Cultura milenaria e vangardista
As Rías Baixas son sinónimo de cultura. Cada cidade, vila, rúa e recuncho ofrécelle algo único á persoa visitante. Adentrarse nos seus museos, visitar lugares que inspiraron a escritoras e escritores, e coñecer as súas tradicións, é mergullarse de cheo na súa historia e descubrir a súa identidade cultural.
Os museos da provincia de Pontevedra custodian un patrimonio de gran riqueza. Desde os máis tradicionais aos vangardistas, convidan a descubrir a historia das Rías Baixas, a súa cultura milenaria e os oficios tradicionais. Un legado de incalculable valor que se traduce en miles de pezas e obras de grandes artistas de distintas épocas. Unha viaxe que comeza na prehistoria e chega ata os nosos días.

O mundo das letras atopou nas Rías Baixas o seu escenario perfecto. A provincia de Pontevedra foi berce de ilustres escritoras e escritores, e musa de tantas outras e outros, que descubriron nas fermosas paisaxes unha inmensa fonte de inspiración para as súas obras. Unha terra de frondosos bosques, cálidos mananciais, remansos de paz, vertixinosos ríos e unha poderosa ondada que bate nunha costa de beleza única.
De xeración en xeración chegan aos nosos días historias que perviviron na memoria a través da transmisión oral. Mitos, lendas e tradicións que fan que algúns lugares, de espectacular beleza xa de seu, adquiran unha maxia especial.