Festa da Lagosta
Unha fin de semana de sabor a mar
A Guarda celebra en xullo a Festa da Langosta
Mariscos e peixes protagonizan a gastronomía das Rías Baixas. En cada localidade, os froitos do mar visten de gala os pratos, buscados por veciñas e veciños da zona e especialmente por aquelas persoas que visitan a provincia de Pontevedra. Aínda que estes manxares son famosos nas receitas locais durante todo o ano, a multitude de festas gastronómicas que teñen lugar nos meses de máis calor fai que cobren especial relevancia. A Festa da Lagosta e da cociña mariñeira é unha delas.
O evento, que se desenvolve sempre a primeira fin de semana de xullo e foi declarado de interese turístico de Galicia, é moito máis que unha homenaxe culinaria á lagosta e a outros peixes e mariscos. O seu cartel integra, ano tras ano, cultura, tradición, actuacións musicais, espectáculos infantís ou visitas guiadas. Durante estas tres xornadas, A Guarda convértese en epicentro das tradicións máis propias das Rías Baixas e nun tributo á vida mariñeira.
Por suposto, os restaurantes desta localidade de Pontevedra son outro punto neurálxico da celebración. Sobre a mesa, moitos son os invitados a unha festa cuxo protagonista é o aplaudido crustáceo da Guarda: percebes, rape, lagostinos, mexillóns, ameixas, navallas, vieiras, zamburiñas, gambas ou polbo destacan en numerosas elaboracións como empanadas, paellas, espetadas ou tortillas.
A abundancia da lagosta nas costas da Guarda impulsou a organización desta festa á que hoxe acoden decenas de comensais. No menú non faltan os viños das Rías Baixas e as sobremesas tradicionais, entre as que destacan a rosca de xema ou as filloas.
Para ver e percorrer
No Camiño Portugués da Costa, ademais do bo comer, este pobo mariñeiro destaca polas súas vistas e polos seus recursos turísticos: casas indianas, fortalezas, contornas de interior e paisaxes fluviais suman atractivo a un municipio coñecido especialmente polo poboado castrexo de Santa Trega, un dos maiores enclaves arqueolóxicos da provincia de Pontevedra.