Ir o contido principal
DESCUBRIR

Lacón con grelos

Adeus ao Entroido con cocido e filloas 

A festa de Cuntis conta cun invitado especial: O Chapante

O lacón con grelos é un prato típico da cociña tradicional galega que se prepara na época de Entroido, cando o grelo está no seu mellor momento e o frío do inverno convídanos a gozar da contundencia das carnes de porco curadas. En Cuntis levan máis de dúas décadas convertendo esta combinación gastronómica en protagonista dunha das súas festas máis importantes, declarada de interese turístico de Galicia.

A Festa do Lacón con Grelos celébrase cada ano o domingo seguinte ao domingo de Entroido e marca a despedida desta celebración, cos seus rituais e coas súas tradicións. O protagonismo da xornada lévao a propia degustación gastronómica, cuxo prato básico é o cocido de lacón con grelos, acompañado de patacas, e unhas filloas de sobremesa. O concello instala na praza da Constitución unha gran carpa, pero tamén se pode gozar da mesma receita nos restaurantes e casas de comidas da localidade.

A programación festiva inclúe actuacións musicais e outros actos que xa se converteron en habituais na celebración, como a exposición de bonsais de camelia, a mostra de palilleiras e a ruta de motos clásicas. Para as e os participantes da concentración de motos organízase, na véspera da exaltación gastronómica, un «vespaguateque» inspirado nos anos sesenta.

Á tardiña, tras despachar máis de 2 500 racións de lacón con grelos e filloas, entra en acción a figura do Chapante, cuxo nome remite á denominación popular que reciben as e os habitantes de Cuntis debido ao seu gusto polo bo comer.

Do mesmo xeito que noutras localidades das Rías Baixas existen personaxes como a sardiña, o Ravachol, o Momo ou o Meco, en Cuntis despiden o Entroido enviando á fogueira ao Chapante, figura que, neste caso, representa unha crítica mordaz ás xentes lambonas e folgazanas. Viúvas, carpideiras, sancristáns, amigas e amigos acompañan o Chapante no seu último percorrido polo centro urbano, ao son de responsos e pregarias. Finalmente, o gran comellón é incinerado como colofón á degustación gastronómica e ao Entroido.


Que facer en Cuntis?

Cuntis é recoñecida polas propiedades mineromedicinais das súas termas, que se converteron no principal foco de atracción de visitantes á vila. O balneario ofrece diferentes tipos de servizos, desde tratamentos terapéuticos ata sesións de coidados estéticos, que se poden contratar como servizos illados ou como programas de varios días. 

Ademais, dado que o termalismo é unha actividade habitual xa desde o século XIX, conta cunha completa oferta de aloxamentos, entre os que se inclúen dous hoteis de catro estrelas e varias pensións.

Castroladin

O municipio tamén destaca pola súa riqueza arqueolóxica. O castro de Castrolandín, datado na Idade de Ferro, é unha visita obrigada, tanto polo interese do castro como pola súa localización privilexiada, sobre un outeiro do val do río Gallo. A Fundación Terra Termarum Castrolandín, un centro de interpretación situado no núcleo urbano, ofrece visitas guiadas ao xacemento e conta cunha exposición arqueolóxica.

 

Lacon de grelos
Lacon con grelos
Fiesta de lacon con grelos
Cuntis Fiesta de lacón con grelos
Desplegable