Os viñedos definen a paisaxe e as tradicións das Rías Baixas ata o punto de converterse nun modo de vida ao que se abre a porta a través da Ruta do Viño. O obxectivo é brindarlles ás e aos viaxeiros unha experiencia enogastronómica completa á vez que se mergullan nesta histórica cultura.
As Rías Baixas é unha rexión privilexiada para o cultivo da vide. O seu clima suave, a súa orografía irregular exposta aos ventos atlánticos e os seus chans areosos dan como resultado uns viños de excelente calidade. Os viñedos de Pontevedra crecen ademais rodeados por un rico patrimonio e portentosas paisaxes que lles confiren aos caldos carácter e agradables matices na boca. Son viños inconfundibles polos seus aromas froiteiros, a súa frescura e o seu característico punto de acidez . A calidade do albariño, o seu buque insignia, converteuno nun dos grandes viños de todo o mundo.
Visitas a pazos centenarios, conxuntos históricos protexidos, viñas que se descolgan ata o mar e catas ao atardecer causarán unha fonda impresión en quen se decida a vivir desde dentro o proceso de elaboración do viño.
A aposta por a uva autóctona débese á tradición vitivinícola da provincia, que soubo adaptarse aos novos tempos ata consolidar As Rías Baixas como a zona con maior produción de Galicia. Hoxe a mirada tamén está posta no exterior e tres de cada dez botellas voan xa ao estranxeiro, con EE. UU. como principal destino das exportacións.
O albariño, o rei
A uva albariña é a raíña da Denominación de Orixe , a máis característica e coa que se corresponde o 95 % da produción. Como variedades preferentes en brancas tamén están recoñecidas a uva loureira branca ou marqués, treixadura e caíño branco. En tintas, óptase por caíño tinto, espadeiro, loureira tinta e sousón.
A materia prima procede de 5 subzonas de cultivo que se estenden desde a fronteira portuguesa ata o límite con Compostela. Son O Salnés, Condado do Tea, O Rosal, Soutomaior e Ulla. Trátase de terras baixas, na súa maioría próximas ao mar ou situadas nos tramos inferiores dos cursos fluviais. Recae sobre máis de seis mil viticultoras e viticultores a responsabilidade de coidar con mimo os viñedos, que cobren ao redor de 4.000 hectáreas de terreo. Este “ouro da terra”, en palabras de Ramón Cabanillas, embotéllase finalmente en 180 adegas dispostas a recibir a quen busca novas experiencias para o padal.
Para gozar plenamente dun bo albariño o mellor é maridalo con algún dos excelentes produtos da gastronomía pontevedresa e deixarte envolver polas impresionantes paisaxes que caracterizan a provincia. Á hora de servilo a temperatura ideal para apreciar todos os seus matices son 10º C. Os caldos da D. O. Rías Baixas combinan á perfección con peixes, mariscos, arroces e queixos.
Visita as adegas e os viñedos da Ruta do Viño, goza das catas e completa a túa experiencia nos aloxamentos, restaurantes e outros establecementos asociados tamén a este fantástico itinerario.
Adéntrate na cultura vitivinícola de Rías Baixas!
Consulta aquí a listaxe de establecementos socios da Ruta do Viño.