Fiestas en Rías Baixas

Camiños

Camiño Portugués

Camiño Portugués

A fermosa ruta que cruza As Rías Baixas desde o Miño ao Ulla

O Camiño Portugués xerou desde o século XII importantes vínculos sociais, económicos e culturais entre Galicia e Portugal. A ruta tradicional entra nas Rías Baixas a través de Tui, tras cruzar Valença, e continúa polo Porriño cara a Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis e Pontecesures, pasando por catorce concellos. Desde a raia que marca o río Miño ata Santiago de Compostela as e os peregrinos percorren unha distancia de 120 quilómetros, dos que 93 corresponden á provincia de Pontevedra.

Espazos naturais do Camiño Portugués

O Camiño Portugués é unha viaxe polo patrimonio, a cultura e a natureza da provincia de Pontevedra. No seu contorno pódese visitar un amplo abano de espazos de gran valor ambiental. 

Ríos, espazos naturais, fermosos conxuntos históricos coma o de Tui ou Pontevedra, illas, termas, bosques e fervenzas compoñen esta fermosa ruta, de dificultade moderada, a segunda con máis peregrinacións de todas as oficiais, que superou en 2016 os 52.000 camiñantes. Esta é tamén a que máis crece, un 20 % o ano pasado. Máis da metade das persoas que gozan desta experiencia son estranxeiras, o que acredita a proxección internacional do Camiño Portugués. Propoñémosche un percorrido en cinco etapas.

Caldas de Reis

Etapa 1. Tui-O Porriño

Distancia: 18,7 km

O percorrido parte da ponte internacional de Tui, municipio cunha rica historia e un espléndido centro monumental. Esta localidade foi unha das sete capitais do antigo Reino de Galicia. Paga a pena gozar da súa zona histórica, na que sobresae a catedral de Santa María, construída no século XII, de planta románica e con fachada principal de estilo gótico. Outros monumentos relixiosos destacados son as capelas de San Telmo e a Misericordia, as igrexas de San Francisco e San Bartolomé, e os conventos das Clarisas e Santo Domingo.

Parte da historia de Tui está ligada ao Camiño de Santiago. A cidade contaba cun hospital para peregrinas e peregrinos (agora Museo Diocesano, con estupendas coleccións de arte sacra e arqueoloxía), a capela da Virxe do Camiño e a ponte das Febres.

Neste municipio, se se dispón de tempo, convén subir ao monte Aloia, declarado Parque Natural en 1978. Está situado a 700 metros de altura e conta cunha variada flora na que destacan bosques autóctonos e árbores exóticas centenarias.

Continuamos cara ao norte. O Camiño pasa pola ponte da Veiga sobre o río Louro, de orixe medieval; e máis adiante pola capela da Virxe do Camiño.

Na parroquia de Santa Comba de Ribadelouro atopamos un calvario con cinco cruceiros. Pronto atravesamos o municipio do Porriño, no antigo Camiño Real a Vigo achamos outro espléndido cruceiro. O itinerario continúa pola capela de San Carpio e a Quinta do Adro.

Do Porriño cabe resaltar a ermida de San Sebastián, a capela de San Bieito, a igrexa de Santa María e o consistorio, obra do recoñecido arquitecto Antonio Palacios.

Etapa 2. O Porriño-Redondela

Distancia: 15 km

Partimos desde O Porriño e diriximos os nosos pasos cara a Mos, onde sobresaen a igrexa barroca de Santa Eulalia e o pazo do século XVII.

Unha empinada costa lévanos ao cruceiro dos Cabaleiros, erixido no século XVIII, tamén denominado da Vitoria en conmemoración da expulsión dos franceses a principios do século XIX.

A nosa ruta lévanos a Redondela, a vila dos viadutos, a través da N-550. Se dispoñemos de tempo é recomendable visitar antes Vigo. Desde o monte do Castro, a principal atalaia da cidade, podemos divisar as illas Cíes á entrada da ría.

De novo no Camiño entramos de cheo ao interior da ría a través do esteiro de Rande, escenario dunha épica batalla naval en 1702 entre a frota hispanofrancesa e a armada angloholandesa, esta última vencedora da contenda.

A illa de San Simón, na enseada do mesmo nome, xa no interior de Rande, foi, ao longo da súa historia, desde centro monástico a campo de concentración e lazareto.

Redondela posúe un rico patrimonio arqueolóxico, con petróglifos, complexos funerarios e gravados rupestres. A romanización propiciou o crecemento da localidade e o Camiño de Santiago intensificou a súa relevancia no Medievo. Os viadutos do ferrocarril compoñen un dos seus selos de identidade, do mesmo xeito que o seu fermoso centro histórico.

Etapa 3. Redondela-Pontevedra

Distancia: 18 km

Continuamos co noso traxecto, agora en dirección á capital da provincia de Pontevedra. Os nosos pasos lévannos antes ata Cesantes, desde onde obtemos unha excelente vista da illa de San Simón.

Alí descubriremos unha estatua vinculada á novela de Jules Verne, Vinte mil leguas de viaxe submarina, neste caso en plena ría e en homenaxe ao capitán Nemo. O conxunto escultórico queda parcialmente cuberto coa preamar.

A enseada de San Simón, coa ponte de Rande como porta de entrada e a desembocadura do río Verdugo ao fondo, é un espazo natural de gran valor integrado na rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria.

Desde Cesantes continuamos cara a Arcade (xa no municipio de Soutomaior), famosa polas súas prezadas ostras.

Unha visita recomendable se dispoñemos de tempo é o castelo de Soutomaior construído no século XII. Extra muros sitúanse maxestosos xardíns cunha rica, variada e centenaria flora.

Desde Arcade seguimos cara a Ponte Sampaio, cruzando a ponte sobre o río Verdugo. Neste punto librouse entre o 7 e o 9 de xuño de 1809, durante a Guerra da Independencia, unha batalla decisiva na posterior retirada do exército de Napoleón de Galicia.

A ruta achéganos a Pontevedra. No lugar do Pobo tomaremos o itinerario a beira do río Tomeza, xa na cidade, cunha ampla variedade de bosque de ribeira, no que destacan os salgueiros, os freixos, os castiñeiros, os chopos, os bidueiros e os amieiros.

A capital é unha cidade monumental cun fermoso conxunto histórico no que é recomendable dar un agradable paseo por rúas e prazas.

Etapa 4. Pontevedra-Caldas de Reis

Distancia: 22,8 Km

O convento de San Francisco e o santuario da Peregrina, patroa da provincia de Pontevedra, son dous puntos de referencia. A capela da Peregrina, levantada en 1778 e con fachada de estilo barroco con elementos neoclásicos, é un dos edificios simbólicos da cidade do Lérez. No corpo superior poden verse as imaxes de Santiago, San Roque e a patroa como protectores das e dos fieis que van camiño de Santiago de Compostela pola ruta portuguesa.

As ruínas de San Domingos (séculos XIV-XV) están na lista de lugares que debemos visitar na Boa Vila. Entre as prazas, a de Ourense e a da Estrela, que rodean a da Ferrería, son emblemáticas. Tamén merecen unha mención especial as do Teucro, da Verdura, das Cinco Rúas, de Méndez Núñez e de Mugartegui (ou A Pedreira).

A basílica de Santa María, iniciada no século XVI polo Gremio de Mareantes e declarada Monumento Histórico-Artístico en 1931, é un símbolo relixioso de gran transcendencia en Pontevedra.

O animado ambiente do centro histórico convida a probar a gastronomía local nalgún dos seus moitos restaurantes e taperías.

Abandonamos a capital pola ponte do Burgo sobre o río Lérez e pasamos máis adiante polo observatorio da Xunqueira de Alba, unha zona húmida de setenta hectáreas clasificada como Espazo Natural de Interese Local.

Tras saír de Pontevedra poñeremos pé en Barro, outro municipio do Camiño, onde descubrimos o Parque da Natureza do Río Barosa, cunha fermosa paisaxe de fervenzas e remansos, na que destacan a fervenza de Barosa, con trinta metros de desnivel, e unha serie de catorce muíños de auga restaurados.

Seguimos a nosa ruta ata chegar a Caldas de Reis, bañada polos ríos Umia e Bermaña, e que se distingue pola riqueza paisaxística e as augas termais.

O parque-xardín e a carballeira do Umia conforman un formidable espazo natural declarado Paraxe Pintoresca e Xardín Histórico, que presume de contar con máis dun centenar de variedades de especies de todos os continentes, algunhas difíciles de atopar en Galicia.

Etapa 5. Caldas de Reis-Pontecesures

Distancia: 15,9 Km

No percorrido polo conxunto histórico de Caldas de Reis atopamos a igrexa de San Thomas Becket, quen peregrinou a Santiago de Compostela cara a 1167 e fixo unha parada na localidade.

Dentro do patrimonio relixioso de Caldas de Reis destaca tamén a igrexa de Santa María, da primeira metade do século XII. E outro dos templos que se deben resaltar é o de Santo André de Cesar, que conserva a súa ábsida románica.

Nesta localidade atopamos dous balnearios, próximos entre si, que resulta interesante coñecer: o Balneario Acuña, un edificio de arquitectura galega de principios do século pasado, e o Balneario Dávila, que conta cun excepcional canaval de bambú. O uso tradicional das augas termais, con propiedades curativas, remóntase á época romana. A fonte das Burgas, ornamentada cunha cabeza de león á saída do manancial de auga quente, é outro elemento de interese.

Saímos da localidade e dirixímonos ao municipio de Valga. Pasaremos xunto á igrexa de San Miguel, de factura neoclásica e do século XVIII.

A ruta guíanos ata Pontecesures. No noso traxecto faremos escala na igrexa de San Xulián, de orixe románica, que ordenou construír o arcebispo Xelmírez e na que destaca a súa torre campanario.

En Pontecesures destaca a ponte de dez arcos que abre o paso sobre o río Ulla; cruzándoa chegaremos a Padrón, xa na provincia da Coruña.

Os cruceiros son outro dos atractivos de Pontecesures. O de Carreiras, de mediados do século XVIII, ten unha imaxe da Raíña dos Anxos, patroa do lugar, e o de San Xulián, do século XIV, pertenceu á capela de San Lázaro, xa desaparecida.

O río Ulla, o terceiro de Galicia en lonxitude tras o Miño e o Sil, forma parte do sistema fluvial Ulla-Deza, un Lugar de Importancia Comunitaria que integra no seu conxunto tamén os ríos Bermaña, Valga e Sar, e que desemboca na ría de Arousa.