Fiestas en Rías Baixas

Deza e Tabeirós-Terra de Montes

No centro de Galicia, é o latexo das Rías Baixas e condensa a maxia e o misterio da provincia de Pontevedra. Ao norte de Deza e Tabeirós-Terra de Montes atoparás bosques profundos, como a impresionante Fraga de Catasós ou o Sobreiral do Arnego . Tamén debes deixarte envolver polo potente son da auga ao precipitarse pola Fervenza do Toxa e os segredos que esconden as aldeas abandonadas de Grovas ou Vichocuntín.

O mellor é empezar por unha subida ao monte Faro e descubrir desde alí as terras bañadas polos ríos Deza, Lérez, Ulla, Verdugo e Umia. Nas súas marxes créanse paisaxes de conto. A natureza foi especialmente xenerosa coas Brañas de Xestoso e a serra do Candán. Estas dúas paraxes son unha invitación para emprender unha preciosa ruta cara ao interior da provincia de Pontevedra que non te deixará indiferente.

É imposible deixar de lado a gastronomía da zona. Tanto a terra coma a auga teñen gran protagonismo na mesa. A axenda de calquera viaxeira ou viaxeiro debe reservar días para achegarse á Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada) ou á Festa do Cocido de Lalín, sen esquecerse de degustar unha sidra feita con mazás autóctonas da Estrada e acompañala dunha rica empanada da Bandeira. Quen pode pedir máis?