goces duns días inesquecibles nas Rías Baixas.

Os museos imprescindibles, os enclaves naturais e patrimoniais das principais poboacións e a gastronomía que non podes perder.

  • Día 1:
    • PORTAS, CALDAS DE REIS, MORAÑA E CUNTIS

      • Antiga fábrica azucreira, que actualmente acolle unha escola infantil, un auditorio ao aire libre e un espazo expositivo cunha colección de casas de bonecas, pintura e escultura. A cheminea da antiga fábrica habilitouse como miradoiro.

      • Ten a súa orixe na época romana. Foi construído con perpiaños de granito, cunha estrutura de tres arcos e tallamares triangulares. Sufriu varias reparacións e modificacións no século XVII. Por esta ponte pasa o Camiño Portugués a Santiago de Compostela.

      • Espazo natural situado á beira do río Umia, no centro urbano de Caldas de Reis, declarado Paraxe Pintoresca e Xardín Histórico. Conta con especies dos cinco continentes, variedade de camelias e unha carballeira centenaria. A súa historia está moi relacionada coa tradición termal e a creación de paraxes románticas no século XIX.

      • Ponte sobre o río Umia de orixe romana pola que pasaba a calzada que unía Tui e Caldas de Reis, remodelada no ano 1729. Moi preto atópase a fervenza de Segade, unha paraxe con fervenzas e pozas dunha gran beleza. No seu contorno consérvanse as ruínas dunha antiga fábrica de luz e algúns muíños de auga.

      • Datada en 1881, é unha monumental fonte con dous caños decorados con cabezas de leóns dos que brotan augas sulfuradas cloruro-sódicas quentes, especialmente indicadas para afeccións respiratorias e reumáticas.

      • Caldas de Reis é un importante centro termal cun manancial de augas sulfuradas cloruro-sódicas con propiedades curativas. A vila conta con dous balnearios: o Balneario Acuña, construído a principios do século XX, e o Balneario Dávila, unha antiga casa de baños que se converteu en balneario en 1880.

      • Festa de Interese Turístico de Galicia que ten lugar na carballeira de Santa Lucía. Ásanse lentamente en brasas de madeira de carballo carneiros abertos en canal. A degustación de carne acompáñase doutros produtos coma a empanada, o pan ou un bo viño da zona. Ten lugar a última fin de semana de xullo.

      • É un poboado fortificado de finais da Idade do Ferro (séculos IV a. n. e.- I d. n. e.), situado nun esporón granítico no fondo do val do río Galo. Ten unha planta oval, con muralla e parapeto e unha coroa central. O xacemento conta con paneis explicativos que permiten coñecer os diferentes usos das construcións, o sistema defensivo ou o monumental acceso ao poboado, cunha escalinata e torres. O xacemento arqueolóxico dispón dun Centro de Interpretación situado no centro histórico de Cuntis, no que se divulga a cultura castrexa e se exhiben obxectos recuperados no castro, coma os muíños de gran, pezas cerámicas… Tamén se recrean elementos da vida cotiá no castro, coma unha lareira ou un tear. Dispón ademais dun obradoiro de cerámica castrexa no que, desde a arqueoloxía experimental, se recuperan as formas da cerámica documentada en Castrolandín.

  • Día 2:
    • CUNTIS, CATOIRA, VALGA E PONTECESURES

      • A tradición termal de Cuntis ten orixe probablemente na época romana e perdurou ata os nosos días. É un os destinos termais máis importantes de Galicia no que sobresae o Hotel da Virxe, con amplos xardíns e unha conexión directa ao manancial, e o Hotel Castro do Balneario, un tradicional casarón rehabilitado que tamén ofrece tratamentos termais.

      • Festa de Interese Turístico de Galicia que ten lugar despois do Domingo de Entroido, co Enterro do Chapante e a degustación de racións de lacón e filloas.

      • Sistema montañoso situado na costa, cunha altitude máxima de 641 metros. Del nacen diversos ríos, coma o rego de San Cibrán, o Freixeiro ou o rego do Beco. Na súa cima hai un miradoiro que ofrece espectaculares vistas da ría de Arousa, Caldas de Reis e o val do Ulla.

      • Zona húmida rexistrada no Inventario de Humidais de Galicia, formado na conca do que foi unha antiga canteira de Catoira. É un exemplo de rexeneración ambiental.

      • As orixes das Torres de Oeste son de época castrexa (séculos II-I a. n. e.), aínda que foi no medievo cando se converteron nun dos enclaves máis importantes de Galicia, pois desde alí controlábase o tránsito fluvial do río Ulla. Actualmente consérvanse os restos de dúas torres e a capela.

      • Festa declarada de Interese Turístico Internacional que conmemora as incursións normandas que tiveron lugar no século XII en territorio galego. O máis rechamante é a recreación da chegada dunha embarcación viquinga, o desembarco e o ataque das Torres de Oeste por parte de viquingos. Ten lugar a primeira fin de semana de agosto.

      • Festa gastronómica de exaltación de dous produtos típicos das terras do Ulla: a anguía e a augardente ou caña do país. Poden degustarse ambos os produtos en diferentes preparacións. Ao final das festas celébrase o conxuro, unha degustación de rosquillas de augardente e a gran queimada. Ten lugar a última semana do mes de agosto.

      • Presenta o patrimonio natural do territorio e propón un percorrido pola historia de Valga desde os primeiros poboadores ata a época contemporánea. Como fillos ilustres da poboación destacan La Bella Otero e o historiador Xesús Ferro Couselo. Dispón dun edificio anexo coa recreación etnográfica dunha casa tradicional.

      • É unha das composicións do Nadal máis espectaculares de Galicia polas súas dimensións, ao contar con máis de 3.000 pezas en 250 m2, e porque non representa unicamente as escenas típicas da tradición relixiosa, senón que incorpora elementos da actualidade.

      • Ponte sobre o río Ulla datado no século I que sufriu varias remodelacións; a máis memorable foi realizada polo Mestre Mateo no século XII. Consta de dez arcos, por ela discorre o Camiño Portugués de peregrinación a Santiago de Compostela e une as provincias da Coruña e Pontevedra.