Escaparates de tesouros
A riqueza patrimonial da provincia de Pontevedra e a coidadosa tarefa para conservalo converten os seus museos nun referente destacado para achegarnos a un inxente legado cultural que lles garante ás e aos viaxeiros unha experiencia única coa que enriquecer a súa visita ás Rías Baixas.
Museo de Pontevedra (Pontevedra)
Creado en 1927 pola Deputación Provincial para continuar o labor da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, da que herdou unha extraordinaria colección de obras de arte e documentos, o Museo de Pontevedra reúne na actualidade máis de 16.000 pezas entre pinturas, esculturas, debuxos, gravados, obxectos arqueolóxicos, moedas, instrumentos musicais, mobles, xoias etc. Os seus fondos abarcan desde a Prehistoria e Antigüidade ata o século XX, ademais de contar con fondos de numismática, artes decorativas, etnografía e naval.
Seis son os edificios que o compoñen, situados todos na cidade de Pontevedra: as Ruínas de San Domingos, vestixios do convento homónimo de dominicos existente nos séculos XIV-XV; o Edificio Sarmiento, con fondos da Prehistoria e produtos cerámicos, ademais dunha importante colección de arte contemporánea e asiático-oriental; o Edificio Castro Monteagudo, sede fundacional do museo; o Edificio García Flórez, unha gran casa señorial urbana de finais do século XVIII; o Edificio Fernández López, que acolle fundamentalmente obras pictóricas dos séculos XIX e XX; e o Sexto Edificio, inaugurado en 2013 e destinado a exposicións, conferencias e obradoiros.
Museo Quiñones de León (Vigo)
O Museo Municipal Quiñones de León, situado no antigo pazo de Lavandeira, naceu froito da doazón do marqués de Alcedo en 1924. De entrada libre e gratuíta, alberga unha sección de arte con máis de 1.500 obras de pintura, escultura, debuxo, estampa e artes aplicadas; e dispón de materiais de gran número de xacementos tanto de Vigo coma de Galicia e doutras partes da península. Os seus fondos son de extraordinario interese para coñecer a historia da cidade olívica desde o século XV ata os nosos días.
Un dos seus principais atractivos é a súa zona axardinada, concibida ao estilo dos grandes xardíns da Francia barroca a finais do século XIX, e con seis partes diferenciadas: o xardín de acceso, o roseiral, o xardín francés, o xardín inglés (coñecido como “pradería do té”), a solaina ao fondo e o bosque. Entre a gran variedade de plantas exóticas e ornamentais que deleitan as e os visitantes destaca a presenza de camelias xapónicas de máis de 200 anos, un tesouro botánico que o converte en escala imprescindible da Ruta da Camelia da provincia.
Museo MARCO (Vigo)
En pleno centro de Vigo atópase o Museo de Arte Contemporánea (MARCO), un centro de arte creada para a difusión de propostas culturais contemporáneas. O edificio que o alberga, anteriormente Palacio de Xustiza e cárcere, acolle desde 2002 numerosas mostras de artistas locais e internacionais de gran prestixio, o que converteu o centro museístico nun gran referente do vangardismo galego e internacional.
Unha das principais apostas do MARCO é o seu programa educativo, con visitas e obradoiros para escolares, actividades para familias, talleres infantís de verán, cursos de adultos, visitas guiadas e obradoiros de artista. Actividades paralelas e complementarias das exposicións, coma seminarios, concertos, conferencias ou ciclos de cinema, ademais dos servizos de Biblioteca e Centro de Documentación, completan unha rica oferta orientada a crear e fomentar hábitos de consumo cultural entre as e os seus visitantes.
Museo Massó (Bueu)
Nas instalacións da antiga conserveira Massó Hermanos, próxima ao porto de Bueu e en plena península do Morrazo, atópase o Museo Massó. O recinto repasa a historia da emblemática factoría e de todo o complexo industrial existente nesta vila e a veciña Cangas, incluída a antiga baleeira. Ademais, recóllese o testemuño da actividade pesqueira, protagonista da vida na fermosa localidade mariñeira na que se atopa.
A riqueza da colección de instrumentos de navegación, documentos e libros editados entre os séculos XV e XIX, obxectos curiosos e maquetas de barcos históricos que atesouraban os irmáns Massó, Gaspar, José María e Antonio, foi o punto de partida dun museo construído sobre o máis antigo da fábrica. Hoxe en día permanece como fiel testemuña do patrimonio marítimo e industrial galego e permite achegarnos de maneira gratuíta ao incrible mundo das e dos traballadores do mar.
Museo do Mar de Galicia (Vigo)
Situado nunha antiga fábrica de conservas de Vigo, a de Alcabre-Molino de Viento (1887), atópase o Museo do Mar de Galicia , deseñado polo arquitecto italiano Aldo Rossi e o galego César Portela. En 14.000 m2, este centro aberto ao público en 2002 conta cun xardín, cinco naves rehabilitadas, unha praza, un edificio de nova planta, un porto no que se sitúa o acuario e o faro como fiel compañeiro do océano Atlántico.
Nun percorrido que busca a diversidade entre os espazos interiores e exteriores, o museo conta cun espazo gratuíto para que as e os visitantes entren en contacto co mar; e cunha exposición permanente de pago, centrada na historia económica e social da industria pesqueira galega. Ademais, no acuario poderemos coñecer de preto os ecosistemas das rías de Galicia, e o xacemento arqueolóxico adxacente ilustraranos sobre as explotacións de recursos pesqueiros xa desde a Prehistoria.
Museo MASAT (A Guarda)
O que foi o primeiro museo arqueolóxico de Galicia atópase situado nunha localización estratéxica, na cima do monte Trega, unha impoñente atalaia de 341 metros de altitude que ofrece espectaculares vistas, nun ángulo de 360 graos, da fronteira natural entre Galicia e Portugal que debuxa o río Miño na súa desembocadura.
Na sala de exposicións do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT), fundado en 1917, poderemos atopar unha visión dos sucesivos períodos do castro e os traballos arqueolóxicos de investigación centrados no poboado prerromano de Santa Trega, datado entre os séculos IV a. C. e I d. C. Nun repaso desde a Prehistoria e a Idade de Bronce ata a época dos castros e romana, poderemos ver raspadores, picos asturienses, machadas, gravados rupestres, útiles e elementos de culto e ornamentación.
Museo Verbum (Vigo)
O Museo Verbum de Vigo, tamén coñecido como Casa das Palabras, atópase nun fermoso contorno, as proximidades da praia de Samil. Proxectado polo arquitecto galego César Portela para constituírse nun espazo cultural, lúdico e divulgativo no que participar activamente nos elementos expositivos a través de xogos, este museo interactivo céntrase en todos os ámbitos relacionados coa comunicación humana: linguaxes, idiomas, palabras, letras, sons, signos…
Organizada en vinte e nove cubos, a estrutura de catro plantas está unificada por unha caixa de luz que as atravesa e relaciona, a semellanza dun conxunto de caixas chinesas que conteñen unhas a outras. Este espazo de entretemento vigués alberga unha sala de exposicións temporais, así como un auditorio e unha aula para seminarios, ademais de organizar actividades interactivas destinadas a escolares, asociacións culturais, familias e todo tipo de visitantes.