As Rías Baixas en curta… e longametraxe

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Primavera Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur   
A sétima arte ten un vistoso escaparate nas Rías Baixas, que acollen ao longo do ano festivais de referencia de curtas, longametraxes e documentais. Cans , Pontevedra, Tui, Bueu e Vilagarcía de Arousa convértense durante uns días en capitais cinematográficas. Tanto cineastas emerxentes como de recoñecida traxectoria acoden a estas citas nas que prima a creatividade e a calidade.

Fronte ao luxo e a sofisticación de Cannes, que reúne as grandes estrelas do cinema mundial, a parroquia de Cans, no Porriño, presume do agroglamur do seu afamado festival de curtas de produción galega, que combina o cinema coa diversión e a autenticidade. As e os artistas desfilan en chimpín pola estrada central, que durante o evento se transforma no Cans Bulevar; O Torreiro ―a praza da igrexa― é o centro da festa; e as proxeccións realízanse en adegas, galpóns, baixos e casas vellas. Festivais cinematográficos hai moitos, pero ningún se asemella en estilo, concepto e orixinalidade ao de Cans, no que as e os novos cineastas atopan o escenario ideal para difundir o seu traballo e ao que recoñecidos actores e directores non poden resistirse.

Luis Tosar, Juanma Bajo Ulloa, José Luis Cuerda, Karra Elejalde, Daniel Guzmán, Javier Gutiérrez… Son moitos os cineastas que desfilaron pola "pasarela" de Cans, que segundo a propia organización "quizais non sexa o mellor festival, pero si o máis diferente". O evento, ao que concorren curtas de ficción, non ficción, animación, videoclips e web series, ten lugar a terceira fin de semana de maio, coincidindo co glamuroso certame da Costa Azul francesa. Cans empezou, segundo indican as súas creadoras e creadores, case como unha broma en 2004, cando conseguiu reunir a case medio milleiro de asistentes, e xa se converteu nun referente do panorama audiovisual galego, cun público de máis 13.000 de persoas en cada edición, unha gran cobertura mediática e a parroquia envolta nun ambiente de cinema.

Pero o de Cans non é o único certame cinematográfico de alta calidade nas Rías Baixas, onde a curtametraxe ten un lugar destacado. O decano dos festivais de cinema de Galicia é o Curtas Film Fest, que se iniciou en Vilagarcía de Arousa en 1973. Alí proxéctanse curtas e longametraxes, acode convidada moita xente do mundo do cinema e a televisión e realízanse actividades paralelas, como as xornadas de cómic, que se estrearon na pasada edición, e que acolleron exposicións, sesións de firmas, concursos de videoxogos e xogos de rol.

O calendario cinematográfico das Rías Baixas ten outra cita imprescindible, o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), que fomenta desde 2008 a cultura cinematográfica en formato curta. O evento cultural, que este ano se desenvolverá entre o 9 e o 17 de setembro nesta localidade do Morrazo, abre unha xanela ao cinema local e internacional de calidade con decenas de proxeccións. En 2016 a organización recibiu 1.461 curtas de case un centenar de países. Ademais, o FICBUEU colabora con centros educativos e o ano pasado puxo en marcha unha área social con obradoiros e proxeccións para menores hospitalizados, persoas maiores e persoas con discapacidade intelectual.

Pontevedra inaugurou en 2016 outra mostra de calidade, o Festival Internacional Novos Cinemas, que este ano terá lugar entre o 27 de xuño e o 2 de xullo. O certame está aberto a cineastas emerxentes de todo o mundo e premia o traballo das directoras e directores noveis. Poden concorrer óperas primas ou segundas producións, sempre cunha duración de máis de sesenta minutos. Durante o festival realízanse encontros do público con cineastas e equipos de producións que se presentan na sección oficial. Ademais, a programación compleméntase con iniciativas como Resonancias, que elixe un dos títulos que compiten á proposta da crítica cinematográfica.

O Play-Doc de Tui é a cita de referencia en cinema documental nas Rías Baixas. O certame, que este ano se realizará entre o 22 e o 26 de marzo, destaca pola gran calidade da súa programación, enriquecida na nova edición cunha colaboración especial da sala Metrograph, icona do cinema independente neoiorquino. O Play-Doc recibiu máis de 700 traballos procedentes de 66 países este ano e a programación compleméntase con música en directo, cursos, seminarios e obradoiros. Nesta nova convocatoria ofrecerán concertos Joan as Police Woman & Benjamin Lazar Davis, Star Rover e The Dirty Coal Train.

As Rías Baixas ofrecen sesión cinematográfica continua cunha ampla panorámica. A sétima arte cóidase, difúndese e prémiase, en curto e longo formato.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Primavera Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur