Ir o contido principal
DESCUBRIR

Camiño de Inverno

Camiño de Inverno

Unha ruta de interior con fermosas paisaxes naturais

O Camiño de Inverno, unha ruta de interior con pouco máis de 200 quilómetros e oficial desde 2016, cruza os municipios de Rodeiro, Lalín, Silleda e da Estrada na provincia de Pontevedra para emprender despois rumbo a Santiago de Compostela.

Durante a travesía, as e os camiñantes atopan paraxes moi diversas: leitos fluviais, panorámicas verdes, contornas de interior ou bosques frondosos. Estes son o pano de fondo de especies arbóreas autóctonas e elementos patrimoniais que acompañarán as e os peregrinos ata o seu destino: a capital de Galicia.

Camino de invierno Abades

A denominación da ruta débese a que lles permitía ás e aos peregrinos medievais do Camiño de Santiago evitar o ascenso ao porto do Cebreiro, que na época invernal máis crúa volvíase extremadamente duro. Ben desde Ponferrada ou a mesma Villafranca del Bierzo, este camiño segue ao abrigo dos ríos Sil e Miño, e únese á Vía da Prata. Aquelas persoas que se decanten por este itinerario no seu traxecto cara á cidade do apóstolo gozarán dunha zona caracterizada pola súa riqueza natural e polo seu patrimonio.

Desplegable
Título
Fase Rodeiro-Bendoiro (26,8 km)
Descripción

Case no centro xeográfico de Galicia, en Rodeiro, os ollos diríxense cara ao monte Faro, de gran beleza. A súa altitude é un dos seus principais atractivos, pois a súa cima de 1 187 metros constitúe o punto máis alto de todo o territorio municipal. A maxia da contorna, en terras de Deza, fai máis ameno este traxecto de dificultade importante.

A ruta comeza na parroquia de Río, antigamente punto neurálxico do comercio na zona, que aínda conserva os antigos pendellos das súas feiras tradicionais.

No noso itinerario cruzaremos a ponte medieval de Pedroso, construída no século xii sobre o río Arnego e con dous muíños acaroados a ambos os dous lados, e continuaremos en dirección a Lalín polo paseo fluvial do río das Cabirtas.

Camino invierno Roderio

De camiño a Bendoiro, en Lalín, o Camiño de Inverno aínda ten moito máis que ofrecer nas terras de Camba, como se coñece a Rodeiro. Pasaremos por terras de excelente cantería sobre pontes medievais, lugares de hospedaxe, zonas de mámoas e regatos.

Entraremos en Lalín, a capital da comarca dezá e epicentro gastronómico do cocido galego. Tras pasar a Carballeira das Casianas chegarase á Laxe, o punto de confluencia deste itinerario coa Vía da Prata, un dos itinerarios máis tradicionais para chegar a Compostela.

Título
Fase Bendoiro-Outeiro (33,8 km)
Descripción

En Lalín, a través da N-525, o itinerario intérnase en Vilasoa para alcanzar Prado. Desde aquí chegaremos a Borralla e cruzaremos a ponte de Taboada sobre o río Deza, afluente do Ulla, que foi construída no século x. Se dispoñemos de tempo neste punto poderemos visitar o coñecido santuario do Corpiño, que cada ano acolle miles de fieis nas súas romarías de inverno e verán. Tras Taboada, ascenderemos ata Trasfontao para alcanzar Silleda.

Desde aquí, o camiño levaranos cara á esquerda. O Foxo, Chapa, A Bandeira e Castrovite acóllennos para continuar a ruta ata Loimil, Os Casares, As Carballas e Oca, famosa polo seu pazo, o Versalles galego. Tras pasar esta parroquia estradense, encamiñarémonos cara a Valboa, Arnois, A Calzada e A Veiga, por onde chegaremos ata o municipio coruñés de Vedra.

Camino de invierno Bendoiro-Outeiro