Tradición
Unha terra lendaria
Galeóns afundidos con tesouros de incalculable valor, mouros baixo os castros, unha raíña que utiliza un pasadizo secreto para as súas aventuras amorosas e políticas, labirintos con significados ocultos, un cabaleiro que emerxe da auga ao paso do corpo do apóstolo Santiago… Son múltiples os mitos e as lendas que percorren a provincia de Pontevedra asociadas aos seus bosques, pobos, rías e ríos, illas e pedras. Ficción ou realidade? Ofrecémosvos unha guía para que visitedes lugares máxicos nos que evocaredes historias ancestrais e misteriosas.
En outubro de 1702, a ría de Vigo foi escenario dunha gran batalla entre as frotas hispano-francesa e anglo-holandesa, vencedora esta última na contenda. A Escuadra da Prata española portaba enormes riquezas transportadas desde América. Unha parte do cargamento xa fora desembarcado antes da confrontación, mentres que outra a levaron as armadas inglesa e holandesa tras a vitoria. Con todo, algúns barcos capturados foron afundidos pola súa propia tripulación e medrou a lenda sobre o fabuloso tesouro de Rande. O escritor Jules Verne universalizou a batalla no seu clásico Vinte mil leguas baixo dos mares. O capitán Nemo visitou a ría de Vigo co Nautilus e mostroulle esta fortuna baixo o mar ao profesor Aronnax. Os cazatesouros buscaron estas riquezas formidables na ría e na súa contorna sen éxito.

A illa da Toxa, no Grove, é un dos grandes complexos termais de Europa e, segundo un relato popular do que se fixo eco a escritora Emilia Pardo Bazán en 1899, o actual centro turístico xurdiu por mor da sorprendente curación dun burro. «No Grove, aldeíña da costa fronteiriza, un aldeán posuía un burro tiñoso, tan pelado e cuberto de costras e amatas que daba horror. Apiadado o seu dono, non o querendo matar, abandonouno na illa; e grande foi o seu asombro ao atopar, á volta dalgún tempo, un ruzo san, gordo e sen mácula», relata. O home decatouse de que o burro «tiña costume de tirarse en certo charco lamacento, onde fornecía un chorro de auga fervente». A partir de entón popularizáronse as propiedades terapéuticas das augas da Toxa, ricas en sodio, calcio e magnesio.

O impoñente castelo de Sobroso, que se erixe en Mondariz sobre a ladeira do monte Landín, alberga lendas relacionadas con dona Urraca. A raíña ordenaría construír un pasadizo que atravesaba o río Miño e chegaba ata Portugal, un túnel que utilizaba para as súas aventuras amorosas e políticas. A lenda conta que, tras ser asediada no castelo polos partidarios do seu fillo, o conde de Traba, e a súa media irmá Teresa, lograría fuxir por un pasadizo.

A tradición de portar unha cuncha de vieira no chapeu e a esclavina durante a peregrinación a Santiago ten a súa orixe nunha lenda viguesa. Nesta, relátase como, durante unha voda, os señores a cabalo tiraban as súas lanzas ao aire e galopaban para recollelas antes de que tocasen o chan. O noivo, durante o xogo, caeu accidentalmente ao mar e desapareceu, e deixou atrás só un ronsel de escuma brillante que se dirixía a unha nave próxima á beira. Este portaba o corpo do apóstolo Santiago. O noivo e o cabalo saíron á superficie e ambos os dous estaban en perfecto estado, cubertos de cunchas de vieira.

As terras de Deza están rodeadas de lendas con elementos mitolóxicos celtas, que se mesturaron despois con outros relixiosos durante a cristiandade. Mulleres convertidas en serpes, mouros que vivían baixo terra, pasadizos secretos, tesouros enterrados, machos cabrúns, encantamentos de persoas transformadas en animais… Abundan mitos e relatos sobrenaturais, moitos deles relacionados cos castros. Hai unha trintena de xacementos só en Lalín, e máis dun centenar en toda a comarca. O centro CastroDeza é o lugar ideal para coñecer a vida, os costumes, a gastronomía e as lendas da cultura castrexa.

Percorridos de iniciación, calendario solar, símbolos de fertilidade ou marcas funerarias son algúns dos posibles significados dos labirintos gravados sobre a pedra en distintos puntos da provincia de Pontevedra, moi similares a outros localizados en países como Laponia ou Finlandia. Grazas ao máxico labirinto de Mogor (Marín) internámonos neste misterio, nunha contorna espectacular da costa do Morrazo.

O castro de Santa Trega é un lugar máxico que nos transporta dous milenios no tempo á Galicia dos nosos antepasados, pero ademais todo o monte está rodeado de misterios e lendas. Unha delas xira ao redor da santa que lle dá nome, que se lle apareceu a unha pastora no século XIV durante unha tempada de gran seca. A moza pediulle que volvese chover e santa Trega contestoulle que todo o pobo debía subir en procesión e gardar xaxún durante tres días. Así se fixo e a choiva regresou pouco tempo despois. Creouse o santuario como agradecemento e desde ese momento ten lugar unha procesión cada ano.

O Buraco do Inferno, na illa de Ons, é un lugar mítico desde o que, segundo conta unha lenda, pode oírse durante as tempestades o queixume das almas atormentadas no lume eterno. Un touro con cornos de ouro custodia este acceso ao mundo dos mortos.

A lenda tamén rodea a illa de Tambo (Poio). Un dos relatos está vinculado á santa Trahamunda, unha noviza do convento de San Martiño desta pequena insua que sería secuestrada polos mouros e trasladada a Córdoba. Trahamunda pediulle a Deus saír de alí e atoparse ao día seguinte en San Xoán de Poio. Segundo este relato, o milagre foi inmediato. A illa tamén sufriu o asalto do mítico corsario inglés Francis Drake. Outra lenda sinala que en Tambo había unha moura que, á noitiña, convocaba a un touro. Este transportaba alí os corpos dos mortos.

O patrón de Tui é outro dos personaxes cuxa historia se mestura coa lenda. Pedro González ou Pedro Telmo foi un humilde frade, beatificado en 1254 e designado como patrón dos mariñeiros en 1745. A el atribúeselle a construción de numerosas pontes, as máis importantes en Ribadavia (Ourense) e na Ramallosa —esta último sobre o río Miñor, entre Nigrán e Baiona—. Segundo a lenda, comezou unha tormenta cando predicaba diante dunha multitude e dividiu as nubes en dúas para empurralas cara ás beiras e despexar o ceo sobre as persoas congregadas.

O relato popular conta que nunha poza situada nos montes de Domaio (Moaña), moi preto do estreito de Rande, pódense escoitar aínda os queixumes dunha fermosa moura. Esta desaparecería nesas augas despois de que seu pai dese ao campesiño do que se namorou nese mesmo lugar. A muller aparece na noite de San Xoán cepillando o seu cabelo cun peite de ouro.

Unha das lendas da comarca de Deza relacionada cos castros é sobre o municipio de Agolada. Cóntase que en castro Marcelín viviu unha raíña chamada Marcela, que escondía un tesouro detrás dunha porta de pedra, xunto a diferentes chaves. Neste municipio achamos tamén o famoso Pendellos de Agolada, un importante lugar de encontro comercial da Galicia de hai dous séculos. Coñecer este conxunto histórico cunha aura máxica permítenos entender mellor a vida rural e as características sociais do século XVIII. Trátase dun espazo creado para o ritual de cambio, compra e venda, charla, regateo, encontro, enganos e ganancias, apertóns de man e bolsas, e polbo á feira.
Historia e lenda mestúranse na casa da Peste, situada na aldea da Godela, onde se conta que foron recluídas 40 persoas infectadas pola peste. Este inmoble do municipio de Cerdedo-Cotobade data do século xviii —non seu lintel figura a inscrición de 1721— e hoxe atópase en estado de abandono. Unha das epidemias da enfermidade produciuse en Galicia durante as primeiras décadas do citado século, o que lle confire verosimilitude ao relato.
A Santa Compaña representa un dos mitos máis populares das Rías Baixas e de Galicia. Esta lexión nocturna está formada por ánimas que camiñan cos pés descalzos en dúas fileiras e envoltas en sudarios. Cada pantasma porta unha luz, e só un lixeiro vento e cheiro a cera indican a súa presenza. Á fronte vai un espectro de maior tamaño, a Estadea. En ocasións, portan un cadaleito no que trasladan un familiar da persoa que presencia o paso. Esta non tarda en morrer. Pode ocorrer que aquela persoa que atopa a comitiva se vexa obrigada a seguila portando unha cruz e un caldeiro. A ou o acompañante pode traspasarllo a outra persoa e quedar libre, mentres que aquela persoa que o reciba deberá acompañar os defuntos.