Ir o contido principal
DESCUBRIR

Feira do cocido de Lalin

Lalín, ou a arte de facer o mellor cocido 

A exaltación deste prato alcanzou o status de festa de interese turístico internacional

No inverno apetece un bo cocido. As Rías Baixas son o lugar ideal para gozar deste pracer gastronómico e, en febreiro, Lalín convértese na capital mundial deste delicioso prato tradicional. A localidade de Deza celebra a súa Feira do Cocido, unha festa declarada de interese turístico internacional que congrega cada ano a decenas de miles de persoas ao redor desta elaboración culinaria exquisita e suculenta.

A feira conmemorarase ao grande, cunha variada programación que conxuga gastronomía, Entroido, música e numerosas actividades para todos os públicos. Todo iso ao redor dunha receita con máis dunha ducia de ingredientes que, combinados á perfección, dan como resultado o mellor cocido. Espiñazo, touciño veado, costela, orella e uña salgada, lingua, galiña de casa, tenreira e chourizo de Lalín son as carnes protagonistas dun prato no que as verduras e os legumes teñen tamén un papel importante, así que as fabas grandes, os garavanzos, as patacas e os grelos nunca faltan.

Institucionalizado en 1969 grazas á proposta conxunta de seis alcaldes da comarca de Deza, este evento réndelle culto á elaboración tradicional da zona, unha forma de preparar o cocido que dista moito da doutros de España como o maragato, o de Liébana, o montañés, o madrileño ou a escudella.

Antesala sempre das festas de Entroido, a Feira do Cocido de Lalín e as semanas de actividades previas a esta son un momento idóneo para coñecer toda a comarca.

 


E se degustar un cocido de Lalín é unha experiencia que non entende de reloxo, a elaboración deste prato tampouco o fai. De feito, a preparación comeza ata catro días antes de comer o cocido. É entón cando hai que poñer o lacón a desalgar, cambiándolle a auga, que ten que ser fría, cada 24 horas. Dous días despois, lávase minuciosamente cada peza de carne que se vai a incorporar á cazola e repítese o proceso levado a cabo co lacón. Os garavanzos e as fabas póñense a remollo a xornada previa ao día que se cociña o cocido e, que, segundo explican en Lalín, deben colocarse sempre en recipientes distintos.

O inverno é, por tanto, un dos mellores momentos para visitar a zona norte da provincia de Pontevedra. O mes do cocido achega este prato a miles de comensais, que a diario acoden á capital dezá e aos seus numerosos restaurantes. Pero, ademais, esta festividade chega sempre acompañada dun amplo programa lúdico e cultural no que destacan as actividades etnográficas, musicais ou artísticas, como o Cocido das Artes, e que inclúe tamén actuacións solidarias.

A festa, durante a que se instalan os tradicionais postos de venda de carnes e verduras no campo da Feira Vella, ten na matanza do porco outro dos seus focos de atracción. Este labor ancestral, que se realizaba en case todas as casas do rural galego ata hai relativamente pouco, faise agora cada ano nunha parroquia distinta e acompáñase da degustación dos produtos tradicionais da matanza do porco.

Antesala sempre das festas de Entroido, a Feira do Cocido de Lalín e as semanas de actividades previas a esta son un momento idóneo para coñecer toda a comarca. Integrada tamén polos municipios de Silleda, Agolada, Rodeiro, Dozón e Vila de Cruces, Deza ofrece un conxunto de paraxes únicas: a fervenza do río Toxa, o mosteiro de Carboeiro, os pendellos de Agolada, a serra do Candán, as illas de Gres ou o pazo de Liñares son lugares que sempre convencen a aquelas persoas que os visitan.

 

Cocido de Lalin
Cocido de Lalin
Desplegable