Fiestas en Rías Baixas

Cultura

Literatura

Paisaxes inspiradoras

As Rías Baixas son musa e escenario literario desde o medievo

A ría de Vigo inspirou os trobadores medievais galegos e a Jules Verne. Emilia Pardo Bazán atopou un remanso de paz para escribir no balneario de Mondariz e nas terras de Deza, do mesmo xeito que María Vinyals achou a atmosfera idónea para deixar voar a súa imaxinación no castelo de Soutomaior, polo que correu de nena e ao que convidou a grandes personaxes da época.

A vida en Vila de Cruces foi a principal fonte da que bebeu Xosé Neira Vilas. Vilanova de Arousa viu nacer e avivou a creatividade de Ramón María del Valle-Inclán, do mesmo xeito que o talento de Francisco e Julio Camba. Bernardino Graña, o poeta do mar, cantoulles aos pescadores de Cangas e á forza e inmensidade da paisaxe do Morrazo; e un cordón umbilical irrompible une Cambados con Ramón Cabanillas, cuxa escultura observa o horizonte sentado nun banco da vila.

María Vinyals no castelo de Soutomaior

Pontevedra e Vigo foron historicamente, e aínda son hoxe, berce de escritoras y escritores

Estatua Cabanillas CambadosEscultura de Ramón Cabanillas
Pergamino Vindel Martin Codax Cantigas AmigoPergamiño Vindel
Casa museo Valle InclánCasa Museo Valle-Inclán

Castelao pasou os anos centrais da súa vida nunha Pontevedra que vivía daquela un dos seus grandes períodos de efervescencia intelectual. Cantares Gallegos, obra que marcaría o Rexurdimento da lingua galega, imprimiuse en 1863 en Vigo. Ambas as cidades foron historicamente e ata hoxe sementeiro de escritoras e escritores, de berce uns e chegados de diferentes lugares outros, todas e todos imbuídos do seu rico ambiente literario.

O idilio da provincia de Pontevedra co mundo das letras abarca todos os seus recunchos. A lista de creadoras e creadores nacidos nas Rías Baixas esténdese desde o medievo ata os nosos días, e personalidades chegadas doutras provincias e latitudes viviron aquí episodios fundamentais ou centrais das súas vidas. Álvaro Cunqueiro, María Victoria Moreno, Carlos Casares, Agustín Fernández Paz e unha longa nómina de creadoras e creadores son máis que ilustres pontevedresas e pontevedreses de adopción.

Outras e outros teñen aquí as súas raíces, coma a brasileira Nélida Piñón, con orixes en Cotobade. E as estancias breves tamén deixaron a súa pegada en grandes escritoras e escritores universais. En Verne, que deu a coñecer ao mundo os tesouros de Rande; ou en Julio Cortázar, que se daba baños “coma Poseidón” en Nigrán. Unha terra que respira literatura na súa idiosincrasia, cultura e paisaxes máxicos.

Vigo navega no Nautilus

A lenda dos galeóns afundidos en Rande serviulle de inspiración a Xulio Verne para a súa novela Vinte mil leguas baixo dos mares. "Pois ben, señor Aronnax, estamos na baía de Vigo e só de vostede depende que poida coñecer os seus segredos". Con esta frase, e a bordo do “ Nautilus”, o capitán Nemo convida en 1868 o seu prisioneiro, o biólogo Pierre Aronnax, a participar na recuperación do ouro mergullado na ría. Máis dun século e medio despois o conxunto escultórico de José Molares, xunto á illa de San Simón, recorda a presenza de Vigo na obra do xenial escritor.