Ir o contido principal
DESCUBRIR

Camiño pola costa

Vive a esencia mariñeira das Rías Baixas

O Camiño Portugués pola Costa parte nas Rías Baixas desde a desembocadura do río Miño e bordea o litoral atlántico ata o fondo da ría de Vigo, onde conflúe co Camiño Portugués tradicional. Esta ruta costeira, desde A Guarda ata Redondela, ofrece espectaculares paisaxes de praias, cantís, marismas, bosques e sendas fluviais. Descubrirás un rico patrimonio arqueolóxico, igrexas e pazos; percorrerás fermosos conxuntos históricos; e mergullaraste na gastronomía, na cultura e nas festas deste territorio.

O castro de Santa Trega é a mellor carta de benvida para as e os peregrinos que percorren esta ruta. Desde o mesmo estuario do río Miño, o camiño da costa é un espléndido balcón cara ao océano Atlántico, ás illas Cíes e á ría de Vigo, que che permitirá vivir en primeira persoa a cultura mariñeira e vitivinícola das Rías Baixas.

Apenas te apartarás da beira do mar ata chegar ao Camiño Portugués central. Goza deste itinerario con aroma a salitre, oficial desde 2016, que che permitirá coñecer a maxia da costa da provincia de Pontevedra.

Desplegable
Título
Fase 1. A Guarda-Mougas (Oia)
Descripción

Distancia: 25 quilómetros

O estuario transfronteirizo do Miño é un lugar de extraordinario interese natural, cunha enorme diversidade biolóxica. Destaca o seu bosque de ribeira, sen parangón en Galicia, onde poderemos atopar amieiros, salgueiros, carballos, freixos, chopos, olmos, bidueiros e loureiros. Ademais, pódense avistar máis de medio centenar de especies de aves acuáticas procedentes do centro e norte de Europa.

A parada na Guarda permíteche gozar das casas típicas mariñeiras, coloristas e estreitas, e dun tranquilo paseo polo porto. A praza do Reló e a igrexa de Santa María son puntos de interese na localidade que deberías visitar.

O monte de Santa Trega reina sobre o estuario e alberga na súa cima o asentamento arqueolóxico protohistórico máis importante de Galicia, coas súas características construcións circulares. A citania remóntase ao século iv a. C. e dá testemuño do comercio prerromano. Merece a pena contemplar a paisaxe desde o punto máis alto do monte, co estuario do río, coa vila da Guarda, co océano Atlántico e coa praia da Foz, en Caminha, aos pés. Unha imaxe inigualable.

A ruta avanza xunto ás praias de Fedorento e Area Grande, onde se atoparon xacementos arqueolóxicos ricos en utensilios elaborados por antigos poboadores. Segue camiño ás terras do municipio do Rosal, famoso polos seus viños da denominación de orixe Rías Baixas. Cos cantís onde baten as ondas do océano aos nosos pés, temos unha vista de gran beleza na que poden observarse aves mariñas durante todo o ano.

Camino de la costa etapa 1

No Rosal podemos realizar ademais unha ruta polos muíños do Picón e do Folón, recoñecidos como ben de interese cultural (BIC).

A seguinte escala nesta etapa é Oia, o terceiro concello do camiño en Galicia. Aquí, o real mosteiro de Santa María de Oia é unha parada obrigada. Situado xunto ao Atlántico, a súa orixe remóntase a 1137 baixo a tutela de Alfonso vii de Castela. Ao longo da súa historia, ata 1835, foi rexido por 140 abades.

Esta etapa conclúe en Mougás, onde destaca o porto, no que se pode admirar unha fermosa zona de rocas. O lugar atrae tamén a persoas afeccionadas ao surf pola súa ondada, apta para a práctica deste deporte.

A poucos quilómetros de Mougás atópase A Cabeciña, un conxunto arqueolóxico con máis de 4 000 anos de historia formado por petróglifos, e un castro con monumentais estruturas defensivas e impresionantes vistas do Atlántico. Os seus orixinais gravados rupestres son únicos en Galicia.

Fronte ao Atlántico desprégase a serra da Groba. Desde alí admírase a bocana da ría de Vigo coas illas Cíes, unha xoia natural que forma parte do parque nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Título
Fase 2. Mougas-A Ramallosa
Descripción

Distancia: 16 quilómetros

Desde Mougás, a ruta avanza cara a Baiona, un municipio precioso cun fermoso conxunto histórico e grande afluencia turística. Xusto no límite do municipio, aínda en Oia, sitúase o faro do cabo Silleiro, que marca a entrada á ría de Vigo.

Na longa e rica historia de Baiona, ten un valor singular a chegada ao seu porto da carabela Pinta en 1493, o que converteu a esta localidade no primeiro lugar de Europa que tivo noticia do descubrimento de América.

O centro histórico foi declarado conxunto histórico-artístico, e destacan como principais puntos de interese a capela de Santa Liberata; a antiga colexiata de Santa María, construída entre os séculos xii e xiv de estilo románico con influencias cistercienses; o hospital Sancti Spiritus; as fontes de Ceta e Pombal e o cruceiro da Santísima Trindade.

Camino Costa Ramallosa

A fortaleza da península de Monterreal merece unha mención á parte; as súas 18 hectáreas están rodeadas por tres quilómetros de murallas ameadas construídas entre os séculos xi e xvii. Desde a fortaleza e a súa contorna contémplanse espléndidas vistas das Cíes.

O itinerario avanza cara a Nigrán, o seguinte municipio do camiño. A ponte románica da Ramallosa, que o une con Baiona, foi construída na desembocadura do río Miñor no século xiii. No centro atópase un cruceiro cun peto de ánimas e unha imaxe de san Telmo.

Outros puntos destacados son a igrexa e o pazo de Cadaval. Ao paso pola ponte da Ramallosa, unha marisma esténdese ante os nosos ollos. Terminaremos a nosa etapa no pazo de Pías ou albergue das Damas Apostólicas. Toca repousar antes de continuar a ruta. Mañá, rumbo a Vigo.

Título
Fase 3. A Ramallosa-Vigo
Descripción

Distancia: 20 quilómetros

Os pazos son un dos moitos atractivos desta ruta a beiras do Atlántico e das Rías Baixas. O itinerario pasa xunto ao de Cadaval-Urzaiz, declarado BIC e cuxo orixe se remonta ao século xiv. A casa señorial está rodeada por un fermoso conxunto axardinado.

Outro dos pazos na ruta é o de Cea, tamén no municipio de Nigrán, construído no século xvi e distinguido como Monumento Histórico e BIC.

Nigrán destaca polos seus areais, entre os que son especialmente recoñecidos Praia América, Panxón e Patos, onde miles de bañistas acoden durante o verán para gozar dos seus días de lecer. Ademais, Patos é moi apreciada polas persoas amantes dos deportes náuticos, xa que é apta para modalidades como o surf ou o wíndsurf.


Camino Costa Castrelos

O traxecto continúa ata Vigo, a cidade máis grande de Galicia, a través da senda fluvial do Lagares, o principal río da cidade olívica. O seu curso leva ás e aos peregrinos ata o fermoso parque de Castrelos, o lugar perfecto para tomarse un descanso. Na parte alta atópase outro pazo, o de Quiñones de León, que alberga o museo da cidade, con ricas coleccións de arqueoloxía, escultura, debuxo, cerámica, pintura de diversas escolas e artes decorativas.

A orixe do edificio remóntase ao antigo pazo de Lavandeira, levantado arredor de 1670. Os seus xardíns de estilo barroco e inspiración francesa, na parte posterior do edificio, datan do século xix; chaman a atención as súas labirínticas sebes de mirto e o roseiral. Na parte baixa sitúase o xardín inglés, tamén chamado pradería do Té, que presenta numerosas variedades de plantas ornamentais e exóticas.

A etapa termina na igrexa da Inmaculada Concepción, tamén chamada dos Picos, e inspirada en Le Corbusier.

Título
Fase 4. Vigo-Redondela
Descripción

Distancia: 17 quilómetros

Unha boa forma de empezar a etapa é ruar polo casco vello de Vigo e gozar do seu animado ambiente.

Alí atópase a concatedral de Santa María, o principal templo da cidade, no que se garda a imaxe do Cristo da Vitoria, símbolo relixioso de Vigo. A procesión do Cristo atrae o primeiro domingo de agosto de cada ano a decenas de miles de persoas.

A praza da Porta do Sol, a medio camiño entre o barrio histórico baixo e o alto, é un dos puntos neurálxicos da cidade. Está xusto á entrada da rúa do Príncipe, zona comercial de luxo de Vigo, e xunto ao Ensanche, a zona de ampliación urbana que creceu progresivamente desde finais do século xix. Alí atoparemos interesantes edificios de distintas escolas arquitectónicas.

Vigo ofrece estupendas vistas panorámicas ao mar sobre espléndidos miradoiros, como o do paseo de Afonso xii, a 500 metros da Porta do Sol, ou o da magnífica fortaleza do Castro. Desde alí divísase o porto, un dos máis puxantes de Europa, ao fondo as illas Cíes e enfronte a península do Morrazo, con excelentes praias.

Camino San Simón

O camiño sae de Vigo a través da Ruta da Auga, que ofrece unha rica variedade natural e excelentes vistas, e avanza cara a Rande, o escenario da épica batalla naval do 23 de outubro de 1702 entre a frota hispano-francesa e a armada anglo-holandesa, que venceu a contenda. Estes feitos deron lugar a lendas sobre tesouros e riquezas ocultas nas augas da ría.

A ruta intérnase na enseada de San Simón, unha zona catalogada como lugar de importancia comunitaria e rica en aves acuáticas. Destaca tamén polo cultivo de bivalvos; as ostras son o manxar principal.

Fronte á costa emerxe a illa de San Simón, que ao longo da súa historia foi desde centro monástico ata campo de concentración, lazareto e fogar para formar orfas e orfos de mariñeiros.

No paseo por Redondela as e os camiñantes atopan un rico patrimonio civil e relixioso no que destacan o pazo de Torrecedeira, construído no século xvii, e a igrexa de Santo André de Cedeira, de estilo barroco e datada no século xviii.

A Idade de Bronce deixou un rico legado de xacementos en Redondela, desde petróglifos ata complexos funerarios e gravados rupestres. A romanización deulle relevancia á localidade e o Camiño de Santiago aumentou a súa importancia no medievo. Son característicos os viadutos do ferrocarril e o fermoso conxunto histórico.