Ir o contido principal
DESCUBRIR

Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla

Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla

Revivir o mítico paso da barca de pedra por As Rías Baixas

A Ruta do Mar de Arousa recupera o traxecto final da singradura da barca de pedra que transportaba os restos mortais de Santiago o Maior. O apóstolo foi decapitado por orde de Herodes Agripa en Terra Santa por predicar o cristianismo; os seus discípulos roubarían o cadáver e embarcaríano para darlle descanso na provincia máis afastada na que practicou o evanxeo.

A Ruta Traslatio ou Ruta Xacobea marítimo-fluvial arrinca en Pedras Negras (O Grove), onde se obtén a cartilla de navegación, e conclúe en Iria Flavia. Percórrense 22 concellos situados en ambas as marxes da ría de Arousa e no remonte do río Ulla, 12 deles na provincia de Pontevedra: Cambados, Catoira, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, O Grove, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Ruta Mar de Aorusa y del Río Ulla

A fermosa ruta marítima, rica en paisaxes, praias e bancos marisqueiros, ten un percorrido de 40 millas. As e os navegantes deben selar a credencial polo menos en dous portos, un deles na beira sur da ría de Arousa e outro na norte; ou tamén nalgunha das marxes do río Ulla. Así o establece a Fundación Ruta Xacobea Mar de Arousa e Ulla, entidade recoñecida de promoción do Camiño de Santiago e declarada de interese cultural e de Galicia pola Xunta de Galicia en 1999.

A singradura permite gozar do único viacrucis marítimo do mundo, composto por 17 cruceiros de pedra. Estes foron doados pola igrexa, polos concellos, polas institucións e empresas.

A travesía

Ao comezo da navegación esténdese o istmo da Lanzada, cunha espléndida praia de máis de dous quilómetros de lonxitude. O punto de partida está próximo á illa de Ons, integrada no parque nacional das Illas Atlánticas, que é recomendable visitar se se dispón de tempo.

Durante a travesía resulta imprescindible visitar O Grove e a illa da Toxa, así como a escala en Cambados, berce do albariño e cun monumental centro histórico no que destaca a praza de Fefiñáns. Tamén é aconsellable deterse na Illa de Arousa, o concello insular máis pequeno de España e cun estupendo espazo natural (O Carreirón).

Ruta mar arousa Catoira

Vilanova e Vilagarcía de Arousa son tamén paradas recomendables; merece a pena a subida ao miradoiro do monte de Lobeira, con marabillosas vistas á ría. A travesía pasa pola illa de Cortegada, que pertence ao parque nacional das Illas Atlánticas e que conta cun excelente bosque de loureiros. Fronte a ela, en terra, desprégase O Carril e os bancos de cultivo das súas afamadas ameixas.

Ao internarse na desembocadura do río Ulla, as e os navegantes verán as torres de Oeste, en Catoira, un forte de defensa fronte aos ataques que acometían os viquingos para apoderarse dos tesouros da catedral de Santiago de Compostela. Orixinalmente, foron sete torres, situadas a ambas as beiras do río, pero na actualidade só se manteñen en pé os restos de dous, xunto a unha pequena capela dedicada a Santiago.

Desplegable