Praias das Rías Baixas
Un clima tépedo e un verán que se alonga ata principios de outubro axudan a que sexa un destino ao que quererás volver para buscar as praias que che quedaron pendentes. As tres rías da provincia de Pontevedra converten a súa costa nun espello de norte a sur, con praias veciñas e enfrontadas desde as que se divisan bateas, pobos ou vilas mariñeiras.
Bañarse no Atlántico, comprobar como o grosor da area ou o tipo de vexetación dunar varía segundo as rías, elixir entre unha contorna urbana con servizos ou outra paradisíaca e case virxe, gozar dun marco de natureza e paisaxe incomparables de augas cristalinas, descubrir as bondades do clima suave das Rías Baixas distinto do tópico de choiva en Galicia, gozar da praia para moito máis que sol e baño… Poderías enumerar tantos motivos como praias visites cando veñas as Rías Baixas.
Mapa coas 58 praias
Consulta aquí a localización e características das 58 praias da provincia de Pontevedra con bandeiras azuis.
Na ría de Arousa, a costa sur mira á provincia veciña da Coruña, xa que a vertente norte desta ría forma parte desa provincia. Praias como a de Bamio ou a do Preguntoiro, cos servizos que garante a cidade de Vilagarcía de Arousa, ou areais arborizados na poboación próxima de Vilanova de Arousa.





Esta ría conta cunha illa cuxa costa é espazo protexido Rede Natura 2000: a illa de Arousa. Unha viaxe á illa non é unha viaxe completa sen unha visita ao Bao e á praia de Area da Secada, na que poderás pasear, ver as dunas e parar nos seus característicos piñeirais. Se che gusta practicar kaiak ou piragüismo, as empresas de turismo activo da illa permitiranche engadir ao día de praia algo de deporte e achegarte ao illote de Areoso, unha paisaxe virxe de vexetación dunar e area branca.
Más ao sur, antes de entrar na ría de Pontevedra, atópase a península do Salnés, un dos destinos estrela das Rías Baixas. Paseos marítimos, lendas e ermidas mestúranse nos municipios do Grove e Sanxenxo. Contornas rurais, como Area das Pipas ou Area Grande; semiurbanas e con grandes espazos de zonas dunares, como Area da Cruz e Raeiros; ou coas bateas da ría, como paisaxe principal en Meixilloeira; son algunhas das opcións que ofrece O Grove.
Por unha banda, A Lanzada é unha praia de máis de dous quilómetros na que coñecerás o ritual das nove ondas na noite de San Xoán —rito ao que se lle atribúen beneficios para a fertilidade—, a capela románica da Nosa Señora da Lanzada e as ondas que atraen a practicantes de surf locais e foráneos. Doutra banda, a praia de Canelas, preto de Portonovo (Sanxenxo) e na contorna de punta de Cabicastro, é un fermoso miradoiro natural que ofrece unha fantástica panorámica da ría de Pontevedra.
Sanxenxo é o municipio galardoado con máis bandeiras azuis das Rías Baixas, 17; seguido de Vigo, con11 ao sumar Santa Baia; e Cangas, que conta con cinco. Esta é só una das razóns polas que continúa sendo un referente estatal, xunto con Cartaxena, de destino turístico consolidado de sol e praia. Fronteiriza coa Lanzada, O Espiñeiro é unha pequena praia de 300 metros, de carácter urbano.



Outras praias urbanas e semiurbanas son Caneliñas e Baltar, no pobo pesqueiro de Portonovo; A Lapa; Areas; Areas Gordas; Canelas e Panadeira; ademais da emblemática Silgar, urbana por excelencia, pegada ao paseo marítimo de Sanxenxo e un lugar de encontro de turistas que repiten destino cada verán.
Entre as praias de contorna rural, Sanxenxo ofrece a posibilidade de visitar as de Paxariñas ou Montalvo, cun paisaxe de cantís e dunar respectivamente, cuxo público se nutre do cámping situado entre elas. Outras praias dunares son Major e Pragueira, próximas a Foxos, paraíso de surfistas. O que fai que a outra praia, Bascuas, sexa diferente ao resto é o seu carácter de praia nudista. De aspecto salvaxe, rochoso e rodeada dun suave cantil cunha baixada ao areal, é unha das máis concorridas do municipio. Bascuas e Foxos locen tamén o distintivo azul.
O municipio de Poio, cara ao interior da ría de Pontevedra, conta entre os seus areais cunha bandeira azul: a praia semiurbana de Cabeceira.
As paisaxes, a gastronomía e as tradicións locais son os grandes atractivos de Marín, Bueu, Cangas e Moaña, concellos da península do Morrazo.
As praias marinenses ocupan un lugar destacado na costa sur da ría de Pontevedra. Os seus areais de Portocelo, Mogor, Aguete e Loira contan con bandeira azul; tamén o de Santo do Mar - A Coviña, que conseguiu o distintivo en 2015. As praias de area fina e mar calmo gozan de moitísima fama e miles de bañistas acoden cada verán atraídas e atraídos pola beleza e calidade das súas augas.
Na península do Morrazo descubrirás que as paisaxes, a gastronomía e as tradicións locais son outros dos atractivos desta comarca, sobre todo as súas praias, maioritariamente rurais, de area finísima e augas tranquilas. Bueu, Cangas e Moaña repártense areais de norte a sur. rurais, de area finísima e augas tranquilas.








En Bueu poderás atopar a escondida praia de Lapamán pasando por Portomaior. E, achegándote á ría de Aldán, os areais de Area de Bon e Lagos, entre outros; todos eles contan con bandeira azul, do mesmo xeito que Lapamán e Portomaior. Desde as praias do municipio divisamos a illa de Ons, que se pode visitar en barco desde Bueu e Sanxenxo, e que conta con praias protexidas orientadas ao interior da ría, entre as que destacan Canexol, Area dos Cans e a paradisíaca Melide.
Na costa de Cangas atopámonos co maior número de praias —sen contar outras moitas calas—: 38 en total, das que cinco foron distinguidas con bandeira azul. Na ría de Aldán destacan as praias de Menduíña, Areacova ou Areabrava, ademais de calas paradisíacas como Pipín ou Castiñeiras.
Xa na ría de Vigo, a zona protexida de Cabo Home e a Costa da Vela contan tamén con areais de gran singularidade e recoñecido valor paisaxístico, como Melide, onde parece que podemos tocar as illas Cíes; ou Barra, considerada a mellor praia nudista de Galicia. Nerga, Areamilla, Liméns, Menduíña e Areabrava son as cinco praias distinguidas en Cangas. A bandeira azul tamén ondea na praia do Con, en Moaña.
Aínda que se coñece Vigo polo seu aspecto máis comercial e industrial, 11 das súas praias conseguiron a bandeira azul en 2022. Son moi populares entre a poboación de Vigo algunhas praias pequenas, como a da Punta ou a do Tombo do Gato, e tamén areais amplos, como o do Vao. Tamén a praia urbana viguesa por excelencia, Samil, de máis dun quilómetro, cun paseo marítimo que empeza a animarse xa os primeiros días solleiros de inverno, con restaurantes, xardíns, parques infantís, piñeirais e pequenas praias lindeiras. Resultarache imposible non te parar a ver como o sol se oculta tras as illas Cíes.
Se decides navegar cara as Cíes, a praia de Rodas será a protagonista de moitas das imaxes que quedarán na túa memoria. Mais se te animas a transitar por algunha das sendas que percorren o arquipélago, descubrirás outras praias e calas preciosas, como a de Figueiras, Nosa Señora ou Areíña, ocultas tras piñeirais e protexidas polos cantís. Se estás en Vigo, non deixes de coñecer outros areais destacados como Argazada, Fortiñón, Canido ou A Fontaíña.





Val Miñor é outro destino ideal con múltiples opcións. No municipio de Nigrán poderás practicar surf en Patos ou pasear polos dous quilómetros de areal de Praia América e Panxón. No outro lado da baía onde se atopan estas praias está a vila de Baiona, tamén con varias praias ao longo do paseo que percorre o seu litoral e a península de Monterreal, onde está o Parador de Turismo.
Despois da impoñente praia de Ladeira descubriremos praias pequenas, familiares e cunha paisaxe náutica. É o caso da Barbeira, próxima ao porto deportivo, pero con augas tépedas e transparentes. A Concheira é famosa pola calidade mineral das súas augas e a última antes de continuar o camiño cara ao sur; nela verás bañarse a persoas maiores do pobo, sexa verán ou inverno. Santa Marta, A Ribeira e Os Frades tamén te seducirán.




Se continúas a estrada da costa cara ao sur chegarás ata o límite natural con Portugal, formado polo río Miño, na localidade da Guarda. As coñecidas praias de Area Grande e O Muíño recibiron este 2022 a bandeira azul. Esta última trátase dun extenso areal con dunas en plena recuperación, auga de baixa salinidade pola desembocadura do río e un illote chamado A Ínsua cun pequeno forte, testemuña das antigas guerras entre galegos e portugueses.



