Entre muíños centenarios
Catívate da forza da auga e o vento nas Rías Baixas e descubre nos seus muíños un patrimonio centenario. Percorrerás fermosas paraxes naturais pola ribeira dos ríos, xunto ao mar e por cumes montañosos
Presentes en cantigas, bailes, refráns e lendas, os antigos muíños que salpican a provincia de Pontevedra proporcionáronlle alimento á poboación durante dous séculos e forman xa parte da cultura popular galega. Hoxe son valiosas mostras do rico patrimonio etnográfico das Rías Baixas. Deixa que te atrape a beleza natural da paisaxe e somérxete nos costumes da Galicia tradicional.
En Pontevedra consérvanse muíños de auga, de vento e de mareas que no pasado utilizaban as e os veciños para moer o gran. Atraeranche a súa arquitectura, a súa localización en lugares máxicos e o seu singular mecánica de funcionamento. Unha das mostras máis fermosas atópase no Rosal, espectacular conxunto de sesenta muíños do Picón e do Folón .
Para non perder ...
- Muíños do Picón e do Folón
- Parque natural do río Barosa
- Muíños de Serén
- Muíños de Samieira
Declarados Ben de Interese Cultural, a súa posición ofrece unha preciosa vista sobre o monte de Santa Trega e o Miño. A continuación, cara ao interior, no Parque Etnográfico Muíños da Rocha (Arbo) as e os visitantes atoparanse con catro muíños de auga reconstruídos.
Ventos do Atlántico
Os muíños de vento de Abalo , en Catoira, son dunha modalidade moi pouco frecuente en Galicia e débenlle a súa singularidade morfolóxica ao seu dobre sistema de aspas, único en Europa. Forman un conxunto etnográfico excepcional situado nun alto con espectaculares vistas da ría de Arousa e da desembocadura do Ulla. Unha vez no cume, non podes marchar sen visitar a curiosa lagoa de Pedras Miúdas formada a escasos metros na conca dunha antiga mina abandonada.
Se queres ver en funcionamento algunha destas singulares estruturas é ideal visitar Poio, que conta con dúas rutas de gran beleza: as dos muíños de Samieira e A Freixa.
Os muíños do Picón e do Folón ofrécenlles ás e aos viaxeiros unha preciosa panorámica do monte de Santa Trega e do Miño
Convén tamén deixarse empapar polo misticismo que rodea a Ruta da Pedra e da Auga, entre Ribadumia e Meis, onde poden percorrerse os rehabilitados muíños de Serén e a súa aldea labrega esculpida en pedra.
No veciño municipio de Barro é imprescindible a visita ao Parque da Natureza do Río Barosa. Vivirás un momento inesquecible ao pé da magnífica fervenza flanqueada por 17 muíños que salvan un desnivel de 30 metros de altura. Por alí pasa, ademais, o Camiño Portugués a Compostela.
E xa no norte da provincia de Pontevedra, o municipio de Catoira é peza clave no patrimonio etnográfico das Rías Baixas ao ser o único municipio galego no que conviven as tres modalidades de muíños. Resulta imprescindible a visita aos 45 que seguen o curso do río Freixeiro.