Ulla-Umia
A auga é a protagonista nunha comarca que se estende seguindo o curso baixo dos ríos Ulla e Umia e que actúa como porta de entrada cara á ría de Arousa. Rutas de sendeirismo, praias fluviais, miradoiros, áreas recreativas e parques tratan de sacar partido a unha exuberante natureza.
Estas terras foron habitadas por cilenos e romanos, atacadas por viquingos e defendidas con honra polos seus habitantes. A auga aparece aquí en todas as súas formas e posibilidades. É a gran protagonista dun territorio de paso para as e os peregrinos que camiñan cara a Compostela seguindo as vellas vías romanas.
As terras do Ulla e do Umia posúen un rico patrimonio natural, arqueolóxico e monumental. Pronto os romanos descubriron que as augas termais eran fonte de relaxación e benestar, polo que lles chamaron a dous dos seus núcleos de poboación Aquis Celenis, a actual Caldas de Reis, e Aqua Calida, Cuntis . Nestes municipios atopáronse vestixios que reafirman a ascendencia romana da comarca.