Camiño de Armenteira
Intérnate nunha ruta que finaliza aos pés do mosteiro, unha xoia dos séculos xii-xiii cuxa fundación se lle atribúe ao nobre don Ero
En pleno corazón do Salnés atopámonos cunha ruta de sendeirismo que é toda unha invitación a mergullarse entre viñedos e gozar da forza da auga xunto a centenarios muíños para finalizar na escalinata do impoñente mosteiro de Santa María de Armenteira.
É unha alternativa inmellorable para aquelas persoas que buscan desconectar no medio da natureza e deixarse empapar pola historia do rico patrimonio relixioso de Pontevedra. Son algo máis de oito quilómetros, sempre á beira do río Armenteira e baixo a follaxe dun abundante arboredo.
Os máis famentos de experiencias partirán desde Barrantes e percorrerán as parroquias de San Martiño de Meis ata localizar o mosteiro cisterciense cuxa fundación se lle atribúe a don Ero en 1149.
Estivo ocupado durante 700 anos por unha comunidade de monxes dedicados á oración e ao traballo, ata que en 1837 tiveron que a abandonar o cenobio pola desamortización. A igrexa é un verdadeiro tesouro dos séculos xii-xiii, catalogada como románica galega aínda que cun estilo de transición ao gótico. Do claustro primitivo só queda a porta de acceso.
Lugar lendario
Don Ero é protagonista dunha famosa lenda que xa recollen as Cantigas de Santa María de Alfonso x o Sabio. Segundo a historia, o monxe saíu de paseo unha mañá e quedou embelesado polo canto dun paxariño. Pasaría uns 300 anos neste estado antes de regresar ao mosteiro crendo que só transcorreran unhas horas. Pero todo cambiou e os monxes só o recoñecen polas crónicas da súa desaparición. Tras a súa morte, noméano como «o abade santo» e represéntano co paxaro sobre o seu ombreiro.
Os arredores do templo son un auténtico espectáculo da natureza. Trátase dunha das sendas máis famosas de Galicia pola súa beleza e singularidade, e ademais permitiu recuperar o antigo camiño polo que subían as e os veciños de Ribadumia ata Armenteira o domingo de Pascua. Hoxe, a celebración trasládase ao luns, día en que miles de veciños e veciñas da comarca participan na romaría de Nosa Señora das Cabezas, á que se lle atribúen propiedades curativas para a xaqueca.
No tramo máis transitado, entre Ribadumia e Meis, o camiño discorre entre os muíños de Serén, moitos deles rehabilitados
O treito máis concorrido, entre Ribadumia e Meis, coñécese como Ruta da Pedra e da Auga, onde o camiño discorre entre os muíños de Serén, moitos deles rehabilitados. A aldea labrega esculpida en pedra pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra é unha parada obrigatoria.