As Rías Baixas: cruce de Camiños
Desde Portugal, a Meseta, e mesmo por mar. As vías para percorrer o Camiño de Santiago nas Rías Baixas son espléndidas e variadas, e todas elas atesouran un encanto especial. Ata seis rutas cruzan este destino polo interior e a costa e ofrecen experiencias inesquecibles. Natureza, patrimonio, cultura e gastronomía danse a man nestes fermosos itinerarios.
Dous deles proceden do país veciño: o Camiño Portugués e o da Costa. Outros dous, a Vía da Prata e o Camiño de Inverno, adéntranse na provincia polo interior. Un máis, a Ruta do Mar de Arousa e do Río Ulla, cobre en barco o último treito da lendaria travesía da barca de pedra cos restos do Apóstolo. E o último segue pola comarca do Salnés o camiño do Padre Sarmiento no seu Viaje a Galicia, de 1745.
As e os camiñantes atopan ao seu paso, segundo a ruta que elixan, cantís, praias, fervenzas, fragas, pazos, cidades históricas e vilas termais ou mariñeiras. As formidables paisaxes das Rías Baixas sucédense e deixan unha pegada indeleble nas e nos camiñantes.
É impresionante percorrer os muros circulares do castro de Santa Trega e gozar das vistas ao océano Atlántico e ao esteiro do río Miño. A cidade de Tui, presidida pola impoñente catedral, trasladaranos ao medievo, e en Pontevedra gozaremos do ambiente das prazas e dos seus monumentos.
Vigo, a maior cidade de Galicia, garda intacta a súa esencia ligada ao mar e ofrece incribles panorámicas á ría e ás Cíes. Nas comarcas interiores de Deza e Tabeirós-Terra de Montes as fervenzas e fragas de conto compoñen un escenario ideal con mosteiros e pazos. As augas termais de Caldas de Reis ofrecen o repouso perfecto antes de cubrir o traxecto final cara a Santiago. A gastronomía do Salnés, as súas vilas e viñedos, auguran experiencias enoturísticas e culinarias únicas.
Elixe a túa ruta e vive a maxia do Camiño nas Rías Baixas.